Antena (artrópodos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antena de Tabanus subsimilis.

As antenas son apéndices multisegmentados presentes nos metámeros anteriores dos artrópodos mandibulados.

Nos crustáceos son birrámeas e están presentes nos dous primeiros segmentos do céfalon (cabeza), denominándose o par máis pequeno anténulas. Todos os demais grupos de artrópodos (coa excepción dos quelicerados e os proturos, que carecen delas) teñen un único par unirrámeo de antenas.

As antenas están articuladas á cabeza, poidiendo rotar na súa base articular monocondilar. Aloxan multitude de sensilia táctiles, olfactorios, gustativos e termo- e higroreceptores, que permiten ao animal percibir a presenza de obxectos tocándoos, oír, percibir o movemento do aire, percibir aromas e sabores, así como captar a temperatura e a humidade do ambiente e os obxectos tocados por elas. A percepción de todos estes estímulos é unha definitiva vantaxe biolóxica.

Insectos[editar | editar a fonte]

Termos usados para describir as formas das antenas.

Nos insectos, os receptores olfactorios poden ser extremadamente sensíbeis e capaces de diferenciar determinadas substancias químicas aínda ao nivel dos seus isómeros. Desta maneira, os insectos machos de certas ordes, como son Lepidoptera, Coleoptera etc., poden percibir e orientarse cara ás feromonas sexuais liberadas polas femias da súa mesma especie, facilitándose os encontros sexuais; tamén estes receptores poden percibir feromonas de alarma emitidas por algún outro membro da súa colonia e iniciar unha manobra evasiva ante o perigo que puidiera representar a presenxa dun insecto carnívoro depredador, como sucede nas colonias de pulgóns. Os receptores olfactorios teñen asociado un grupo de neuronas sensoriais. Estas neuronas emiten nervios ou paquetes de axons que, no caso das antenas, penetran no deutocerebro a través dos lóbulos antenais. A capacidade para distinguir olores está relacionada coa proteína trasportadora dos olores, que move a substancia química (olor) desde a súa entrada ao receptor até a superficie da dendrita dalgunha das neuronas sensoriais. A sensibilidade dun receptor olfactorio a unha substancia química causa a despolarización ou cambio de polaridade eléctrica da neurona sensorial, o que pode observarse graficamente usando un electroantenógrafo.

Estrutura
Forma das antenas nos lepidópteros, por C. T. Bingham (1905).

A antena típica dun insecto presenta tres segmentos básicos:

  • Basal ou escapo. O artello basal que se articula coa cápsula cefálica.
  • Pedicelo ou talo. O segundo artello, que une o escapo ao flaxelo.
  • Flaxelo ou clávola. A miúdo o segmento máis longo da antena e tamén o máis variado en formas. Está composto por unha sucesión de aneis, tamén chamados artellos antenais ou flaxelómeros. Tecnicamente os flaxelómeros non son verdadeiros segmentos, pois carecen de musculatura propia. En moitos escaravellos e nas avespas Chalcidoidea os flaxelómeros apicais forman unha clava ou maza, e o termo colectivo para os segmentos entre esta e a base antenal é funículo; por razóns tradicionais, nos escaravellos son os segmentos entre a clava e o escapo, pero nas avespas son os segmentos entre a clava e o pedicelo. Nos grupos con antenas máis uniformes (por exemplo, nos Diplopoda), todos os segmentos se denominan antenómeros. Algúns grupos teñen unha seda simple ou apical ou subapical con diversas formas chamada aresta (que pode estar especialmente ben desenvolvida nalgúns dípteros).

Crustáceos[editar | editar a fonte]

Os crustáceos teñen dous pares de antenas. As do primeiro par son unirrámeas, e a miúdo se lles dá o nome de anténulas, mentres que o segundo par é birrámeo, o que significa que cada antena está formada por dúas partes, unidas na súa base.[1] Na maioría dos adultos as antenas son órganos sensoriais, pero se usan polas larvas nauplio para nadar e para capturar o alimento. Nalgúns grupos de crustáceos, como os Palinuridae (lagostas) e os Scyllaridae (santiaguiños), as segundas antenas son alongadas, mentres que noutros, como nos cangrexos, as antenas son de tamaño reducido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Universidade de Arizona (ed.). "Superphylum Arthropoda" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2007. Consultado o 14 de xaneiro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Garrido, Carlos (1977): Dicionário terminologico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. Corunha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]