Camarón de praia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Camarón de praia
Palaemon elegans
Palaemon elegans1.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Infraorde: Caridea
Superfamilia: Palaemonoidea
Familia: Palaemonidae
Subfamilia: Palaemoninae
Xénero: Palaemon
Especie: P. elegans
Nome binomial
Palaemon elegans
Rathke, 1837
Sinonimia
Véxase o texto
Palaemon elegans en visión lateral.

O camarón de praia,[1] Palaemon elegans, é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos (Palaemonidae).

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira en 1837 vez polo científico alemánn Martin Rathke.[2]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:

  • Palaemon squilla Leach, 1816
  • Leander squilla elegans (Rathke, 1837)
  • Palaemon minans Norman, 1861
  • Palaemonella gracilis Paulson, 1875
  • Leander squilla prototypa Czerniavsky, 1884
  • Leander squilla brevidigitata Czerniavsky, 1884
  • Leander squilla typica Czerniavsky, 1884
  • Leander squilla intermedia De Man, 1915

Nomes populares galegos[editar | editar a fonte]

Ramonell dálle a esta especie o nome de camarón da praia,[3] igual que fai Daviña Facal,[4] mentres que Ríos Panisse só recolle para ela (citada polo sinónimo Palaemon squilla) o de camarón, sen adxectivos, en Laxe, e tamén apunta que así o denominan Valladares, Crespo e Cornide, aparecendo tamén recollido con este nome no dicionario da RAG dos anos 1930.[5]

Características[editar | editar a fonte]

Palaemon elegans é un camarón típico, co corpo cilíndrico, algo deprimido lateralmente, composto por un cefalotórax na parte dianteira e un abdome formado por seis segmentos. Ten o rostro ancho, curto e bastante recto (só lixeiramente arqueado cara a arriba), con distintivos dentes dorsais (6 ou 7, ás veces até 9) e ventrais (3 ou 4). Xusto debaixo dos grandes ollos compostos están as anténulas, que se dividen en tres partes e, por debaixo delas, as antenas; divididas en dúas partes.[6][3] Os dous primeiros pares de patas marchadoras rematan en quelas (pinzas).

É o máis pequeno dos camaróns galegos, alcanzando tan só 5 ou 6 cm de lonxitude (sen contar as antenas).[3]

A súa coloración é gris translúcida, con liñas de de cor verella apardazada, escuras, no cacho (cefalotórax), con algúns cromatóforos brancos, e o abdome con liñas transversais negras alternando con liñas de puntos brancos. Os segmentos quinto e sexto, e mais o telson, teñen manchas alaranxadas. O segundo par de patas ten os dáctilos de cor azul coas puntas amarelas, propodios tamén azuis, con cíurculos alaranxados e brancos.[3]

Palaemon elegans é moi semellante a Palaemon serratus, Palaemon longirostris e Palaemon adspersus, pero pode distinguirse destes outros camaróns polo número de dentes rostrais e o pedipalpo mandibular, que se compón de dous segmentos. A especie máis parecida é P. adspersus, que é de tamaño un pouco maior, 7 cm como máximo, mentres que P. serratus, o camarón "propiamente dito" chega até os 10 cm.[6][3]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Vive en pozas litorais e zonas rochosas de pouca profundidade (nunca a máis de 40 m) e con moita vexetación,[3] en augas de temperaturas entre os case 7 e os case 12 °C, e cunha salinidade de entre o 10 e o 35 ‰.[6]

Distribución[editar | editar a fonte]

É un camarón propio das augas do Atlántico nororiental, especialmente nas costas das illas Británicas, mar do Norte, Alemaña, Dinamarca e sur de Suecia e Noruega, e tamén se acha no Mediterráneo, especialmente no oriental, chagando até o mar Negro, pero tamén se estende polo sur polas costas africanas subtropicais e tropicais, desde Marrocos até Namibia.[6] É frecuente en todo o litoral da península Ibérica e, obviamente, nas rías galegas.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 224.
  2. Rathke, H. (1837): "Zur Fauna der Krym". Mémoires de l’Académie Impériale des Sciences de St. Pétersbourg 3: 291-454, Láminas 1-10.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Ramonell, R. (1985), p. 214.
  4. Daviña Facal, Luís (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 750. ISBN 84-95335-46-8
  5. Ríos Panisse (1977), p. 43.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 EOL.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Costello, M. J. et al. (eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-289. ISBN 2-85653-538-0.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]