Cándido Conde-Pumpido
Cándido Conde-Pumpido | |
---|---|
![]() Conce-Pumpido en setembro de 2012. | |
Nacemento | 22 de setembro de 1949 |
Lugar de nacemento | A Coruña |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | maxistrado, xuíz e avogado |
Cónxuxe | Clara Martínez de Careaga |
Premios | oficial da Lexión de Honor, Orde de San Raimundo de Peñafort, Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort e Cruz de Honra da Orde de San Raimundo de Peñafort |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Cándido Conde-Pumpido Tourón, nado na Coruña o 22 de setembro de 1949, é un xuíz galego, maxistrado do Tribunal Constitucional de España e antigo Fiscal Xeral do Estado e maxistrado da Sala Segunda do Tribunal Supremo de España.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Pasou a súa infancia en Pontevedra, onde o seu pai foi Fiscal da Audiencia, estudando no Colexio da Inmaculada. Licenciouse en Dereito e en Ciencias Económicas e empresariais pola Universidade de Compostela, onde foi fundador e dirixente do primeiro Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega, participando na loita polas liberdades e a democracia do ano 1968.
En 1974 iniciou a súa carreira profesional como Xuíz de Primeira Instancia e Instrución. Foi xuíz no Carballiño, Maxistrado da Audiencia Provincial de Guipúscoa e Presidente da Audiencia Provincial de Segovia. En 1995, os 45 anos, foi nomeado Maxistrado da Sala Segunda do Tribunal Supremo.
Durante o franquismo participou no movemento "Justicia Democrática", que agrupaba os xuíces que propugnaban unha reforma democrática do Réxime. Despois da aprobación da Constitución foi fundador e o primeiro portavoz de "Xuíces Pola Democracia".
No Tribunal Supremo foi poñente da sentenza ditada no caso Roldán (ex director xeral da Garda Civil). Participou no Tribunal que condenou, entre outros, ó exministro de Interior José Barrionuevo polo caso Marey. Foi poñente das sentenzas que condenaron o presidente de Cantabria, Hormaechea e o presidente de Navarra, Gabriel Urralburu.
O 23 de abril de 2004 foi nomeado Fiscal Xeral do Estado, en substitución de Jesús Cardenal, cargo no que continuou ata comezos de 2012, cando foi substituído por Eduardo Torres Dulce. Durante o seu mandato modificouse o sistema de elección do Fiscal Xeral, dándolle un período fixo de mandato de catro anos, para reforzar a súa independencia. No final do seu mandato retornou como Maxistrado da Sala Segunda do Tribunal Supremo. Dende marzo de 2017 é Maxistrado do Tribunal Constitucional.
O Presidente da República Francesa concedeulle a Lexión de Honor en 2011.[1]
Está casado e ten tres fillos, un deles é o avogado Cándido Conde-Pumpido Varela.
Presidente da Asociación Iberoamericana de Ministerios Públicos[editar | editar a fonte]
En outubro de 2007, na XV Asemblea celebrada en Madrid,[2] Conde-Pumpido foi elixido por unanimidade para asumir a Presidencia da Asociación Iberoamericana de Ministerios Públicos (AIAMP), composta por 21 países e que ten como finalidade estreitar os vínculos de cooperación, solidariedade e enriquecemento profesional entre os Ministerios Públicos ibero-americanos. Os países da AIAMP son os seguintes: a Arxentina, Bolivia, o Brasil, Colombia, Costa Rica, Chile, Cuba, Ecuador, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, Nicaragua, México, Panamá, Paraguai, o Peru, Portugal, a República Dominicana, o Uruguai e Venezuela. O antecesor de Conde-Pumpido como Presidente foi Guillermo Piedrabuena Richard, Fiscal Nacional de Chile e o seu sucesor, en 2011, Roberto Gurgel, Procurador-Geral da República do Brasil.
