Dalmacio Bragado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dalmacio Bragado Ruiz»)
Infotaula de personaDalmacio Bragado
Biografía
Nacemento1893 Editar o valor em Wikidata
Villalonso, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte4 de abril de 1986 Editar o valor em Wikidata (92/93 anos)
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaVigo Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista , anarquista , escritor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Dalmacio Bragado Ruiz, nado en Villalonso (provincia de Zamora) en 1893[1][2] e finado en Vigo o 4 de abril de 1986[1], foi un sindicalista e escritor anarquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dos labregos zamoranos Urbano Bragado e Fulgencia Ruiz[2], ao chegar á idade adulta foi chamado para facer o servizo militar no norte de África, onde aprendeu a ler e escribir[1]. Posteriormente emigrou cara a Bilbao, onde tomou contacto co anarcosindicalismo e integrouse na CNT.

Etapa en Bilbao[editar | editar a fonte]

O 23 de febreiro de 1921 era membro do obreiro e anarquista Sindicato Único. Ese día o alcalde de Reus, Manuel Sardà Martí, foi asasinado fronte ao seu domicilio polos disparos de dous individuos[3]. Críase que o atentado era consecuencia de ter o alcalde favorecida a chegada de pistoleiros dos Sindicatos Libres, apoiado pola patronal[4]. Como Bragado cobraba dietas do sindicato polos seus frecuentes desprazamentos a Barcelona, a policía sospeitou del e dous días despois foi detido, xunto a outros anarquistas[5]. Non se demostrou a súa participación no atentado e foi posto en liberdade.

Poucos meses despois Bragado viuse involucrado noutro asunto delitivo. Nesta ocasión caeron sobre el as sospeitas de ter participado nunha onda de roubos durante o mes de outubro do mesmo ano. A mañá do día 15 o pagador dos obreiros da fábrica manufacturera de xute de "Rica Hermanos" en Arbuio (Alonsotegi, Biscaia) foi atracado por catro persoas, que levaron unhas dez mil pesetas en billetes e moedas de prata. A policía de Gordexola capturou a un deles chamado Doroteo del Cura, que levaba parte do botín e recoñeceu os feitos, así como inculpou tamén a Valeriano Gómez Sáiz, Casimiro Sarasola e a «un tal Bragado». No mesmo día, pero polo serán, outros dous atracadores ameazaron ao pagador das obras da Casa Lezama-Leguizamón en plena Gran Vía bilbaína e roubáronlle case tres mil pesetas. Outra persoa viu precisamente a dous sospeitosos enterrar en Indautxu o saco co diñeiro e dúas pistolas Star, que foron recuperados pola policía[6][7]. Dous dos asaltantes do primeiro atraco foron detidos na chamada «mina de Zumaya» en Gordexola[8][9] e, por fin, Dalmacio Bragado foi detido ao día seguinte na bilbaína rúa de Bailén. A teoría da policía era que estaban organizados polo sindicalismo local, e así cualificaron a Bragado de «individuo perigoso» e de instigar a un desempregado (o tal Del Cura) a colaborar no asalto. Ademais, tamén foron detidos outros sete sindicalistas como colaboradores[10]. Poucos días despois a fábrica de Rica Hermanos sufriu un grande incendio[11][12], o que parecía confirmar as sospeitas policiais ao semellar un acto de vinganza dos compañeiros anarquistas. É posible que como consecuencia da detención, fose este o momento no que o escritor Antón Briallos sinala que Bragado foi levado en «condución forzosa» ata Valdepeñas nunha corda de presos[1].

O xuízo polo atraco ao pagador da fábrica de "Rica Hermanos" tivo lugar en Bilbao a finais de febreiro e principios de marzo de 1923. Na causa, Bragado foi declarado non culpable[13] e só resultou condenado «como encubridor» Doroteo del Cura con mil pesetas de multa e outras seis mil de indemnización á familia De la Rica, propietaria da fábrica[14][15].

