Gabriel Urralburu
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de novembro de 1950 (73 anos) Ezkaroze, España |
Presidencia do Goberno de Navarra | |
15 de maio de 1984 – 19 de outubro de 1991 ← Jaime Ignacio del Burgo – Juan Cruz Alli → | |
Deputado do Parlamento de Navarra | |
8 de maio de 1983 – 28 de maio de 1995 | |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
15 de marzo de 1979 – 31 de agosto de 1982 Lexislatura: I lexislatura de España Circunscrición electoral: Navarra Electo en: Eleccións Xerais 1979 en España | |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
2 de xullo de 1977 – 31 de agosto de 1982 Circunscrición electoral: Navarra | |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
2 de xullo de 1977 – 2 de xaneiro de 1979 Lexislatura: Lexislatura Constituínte de España Circunscrición electoral: Navarra Electo en: Eleccións Xerais 1977 en España | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidad Nacional de Educación a Distancia |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | sacerdote católico , político , avogado |
Partido político | Partido Socialista de Navarra Partido Socialista Obrero Español |
Lingua | Lingua castelá |
Gabriel Urralburu Tainta, nado en Ezcároz, Val de Salazar, Navarra, o 6 de novembro de 1950, é un político, sacerdote secularizado e avogado español, que exerceu como presidente do Goberno de Navarra entre 1984 e 1991, ademais de como secretario xeral dos socialistas navarros entre 1982 e 1994.[1] Estivo en prisión entre 2001 e 2003 por delitos de suborno e fraude contra a Facenda Pública española.[2]
Biografía
[editar | editar a fonte]Licenciado en Ciencias Teolóxicas e Morais. Membro da orde dos Misioneiros do Verbo Divino, foi ordenado sacerdote e exerceu até a súa secularización en 1984.
Membro dos grupos de cristiáns de base opostos ao franquismo, da man de Víctor Manuel Arbeloa ingresou no PSOE en 1973 e dirixiu o proceso de reorganización do partido en Navarra. Nas primeiras eleccións democráticas (15 de xuño de 1977), encabezou a lista do PSOE en Navarra e obtivo o escano de Deputado do Congreso, sendo reelixido de novo nas eleccións xerais do 1 de marzo de 1979.
Encabezou a lista do PSOE nas eleccións ao Parlamento Foral de abril de 1979, obtendo 15 escanos, sendo a segunda forza política do Parlamento de Navarra. Entre 1980 e 1982 formou parte da comisión que negociou co Estado, o Amelloramento do Foro de Navarra.
En xuño de 1982, no Congreso Constituínte do Partido Socialista de Navarra PSN-PSOE, foi elixido o primeiro Secretario Xeral da nova organización tras a separación da Agrupación Socialista de Navarra do Partido Socialista de Euskadi, apostando de maneira definitiva os socialistas navarros por Navarra como Comunidade Foral propia e diferenciada no seo do Estado español.
Nas eleccións ao Parlamento de Navarra de 1983 encabezou novamente a lista do PSN-PSOE e foi o candidato deste partido á Presidencia do Goberno de Navarra obtendo 20 escanos e sendo investido presidente como líder da lista máis votada. Ocupou o cargo desde maio de 1984 a outubro de 1987, e tras as eleccións de 1987 revalidouno para a lexislatura 1987-1991.
En 1991, a pesar de lograr 19 escanos, pasou á oposición do novo Goberno de Navarra de Juan Cruz Alli Aranguren (Unión do Pobo Navarro) lista que conseguiu 20 escanos ao comparecer por primeira vez todo o espazo da dereita navarra unido nunha soa lista. Seguiu como líder da oposición até que en xuño de 1994, e tras descubrirse e publicarse datos de enriquecemento ilícito (o chamado "Caso Urralburu") que inicialmente negou, renunciou á súa reelección como secretario xeral do PSN-PSOE, cedendo o posto a Javier Otano Cid, presidente do Parlamento de Navarra, até entón vicesecretario xeral do PSN-PSOE. Tamén compañeiro de profesión e de política de Aladino Colín. Actualmente esta completamente retirado da actividade pública.
Tras licenciarse en Dereito pola UNED, durante a súa estancia en prisión, exerce de avogado en Madrid.
O "Caso Urralburu"
[editar | editar a fonte]Tamén coñecido como a "trama navarra do Caso Roldán", descuberto en abril de 1994 polo rotativo Diario 16. A Audiencia Provincial de Navarra xulgouno polo cobro de comisións millonarias a empresas construtoras na adxudicación de obras públicas. Foi condenado en 1998 xunto con Antonio Aragón Elizalde, exconselleiro de Obras Públicas (1987-1991); as súas respectivas esposas; o exdirector da Garda Civil, Luis Roldán; e o home de palla Jorge Esparza a 11 anos de prisión e 780 millóns de pesetas de multa (600 por suborno e 180 por fraude).[3]
En marzo de 2001 o Tribunal Supremo rebaixou a pena a 4 anos de cárcere ao entender que era incompatibles os delitos de suborno e fraude fiscal.[4]
En decembro de 2001 alcanzou o terceiro grao e en agosto de 2003 concedéuselle a liberdade condicional. Desde ese momento, vive apartado da política exercendo como avogado nun bufete de Madrid.[5]
O seguinte presidente socialista do Goberno de Navarra, Javier Otano (1995-1996), tamén foi xulgado penalmente sendo finalmente absolto por prescrición do delito, referindo Otano que o diñeiro que se atopaba nunha conta suíza ao seu nome era porque Urralburu lle asegurara que era un diñeiro reservado para "futuras necesidades do partido"
Tras a renuncia de Otano, foi sucedido brevemente como presidente "en funcións" por Juan Cruz Alli (CDN) e a este en 1996 por Miguel Sanz Sesma, de UPN.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Biografías de Gabriel Urralburu y Antonio Aragón". Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Urralburu Tainta, Gabriel" (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ EFE (25 de marzo de 1998). "Trama navarra del caso Roldán". El Mundo. Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Urralburu ingresa en prisión tras confirmar el Supremo la pena de cuatro años por cohecho". Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Gabriel Urralburu, condenado con Roldán, logra la libertad condicional" (en castelán). 1 de agosto de 2003. Consultado o 21 de xaneiro de 2022.