O Fiscal Xeral español Cándido Conde-Pumpido Tourón, que ocupou a presidencia por catro anos, iniciou proxectos importantes de cooperación internacional [3] como as Guías de Santiago de tutela as vítimas e testemuñas, a guía de combate ao tráfico de drogas e as fichas AIAMP para compartir informacións dos Ministerios Públicos ibero-americanos. Foi relevado na presidencia, durante a celebración da XIX Asemblea Xeral Ordinaria da AIAMP, o 7 de decembro de 2011 en Brasilia, polo Procurador Xeral da República, Roberto Monteiro Gurgel, elixido por unanimidade para o bienio 2012-14. Conde-Pumpido declarou ao deixar a presidencia que «Acredito que o señor Gurgel, ao que temos todos un grande aprecio, é a persoa máis indicada para levar adiante esta asociación»[4].
En Brasilia, o 6 de decembro de 2011, durante o Seminario Ibero-americano sobre Novas Formas de Criminalidade, o Fiscal Xeral de España e presidente da AIAMP, Conde-Pumpido, resaltou o combate contra a corrupción, citou a experiencia do seu país coa creación dunha Fiscalia especializada neste tipo de crime e salientou que a sociedade exixe do Ministerio Público «comportamentos estritos e rigorosos»[5] .
Do 23 a 25 de marzo de 2011, Conde-Pumpido inaugurou e participou en Fortaleza, Brasil na IV Conferencia Regional para a América Latina da International Association of Prosecutors, sobre "O papel do Ministério Público no combate contra a corrupción".[6]
Presidente da Conferencia de Fiscais Xerais da Unión Europea[editar | editar a fonte]
En maio de 2009 Conde Pumpido foi nomeado para a presidencia da Conferencia de Fiscais Xerais da Unión Europea (UE), que foi ocupada polo Fiscal Xeral do Estado español. O acordo foi asinado por representantes dos 25 ministerios públicos da Unión.
Esta rede ten como misión o intercambio de experiencias e pronunciarse sobre o desenvolvemento do Dereito europeo, da maxistratura e dos tribunais comunitarios. Conde Pumpido manifestou a necesidade de dar un impulso a unha Fiscalia europea, prevista no Tratado de Lisboa, unha das prioridades do primeiro semestre de 2010, cando España estivo á fronte do Consello Europeo. O Fiscal español explicou que as Fiscalías Xerais europeas precisan deste modelo de coordinación que lles permita aproximar posicións e asistir ás axencias da Unión Europea encargadas de definir as políticas de Xustiza. Madrid foi en 2010 a sede da Conferencia de Fiscais Xerais e Presidentes de Tribunais Supremos da UE[7].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Francia concede la Legión de Honor a Conde-Pumpido y Aurora Mejías por su lucha "incesante" contra ETA". www.europapress.es (en castelán). 24-1-2012. Consultado o 25-7-2019.
- ↑ "Cumbres Iberoamericanas". web.archive.org. 26-4-2014. Consultado o 25-7-2019.
- ↑ "El fiscal Cándido Conde-Pumpido, con sus homólogos Eric Holder y Alberto González". El País (en castelán). 1-12-2010. ISSN 1134-6582. Consultado o 25-7-2019.
- ↑ "PGR é o novo presidente da AIAMP". Ministerio Público Federal (en portugués). 7-12-2011. Consultado o 26-11-2019.
- ↑ "UNODC e Ministérios Públicos Ibero-americanos discutem Corrupção". UNODC United Nations Office on Drugs and Crime (en portugués). 6-12-2011.
- ↑ "IV Conferência Regional para a América Latina da International Association of Prosecutors". web.archive.org (en portugués). 2-4-2012. Consultado o 25-7-2019.
- ↑ "III Reunión de la ‘Red de Fiscales Generales de Europa’ con la participación de los Ministerios Públicos de toda la Unión Europea". fiscal.es (en castelán). 20-5-2010. Consultado o 26-11-2019.
Predecesor: Jesús Cardenal |
Fiscal Xeral do Estado 2004 - 2011 |
Sucesor: Eduardo Torres Dulce
|