Chegada a Vigo[editar | editar a fonte]

Sobre o mes de abril Dalmacio Bragado decidiu abandonar o País Vasco e asentarse en Vigo, pouco antes de instaurarse a ditadura de Primo de Rivera. O primeiro emprego que tivo foi na fábrica de La Electra[16], que xusto nese momento estábase a fusionar con outras compañías eléctricas galegas para crear a Sociedad General Gallega de Electricidad. Case inmediatamente entrou en contacto co anarquismo local, particularmente con José Villaverde Velo, fundador e director do xornal Solidaridad Obrera, que acababa de deixar de publicarse un ano antes, e con Manuel Montes Don[1]. Con eles a organización anarquista na ría de Vigo obtivo un novo pulo e converteríanse en figuras senlleiras do sindicalismo galego. Non obstante, a chegada de Bragado coincidiu cun acrecentamento da violencia como método para acadar os obxectivos da loita sindical[17]. Así, o 26 de abril, no contexto dunha folga que os obreiros carpinteiros levaban a cabo desde principios de ano, estourou un artefacto explosivo[18] na rúa Marqués de Valladares, no domicilio de José Sánchez Puga, presidente da Asociación de madeireiros[19][20][21][22][23][24]. Non foron moitos os danos, pero a acción chamou a atención pola súa anormalidade. E á esta engadiuse outra tentativa de atentado apenas dous días despois. Sucedeu na rúa das Travesas, no serradoiro de Adolfo Alonso, onde uns obreiros atoparon unha bomba similar que non chegou a estalar por mor da choiva que caera ese día e asolagara en parte o local[25][26]. Enseguida relacionouse co conflito dos carpinteiros. Por outra banda, neses días a loita sindical estendeuse tamén a outros colectivos, como os albaneis e os canteiros vigueses[27].

O 19 de xullo, ás seis menos cuarto da tarde, produciuse un estouro na sede da Casa do Pobo de Vigo, na rúa García Barbón[28]. Tras a confusión inicial comprobouse que, ademais dos danos producidos no inmoble (que posteriormente foron taxados en apenas dez pesetas), había dúas persoas gravemente feridas, os albaneis Valentín Iglesias Pérez e Ángel Rial Estévez, veciños de Sárdoma. Coas primeiras pescudas comprobouse que os dous estaban fabricando unha bomba nun tubo de ferro[29][30][31], seguindo as instrucións contidas nun papel que tiña o primeiro no peto, e que por unha incorrecta manipulación acabou por estoupar. Esta nota conduciu case inmediatamente á detención de Dalmacio Bragado como indutor da súa fabricación. Atoparon no seu poder «dous folletos comunistas, carnés estendidos a nomes distintos e varias fórmulas para fabricar bombas e explosivos»[32][16][33][34]. Enseguida comezaron a relacionar a chegada de Bragado coa campaña de bombas que case tres meses antes azoutou Vigo[33][35][36]. Os tres, Valentín, Ángel e Dalmacio, foron presos e sometidos a acareos e interrogatorios[37], quedando nesta situación até o xuízo.

A vista tivo lugar o día 29 de outubro na Audiencia provincial de Pontevedra[38] e a fiscalía foi especialmente rigorosa con Valentín e Dalmacio, mentres que Ángel conseguiu un trato a cambio da confesión. Polo seu lado, a defensa argüía que a bomba estaba sendo fabricada para a pesca da troita, polo que pedía a absolución[39]. Finalmente, o día 2, a sentenza foi liviá para Rial e Iglesias, que foron condenados a dous meses e un día de prisión e foron postos en liberdade por tela xa cumprida ao longo da prisión provisional. Porén, Bragado foi sentenciado á «pena de catro anos de presidio correccional»[40].

Ao longo dos inmediatos anos seguintes non aparecen máis novas de Dalmacio Bragado, coincidindo co tempo de condena, que, de ter sido cumprida completamente, levaría á súa posta en liberdade en xullo de 1927. Non obstante, nese tempo naceron polo menos dous dos seus fillos, María e a primeira Emma, que faleceu en 1928.

