Manuel Montero Malvar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Montero Malvar
Nacemento11 de novembro de 1898
 Ponteareas
Falecemento6 de marzo de 1984
 Barcelona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónimpresor
editar datos en Wikidata ]

Manuel Montero Malvar, nado o 11 de novembro de 1898 en Ponteareas e finado o 6 de marzo de 1984 en Barcelona[1], foi un impresor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo do industrial Saturnino Montero Malvar e de Julia Malvar Díaz. En agosto de 1913 foi denunciado, xunto ao seu irmán Jesús e outros, polo párroco de San Lourenzo de Arnoso (Ponteareas) por unhas faltas contra a relixión cometidas nesta igrexa[2].

En 1926 xa estaba en Vigo, sendo multado por escándalo en marzo deste ano[3]. En outubro de 1928 foi elixido bibliotecario da xunta directiva do Círculo Mercantil de Cangas[4]. Máis tarde, foi dono dunha imprenta en Vigo. Foi procesado e condenado a dous meses de arresto por imprentar en decembro de 1933 un panfleto convocando a folga xeral revolucionaria.[5] En marzo de 1945 foi detido acusado de pertencer á Unión Nacional xunto a Mariano Otero Castelao, Jesús Balboa López, Jesús Pérez Bustos, Manuel Álvarez, Cándido Comesaña Comesaña, Leandro Aroca, Xosé Velo Mosquera, Avelino Álvarez Meana, Aníbal González e Rosa González Calvo.

Imprimiu, entre outras moitas obras, o folleto de 56 páxinas "Derivaciones y consecuencias del lock-out pesquero de Vigo" (xaneiro de 1933), escrito por Dalmacio Bragado Ruiz, editado pola Juventud Libertaria de Vigo[6]. No mesmo ano tamén imprimiu o folleto de 50 páxinas "Presupuesto municipal ordinario de gastos e ingresos del Ayuntamiento de Lavadores (provincia de Pontevedra). Ejercicio de 1933".

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Tivo polo menos outros cinco irmáns, todos nados en Ponteareas: Juan Antonio (falecido en Ponteareas en febreiro de 1909), Saturnino Julio (Ponteareas, 24-7-1911—id., 25-12-1911), Jesús, Eduardo (casado con Carmiña Couñago Carrera o 9-1-1930 en Ponteareas) e Erundina (casada o 27-2-1929 con Francisco Gamallo Rodríguez en Ponteareas).

Eduardo Montero Malvar foi profesor de música, membro da banda municipal de música de Ponteareas e cofundador e director da Rondalla da Agrupación Artística de Ponteareas. Tras a guerra civil, cando contaba 39 anos e traballaba en «artes gráficas», foi procesado en Vigo acusado de «auxilio á rebelión», pero a súa causa foi sobreseída. Non sucedeu o mesmo coa súa irmá Erundina que cando contaba 34 anos foi igualmente xulgada en Vigo polo mesmo motivo e condenada a un ano de prisión menor[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rexistros municipais do Ajuntament de Barcelona, "Index Alfabetic de Defuncions 01-01-1981 fins 31-12-1985", folio 2028 (Servicio de Archivos de la Generalitat), indica que a defunción foi rexistrada no tomo 493, folio 333.
  2. "El párroco de Arnoso...". El Eco de Santiago (en castelán) (Santiago de Compostela). 30-8-1913. p. 2. (...) habían manchado varias imágenes del altar mayor, tirado el agua bendita y cometido otras faltas en la iglesia de su cargo. 
  3. "Multas gubernativas". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 10-3-1926. p. 2. 
  4. "Cangas". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 11-10-1928. p. 15. 
  5. El Pueblo Gallego, 7-1-1934, p. 9.
  6. Briallos, Antón (2004). Vigo, 1936. La contribución libertaria a la resistencia contra el alzamiento militar de 1936 en Vigo (PDF) (en castelán). A Coruña: Ateneu Libertario Ricardo Mella. p. 25. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de novembro de 2018. Consultado o 25 de novembro de 2018. 
  7. Universidade de Santiago de Compostela (ed.). "Nomes e Voces". vitimas.nomesevoces.net. Consultado o 25-11-2018.