Concha Castroviejo
Concha Castroviejo | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Concepción Castroviejo Blanco-Cicerón |
Nacemento | 1910 |
Lugar de nacemento | Santiago de Compostela |
Falecemento | 9 de decembro de 1995 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | xornalista, novelista, escritora e crítico literario |
Pai | Amando Castroviejo Nobajas |
Cónxuxe | Joaquín Seijo Alonso |
Fillos | María Antonia Seijo Castroviejo |
Irmáns | Xosé María Castroviejo |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Concepción Castroviejo Blanco-Cicerón, nada en Santiago de Compostela en 1910 e finada en Madrid o 9 de decembro de 1995[1], foi unha xornalista e escritora galega. Moitas das súas obras foron traducidas ao francés, eslovaco, inglés e holandés.[2]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Filla de Amando Castroviejo Nobajas, catedrático de Economía Política e Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela, irmá de Xosé María Castroviejo e neta de Ricardo Blanco-Cicerón. Estudou no colexio de freiras de Praceres (Marín) e, cando morreu o seu pai, fixo o bacharelato en dous anos e rematou Filosofía e Letras na USC. Na Universidade integrouse nos círculos republicanos e coñeceu a Francisco Comesaña Rendo, Borobó e Joaquín Seijo Alonso, con quen tiña previsto casar o 25 de xullo de 1936, enlace que non se celebrou polo estoupido da Guerra civil española, iniciada unha semana antes.
Testificou no xuízo sumarísimo de Francisco Comesaña en Compostela o 23 de decembro de 1936, o que a colocou nunha posición difícil. A principios de 1937 aproveitou unha viaxe de Gaspar Massó García e marchou a Bordeos. Despois reuniuse con Joaquín Seijo en Valencia, onde por fin casaron. Pasou a residir en Barcelona até a derrota do bando republicano en Cataluña en febreiro de 1939, cando tivo que fuxir a Francia. Conseguiu chegar a Bordeos e viviu alí até marchar para México, vía Nova York, no vapor Normandía[3]. No exilio mexicano traballou en San Francisco de Campeche, Tijuana e, sobre todo, en Cidade de México.
En decembro de 1949 retornou a Galicia, chegando ao porto da Coruña coa súa filla. Traballou en La Noche de 1951 a 1953, onde fixo moi popular o pseudónimo de Asela.[4] Ao mesmo tempo fixo os cursos para obter o carné de xornalista en Madrid. En setembro de 1953 marchou a Madrid a traballar en Informaciones. Membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios, formou parte do xurado dos Premios da Crítica. Escribiu en Ínsula, La Estafeta Literaria, Cuadernos de Occidente, Cuadernos Hispanoamericanos, Blanco y Negro e Grial.
Despois dunha enfermidade vascular e dexenerativa que a afastou da vida pública durante dez anos, morreu na súa casa de Ribera del Manzanares en decembro de 1995.
Obras[editar | editar a fonte]
- Los que se fueron (1957).
- Víspera del odio (1959).
- El jardín de las siete puertas (1961).
- O xardín das sete portas (2022). Belagua Ed. 144 páxs. ISBN 9788412443455. 14 contos e unha obra teatral.
- Los días de Lina (1971).
- En las praderas del Gran Manitú (2020, Tandaia).
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concha Castroviejo ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Castroviejo Blanco-Cicerón, Concha". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Alvarellos Iglesias, Enrique (1993). Mulleres destacadas de Galicia. Alvarellos Editora. p. 66. ISBN 84-85311-96-5.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas [Das orixes a 1975]. Edicións A Nosa Terra. pp. 104–105. ISBN 978-84-8341-146-9.