Sala Segunda do Tribunal Supremo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sala Segunda do Tribunal Supremo
Información xeral
Sitio web
www.poderjudicial.es

A Sala Segunda do Tribunal Supremo é a Sala do Tribunal Supremo español que culmina a xurisdición penal, resolvendo definitivamente os recursos de casación e revisión sobre cuestións criminais. Ademais é o órgano constitucionalmente competente para axuizar aos Deputados, Senadores e membros do Goberno de España, e por iso é a única Sala mencionada especificamente pola Constitución Española de 1978, que lle atribúe competencias exclusivas nesta materia (arts. 71 e 102 CE), a diferenza da Constitución da República que atribuía a competencia para o axuizamento dos altos cargos do Estado ao Tribunal de Garantías Constitucionais.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo de España é o Tribunal superior en todas as ordes, salvo o disposto en materia de garantías constitucionais, que corresponde ao Tribunal Constitucional. Dentro do Tribunal Supremo, a Sala Segunda constitúe a cúspide da Xurisdición penal, adquirindo especial relevancia polo exercicio das competencias en materia de axuizamento das altas autoridades do Estado, que na Constitución da República correspondían ao Tribunal de Garantías, o que hoxe sería o Tribunal Constitucional.

A Constitución de Cádiz, de 1812, é a orixe do actual Tribunal Supremo. A súa creación apóiase na idea de que "Delegada pola Constitución aos Tribunais, a potestade de aplicar as leis, é indispensable establecer, para que haxa sistema, un centro de autoridade en que veñan reunirse todas as ramificacións da potestade xudicial. Polo mesmo, establécese na Corte un Supremo Tribunal de Xustiza, que constituirá este centro común. Os seus principais atributos deben ser os da inspección suprema sobre todos os Xuíces e Tribunais encargados da administración de Xustiza".

Promulgada a Constitución o 19 de marzo de 1812, o 17 de abril seguinte quedou instaurado o Tribunal Supremo, aínda que o asedio da cidade de Cádiz impediu a eficacia da nova estruturación constitucional da xustiza.

Maxistrados da Sala Segunda en 2015.

O Regulamento do Supremo Tribunal de Xustiza aprobouse xa en Madrid por Decreto de 13 de marzo de 1814, que non chegou a ter vixencia porque o primeiro acto de goberno do Rei Fernando VII, ao regresar do exilio, foi a derogación da Constitución e de todos os decretos das Cortes, o 4 de maio de 1814, coa devolución do Poder Xudicial aos Consellos Reais.

Co "Trienio Constitucional" (1820 a 1823), foron abolidos os antigos Consellos da Coroa e restablecido o Supremo Tribunal de Xustiza.

En 1823, tras a intervención estranxeira dos denominados "cen mil fillos de San Luís", Fernando VII restablece o Consello de Castela, ata que, finalmente, en 1834, a Raíña Isabel II suprime os antigos Consellos de España e de Indias, e instaura definitivamente por Real Decreto de 24 de marzo o Tribunal Supremo.

Esta é, en realidade, a data de constitución efectiva do Tribunal Supremo de España. Unha Real Orde de 15 de agosto de 1836 cambia o nome do Tribunal Supremo de España e Indias polo de Tribunal Supremo de Xustiza, nome que lle outorgaba a Constitución de 1812.

O Título V do Regulamento de 1835 atribúe ao Tribunal Supremo de España e Indias, o coñecemento en primeira e segunda instancia dalgunhas causas criminais ou sobre xurisdicións de señoríos e diezmos que antes eran competencia do Consello de Castela. Nesta data nace a Xurisdición Penal do Tribunal Supremo, hoxe exercida pola Sala Segunda.

A Lei Provisional de Organización de Tribunais de 15 de setembro de 1870 dispón que o Tribunal Supremo estará integrado por un Presidente, catro Presidentes de Sala e vinte e oito Maxistrados. Haberá unha Sala de Goberno e catro de Xustiza: Primeira do Civil, Segunda de admisión do Criminal, Terceira de casación do Criminal e Cuarta de recursos contra a Administración Pública. O Tribunal reunido en Pleno, en única instancia e en xuízo oral e público coñecerá de causas contra Ministros, Presidente das Cortes, Presidente do Tribunal Supremo ou os de Sala, Maxistrados do Tribunal ou das Audiencias e Maxistrados de Sala.

