Cómaros verdes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cómaros verdes
Autor/a Aquilino Iglesia Alvariño
Cuberta Carlos Maside
Orixe Galiza
Lingua galego
Xénero(s) Poesía
Editorial Imprenta Celta
Data de pub. 1947

Cómaros verdes é un libro de poesía en lingua galega escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, e publicado por en 1947. A portada está deseñada por Carlos Maside.

Características[editar | editar a fonte]

O libro é unha miscelánea de textos diversos, organizado en catro apartados:
E vou namorando inclúe dous poemas con pegada do neotrobadorismo no formal, "Sob as avelaneiras" "Canté ruliña", con refrán e leixaprén.
O pastor das horas ten pegada de hilozoísmo (Van para a misa as bidueiras, no poema "O Sol ergueuse moi cedo").
Nenias (que en latín pode significar canto de berce e canto fúnebre) é unha homenaxe a poetas como Catulo, Tibulo, Friedrich Hölderlin, Sándor Petöfi, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Manuel Antonio e Luís Amado Carballo. Seis destes poemas xa foran publicados antes de 1936.
Cabrifollos e oucas foi a última en ser escrita, con poemas ambientados en Vilagarcía de Arousa.

O temas principal é o paisaxismo, ambientado no mundo rural (os cómaros ou outeiros que dan título á obra). O autor procura facer transcendental o cotián, unha crónica lírica de dúas xeografías vitais: a montaña de Lugo e o mar da ría de Arousa.

Na obra o autor abandona a rima, pero non certo clasicismo formal. Emprega preferentemente o hendecasílabo branco.

Aquilino Iglesia Alvariño usaba un galego rural e fragmentado, con pegadas dialectais da comarca da Terra Chá. Usaba un léxico popular, mais sen caer en hiperenxebrismos e vulgarismos, pola súa formación en linguas clásicas.

Edicións[editar | editar a fonte]

No libro indícase que se rematou de imprimir o 24 de xullo de 1947 na imprenta Celta de Vilagarcía de Arousa. Non obstante, o 23 de xuño de 1947, cando o libro xa fora impreso, o autor entregou dous exemplares na delegación da oficina de censura para solicitar permiso para a súa edición. Mais o libro xa fora editado sen permiso, polo que se solicitou a intervención dos 500 exemplares e a imposición dunha multa. O autor solicitou recomendación a Xosé Filgueira Valverde, quen o puxo en contacto con Juan Aparicio[1]. Os exemplares intervidos foron devoltos, e non se impuxo multa.

En 1986 Edicións Xerais de Galicia publicou a Poesía completa de Iglesia Alvariño, con edición a cargo de Xesús Alonso Montero. En 2002 a obra foi publicada na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estévez, E. (2008): "O franquismo autorizaba a poesía en galego pero non o ensaio", entrevista a Xosé Manuel Dasilva, A Nosa Terra, nº 1335, 27 de novembro de 2008, p. 31.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arias Chachero, P. (2017): Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía de Arousa como poeta e incitador literario. Concello de Vilagarcía de Arousa.
  • VV.AA. (2017): Xornada conmemorativa do 70 aniversario da publicación de Cómaros verdes. Concello de Vilagarcía de Arousa, 29 de novembro de 2017.