A súa loita sindical ata o golpe de estado de 1936[editar | editar a fonte]

Secretario do comité local da CNT de Vigo en 1930[41].

Colaborou en La Tierra[1], ¡Despertad! e Mar y Tierra.

En 1936 era vicepresidente do sindicato de boteiros da CNT. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido. Xulgado en Vigo por rebelión militar, foi condenado a cadea perpetua. Logo da morte de Franco, interveu na reorganización do Comité Regional de Galicia da CNT en Vigo, xunto a José Luís Quintas Figueroa, Víctor Francisco Cáceres e Jaime Garrido Vila.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Coa súa compañeira tivo polo menos cinco fillos: María (Vigo, 16-2-1925)[42], Emma (Vigo, 19-5-1926—id., 28-2-1928)[43][44], Blanca († Vigo, agosto 1927)[45], Dalmacio Florear (Vigo, 13-4-1928)[46] e Emma Bragado Doyague (Vigo, 14-4-1930—id., 25-10-2016)[47].

Obra[editar | editar a fonte]

  • Derivaciones y consecuencias del lock-out pesquero de Vigo (xaneiro de 1933)[48]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 (Briallos 2004, p. 23). Esta fonte dá como ano de nacemento o de 1893.
  2. 2,0 2,1 "Requisitoria". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 31-10-1937. p. 2.  Esta fonte di que en 1937 conta 41 anos, polo que o seu nacemento tería sucedido en 1896, aproximadamente.
  3. "Detalles de la muerte del alcalde de Reus". La Libertad (en castelán) (Madrid). 25-2-1921. p. 3. 
  4. Olesti Trilles, Josep (1992). Diccionari biogràfic de reusencs (en catalán). Reus: Ajuntament de Reus. p. 599. 
  5. "Bilbao". El Magisterio Español (en castelán) (Madrid). 26-2-1921. p. 12. 
  6. "El hampa en acción. Atracos en Bilbao". La Rioja (en castelán) (Logroño). 18-10-1921. p. 2. 
  7. "Dos atracos. Bilbao". La Correspondencia de España (en castelán) (Madrid). 17-10-1921. p. 3. 
  8. "De Bilbao. Dos atracos". El Cantábrico (en castelán) (Santander). 16-10-1921. p. 3. 
  9. "Noticias de Bilbao (por teléfono). Racha de atracos". La Atalaya (en castelán) (Santander). 16-10-1921. p. 3. 
  10. "Vizcaya. Los sindicalistas organizaban los atracos". El Debate (en castelán) (Madrid). 18-10-1921. 
  11. "Incendio. Bilbao". Las Provincias (en castelán) (Valencia). 27-10-1921. p. 5. 
  12. "Incendio en una fábrica. Los obreros auxilian a los bomberos". El Liberal (en castelán) (Madrid). 27-10-1921. p. 1. 
  13. "Información de Bilbao. Juicio oral". La Libertad (en castelán) (Vitoria). 1-3-1923. p. 2. 
  14. "Los autores de un atentado". El Sol (en castelán) (Madrid). 2-3-1923. 
  15. "Vascongadas". La Provincia (en castelán) (Teruel). 4-3-1923. p. 2. 
  16. 16,0 16,1 "Nuevas noticias del suceso de la Casa del Pueblo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 21-7-1923. 
  17. O cronista do accidente producido o 19 de xullo na Casa do Pobo, á consecuencia da fabricación dunha bomba por elementos da organización, manifestaba a súa incredulidade perante o sucedido porque, «coñecedores da cordura e a sensatez que informaron sempre aos obreiros vigueses en todos os actos da súa acción proletaria, incluso nos momentos en que a loita se presentaba en termos violentos, parecíanos imposible que na residencia oficial dos traballadores de Vigo acontecese algo tráxico, manifestárase no seu aspecto máis enconado —o fluír do sangue— a loita de clases» (Galicia. Diario de Vigo, 20-7-1923, p. 1, 3º par.).
  18. Un petardo, segundo gran parte das fontes.
  19. "Esta mañana fue colocado un petardo...". Diario de Pontevedra (en castelán) (Pontevedra). 26-4-1923. p. 2. 
  20. "Desde Vigo. Un petardo". La Integridad (en castelán) (Tui). 26-4-1923. p. 2. 
