Forze Hydrogen Electric Racing Team Delft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo do Forze Hydrogen Electric Racing Team Delft para a tempada 2016-2017

Forze Hydrogen Electric Racing Team Delft (máis coñecido pola forma curta Forze; en galego "Equipo de Carreiras de Hidróxeno Eléctrico Forze de Delft") é un equipo de estudantes da Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft) especializado en carreiras de hidróxeno eléctrico. Desde que Edgar van Os a fundou en 2007, construíronse sete vehículos de pilas de combustible de hidróxeno. As oficinas e os talleres do equipo atópanse na sala D:DREAM do campus da Universidade de Tecnoloxía de Delft. Nesta monumental sala da época da posguerra, deseñada polo arquitecto Dirk Roosenburg, áchanse todos os equipos da TU Delft, chamados os Dream Teams (DARE, Nuna, DUT Racing e Forze).[1]

Membros do equipo cun dos seus coches, fronte ao edificio da biblioteca da Universidade de Tecnoloxía de Delft

Todos os membros do equipo son estudantes de TU Delft, desde o primeiro ata o derradeiro curso, e proveñen dunha ampla variedade de facultades. O tamaño do equipo creceu ao longo dos anos e variou de corenta a sesenta estudantes nos últimos anos. Os estudantes máis involucrados únense ao equipo como unha actividade extracurricular en paralelo aos seus estudos. Só o consello directivo está dedicado a tempo completo.

A misión de Forze é promover a tecnoloxía de celas de combustible mediante a formación non só dos seus propios membros, senón tamén a do público en xeral, así como motivar as industrias para utilizaren a tecnoloxía do hidróxeno. Ao deseñar e construír os seus propios coches de carreiras de hidróxeno de alto rendemento, pódese demostrar o potencial e a aplicación desta tecnoloxía.

Actualmente, Forze segue a ser o único equipo de estudantes en todo o mundo que utiliza células de combustible de alta potencia para automóbiles.

Tecnoloxía hidróxeno-eléctrica[editar | editar a fonte]

Nun vehículo convencional de uso na estrada, a enerxía que se almacena no combustible convértese en enerxía mecánica, utilizando o principio da combustión. Os coches construídos por Forze utilizan un concepto diferente. O sistema de células de combustible de hidróxeno dentro dos vehículos converte a enerxía almacenada no hidróxeno en enerxía eléctrica, o que significa que o sistema de celas de combustible pode utilizarse para alimentar un sistema de accionamento eléctrico con hidróxeno como combustible alternativo.

A eficiencia da conversión de combustible pode ser aproximadamente dúas ou tres veces maior que a dun motor de combustión convencional. As diferenzas máis patentes entre os vehículos hidróxeno-eléctricos e os seus parentes eléctricos de batería son o tempo requirido para recargar e a autonomía da condución. Os tanques de hidróxeno pódense reencher en cuestión de minutos, entanto que as baterías na actualidade tardan varias horas. Isto fai que a propulsión hidróxeno-eléctrica sexa ideal para aplicacións en que se requira un funcionamento sen pausa e unha ampla autonomía.[2]

Coches e competicións[editar | editar a fonte]

Fórmula Zero[editar | editar a fonte]

Podio da Fórmula Zero en Rotterdam, onde o equipo acadou o primeiro posto na sesión de 2008

O equipo comezou a competir no Campionato de Fórmula Zero de 2008, o primeiro campionato mundial de pila de combustible de hidróxeno. Dada a importancia da vindeira economía do hidróxeno e tendo en conta o cambio climático e os problemas relacionados co petróleo, o proxecto atraeu moita atención dos medios internacionais.

A primeira tempada limitouse a un evento no centro da cidade de Rotterdam, ao pé da ponte Erasmus. A segunda tempada consistiu nunha Copa de Europa e un gran premio separado no centro da cidade de Turín. A terceira tempada, novamente, tivo unha soa carreira, que se celebrou no centro da Haia.[3][4]

Fórmula Student[editar | editar a fonte]

A competición de Fórmula Zero non medrou o que se esperaba durante os primeiros anos. O equipo continuou a innovar e pasou á Fórmula Student, cos vehículos Forze IV e Forze, construídos especificamente para esta competición, na que compite tamén o equipo galego UVigo Motorsport, da Universidade de Vigo[5]. Hoxe en día, Forze segue a ser o único equipo de estudantes que competiu cun kart de pilas de combustible.

Cara a unha nova etapa[editar | editar a fonte]

O Forze VII en febreiro de 2017

Logo de competir na Fórmula Student dúas veces, Forze deu un gran paso cara ao mundo das carreiras profesionais. O seguinte coche, o Forze VI, converteuse no primeiro coche de carreiras de tamaño completo impulsado por hidróxeno. Por mor da falta dunha licenza da FIA para o Forze VI, o rexistro para as carreiras oficiais foi difícil, e o coche non competiu en ningunha competencia promovida por esa federación. Para evitar este problema, na última versión da formación Forze, Forze VII, o equipo comprou un LMP3-monocasco con licenza FIA. Con el, o equipo espera construír o primeiro coche de carreiras de hidróxeno para competir contra os combustibles fósiles nunha carreira oficial. O Forze VII é o último modelo de Forze e competirá no Supercar Challenge 2017 durante as xornadas de Gamma Racing no circuíto TT Assen.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Información sobre a estrutura e a constitución do equipo [1] . (En inglés)
  2. Información sobre a tecnoloxía hidróxeno-eléctrica [2] . (En inglés)
  3. "Hydrogen-powered cars meet in championship race". Axencia Reuters. 23 de agosto de 2008. (En inglés)
  4. "Green tech in 'Formula Zero' race". BBC News. 26 de agosto de 2008. (En inglés)
  5. "O novo bólido da Universidade de Vigo xa quece motores". En Galicia Confidencial. 20 de xullo de 2016.
  6. Información e datos técnicos sobre o Forze VII [3]. (En inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]