En 1875 por Lei de 20 de xaneiro volveuse a confiar ao Consello de Estado a Xurisdición Contencioso-Administrativa, que máis adiante e por virtude da Lei de 4 de abril de 1904 e Real Decreto de 8 de maio seguinte volveu encomendarse ao Tribunal Supremo.

Durante a Segunda República, por Decreto de 6 de maio de 1931 reorganízase o Tribunal Supremo en cinco Salas: Primeira: para o Civil; Segunda: para o Criminal; Terceira e Cuarta: para o Contencioso-Administrativo; e Quinta: para o Social. A Constitución de 1931 crea unha Sala Sexta de Xustiza militar, asumindo as competencias do Consello Supremo de Guerra e Mariña.

A actual Constitución de 1978 dedica o seu Título VI ao Poder Xudicial e o seu artigo 123 ao Tribunal Supremo recoñecéndoo como o órgano xurisdicional superior en todos ordénes, con xurisdición en toda España, sendo o seu Presidente nomeado polo Rei, a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial, na forma que determine a Lei.[2]

A Constitución da Segunda República outorgaba as competencias para o axuizamento dos altos cargos do Estado ao Tribunal de Garantías Constitucionais, e non á Sala do Penal do Tribunal Supremo. Así se establecía no art 121 que corresponde ao Tribunal de garantías, entre outras competencias, establecer a responsabilidade criminal do Xefe do Estado, do Presidente do Consello e dos Ministros, a responsabilidade criminal do Presidente e os Maxistrados do Tribunal Supremo e a do Fiscal da República.[3]

Sede[editar | editar a fonte]

Acceso á Sala.

A sede do Tribunal Supremo atópase en Madrid, na Praza da Vila de París, ocupando dependencias que foron do Palacio e convento das Salesas Reais, fundado pola Raíña Bárbara de Bragança no século XVIII.[4]

O convento da Visitación da nosa Señora, tamén chamado convento das Salesas Reais, é un conxunto arquitectónico de Madrid, formado por un convento e palacio, e unha igrexa. Foi fundado en 1748 pola Raíña Bárbara de Bragança para colexio e residencia de mozas da nobreza, sendo enterrado na igrexa o Rei Fernando VI así como a propia Raíña fundadora, a súa esposa. Actualmente, a igrexa acolle a parroquia de Santa Bárbara, e o resto da construción é sede do Tribunal Supremo.

O palacio foi deseñado polo francés François Carlier, aínda que debido a unha viaxe deste a Parma, foi Francisco Moradillo quen o levou a cabo, modificando o proxecto orixinal da Igrexa ao incluír dúas torres-campanario. As obras, comezadas en 1750, duraron 7 anos, inaugurándose en 1758. Cando en 1870 as relixiosas foron exclaustradas, o convento destinouse a Palacio de Xustiza, aínda que a igrexa seguiu aberta ao culto.No século XX, o Palacio de Xustiza sufriu dous grandes incendios, resultando gravemente danado no incendio de 1915. A restauración realizouna Joaquín Rojí.

Atribucións[editar | editar a fonte]

Fachada do edificio do Tribunal Supremo.

Artigo 57 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.

1. A Sala do Penal do Tribunal Supremo coñecerá:

1.º Dos recursos de casación, revisión e outros extraordinarios en materia penal que estableza a lei.

2.º Da instrución e axuizamento das causas contra o Presidente do Goberno, Presidentes do Congreso e do Senado, Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Presidente do Tribunal Constitucional, membros do Goberno, Deputados e Senadores, Vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, Maxistrados do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, Presidente da Audiencia Nacional e de calquera das súas Salas e dos Tribunais Superiores de Xustiza, Fiscal Xeral do Estado, Fiscais de Sala do Tribunal Supremo, Presidente e Conselleiros do Tribunal de Contas, Presidente e Conselleiros do Consello de Estado e Defensor do pobo|Defensor do Pobo, así como das causas que, no seu caso, determinen os Estatutos de Autonomía.