  21. "Sucesos regionales. Explosión de una bomba en Vigo". El Compostelano (en castelán). 27-4-1923. p. 2. 
  22. "Explosión en Vigo. Estalla una bomba en el domicilio del presidente de los madereros". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 7-4-1923. p. 2. 
  23. "Explosión de un petardo en Vigo". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 28-4-1923. p. 2 e 3. 
  24. "Sucesos regionales. Explosión de un petardo en Vigo". El Regional (en castelán) (Lugo). 28-4-1923. p. 2. 
  25. "De Vigo. Hallazgo de una bomba". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 28-4-1923. p. 2. 
  26. "En Vigo. Una bomba que no hace explosión". La Zarpa (en castelán) (Ourense). 28-4-1923. p. 2. 
  27. "El conflicto planteado hace cuatro meses...". La Integridad (en castelán) (Tui). 3-5-1923. p. 1. 
  28. "Desde Vigo. Explosión de una bomba en la Casa del Pueblo". La Integridad (en castelán) (Tui). 20-7-1923. p. 3. 
  29. "Ayer en la Casa del Pueblo de Vigo. A consecuencia de una explosión resultan dos hombre heridos". Galicia. Diario de Vigo (en castelán). 20-7-1923. pp. 3 e 8. 
  30. "Desde Vigo. Explosión de una bomba en la Casa del Pueblo". La Integridad (en castelán) (Tui). 20-7-1923. p. 3. 
  31. "En la Casa del Pueblo de Vigo explota una bomba". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 21-7-1923. p. 2. 
  32. "En Vigo. Explosión de una bomba. Una detención de importancia". El Sol (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 3. 
  33. 33,0 33,1 "De la explosión de Vigo. Detención de un sindicalista. La policía le concede gran importancia. Estado de los heridos". Heraldo de Madrid (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 4. 
  34. "La explosión de una bomba en Vigo. Detención de un sindicalista". La Voz (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 8. 
  35. "Sindicalista detenido en Vigo. Había facilitado la fórmula de fabricar bombas". El Debate (en castelán) (Madrid). 23-7-1923. p. 2. Como Dalmacio reside en Vigo desde hace tres meses y hace próximamente mes y medio, con motivo de la huelga de carpinteros, hicieron explosión varias bombas, se supone ahora que sea él el autor de aquellos atentados 
  36. "Las provincias. La bomba de la Casa del Pueblo de Vigo". La Época (en castelán) (Madrid). 23-7-1923. p. 4. 
  37. "Después de un suceso. La bomba de la Casa del Pueblo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 25-7-1923. p. 7. 
  38. "Pontevedra". El Progreso (en castelán) (Lugo). 1-11-1923. p. 3. 
  39. "Audiencia Provincial. La bomba de la Casa del Pueblo de Vigo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 30-10-1923. p. 1. 
  40. "Audiencia provincial. Sentencia". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 3-11-1923. p. 1. 
  41. El Pueblo Gallego, 4-10-1930, p. 1.
  42. "Registro Civil. Nacimientos". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 17-2-1925. p. 8. 
  43. "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 20-5-1926. p. 7. 
  44. "Registro Civil. Defunciones". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 29-2-1927. p. 7. 
  45. "Los que mueren". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). 10-9-1927. p. 36. 
  46. "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 14-4-1928. p. 6. 
  47. "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 15-4-1930. p. 16. 
  48. (Briallos 2004, p. 25). Folleto de 56 páxinas, editado pola Juventud Libertaria de Vigo e impresa na imprenta de Manuel Montero Malvar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]