3.º Da instrución e axuizamento das causas contra Maxistrados da Audiencia Nacional ou dun Tribunal Superior de Xustiza.

4.º Dos demais asuntos que lle atribúa esta Lei.

2. Nas causas a que se refiren os números segundo e terceiro do parágrafo anterior designarase de entre os membros da Sala, conforme a unha quenda preestablecido, un instrutor, que non formará parte da mesma para axuizalas.

Aforamentos[editar | editar a fonte]

Enténdese por “aforado”o cargo que goza dalgún “foro” (privilexio ou dereito) en materia de xurisdición.

Gozan de aforamento ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo, o Presidente do Goberno, e os Ministros membros deste, por mandato directo da Constitución, (art. 102 CE). Tamén os Presidentes do Congreso e do Senado, e os Deputados e Senadores, de cuxos procesos por delitos coñecerá igualmente a Sala do Penal do Tribunal Supremo, por mandato directo e expreso da Constitución (art. 71 CE).

Os Presidentes dos Gobernos Autonómicos, e os membros destes gobernos (Conselleiros), así como os Presidentes dos Parlamentos autonómicos, e os seus parlamentarios, gozan tamén de aforamento e dos procesos por delitos que cometan coñecerá a Sala do Penal do Tribunal Supremo ou as Salas do Civil e Penal dos Tribunais Superiores de Xustiza en razón do que determinen os Estatutos de Autonomía (arts. 57.1.2º e 73.3.a LOPJ).

Polo xeral a Sala do Penal do Tribunal Supremo só é competente, respecto dos cargos autonómicos, cando os delitos cométense fóra da Comunidade, salvo excepcións, por exemplo, a responsabilidade penal do Presidente da Xunta de Andalucía que só é exixible ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo (art. 40.1 e 50.1 do Estatuto de Andalucía).

A regra xeral é a do “aforamento absoluto”, que inclúe o coñecemento de todos os delitos (sexan ou non cometidos no exercicio do cargo) salvo para os xuíces, aos que o aforamento só alcanza para os delitos cometidos no exercicio da súa profesión (“aforamento impropio”).

A razón de ser dos aforamentos está relacionada coa relevancia política dos cargos públicos, para evitar a interferencia de denuncias ou procesos non suficientemente xustificados no exercicio dos cargos que ostentan. Hoxe en día existe unha gran polémica sobre a conveniencia do seu mantemento.

A prerrogativa da inmunidade parlamentaria é diferente do aforamento e implica a esixencia de solicitar e obter a autorización das cámaras lexislativas para poder imputar ou procesar ao parlamentario (“suplicatorio”), o que só está establecido para os Deputados e Senadores, non para os parlamentarios autonómicos.[5]

Composición[editar | editar a fonte]

Interior.

A Sala Segunda do Tribunal Supremo componse legalmente de quince Maxistrados incluído o seu presidente, aínda que ocasionalmente pode ter máis compoñentes, se se integran nela Maxistrados adscritos ou eméritos.

A súa composición actual é a seguinte:

Presidente, Manuel Marchena Gómez.

Maxistrados, por orde de antigüidade na Sala (2018):

Cándido Conde-Pumpido Tourón (en servizos especiais no Tribunal Constitucional), Andrés Martínez Arrieta, Julián Sánchez Melgar (en servizos especiais como Fiscal Xeral do Estado),  Miguel Colmenero Menéndez de Luarca, Francisco Monterde Ferrer, Juan Ramón Berdugo Gómez de la Torre, Luciano Varela Castro, Alberto Jorge Barreiro, Antonio del Moral García, Andrés Palomo do Arco, Ana Maria Ferrer García,  Pablo Llarena e Vicente Magro. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1] Ministerio de Justicia. Sala Segunda del Tribunal Supremo.
  2. "C.G.P.J - Historia del TS". www.poderjudicial.es. Consultado o 2019-02-27. 
  3. "Constitución de la República Española 1931". www.filosofia.org. Consultado o 2019-02-27. 
  4. ""El Tribunal Supremo de hoy es el que querían en el Doce"". Diario de Cádiz (en castelán). 2013-09-24. Consultado o 2019-02-04. 
  5. [2] Arquivado 16 de abril de 2014 en Wayback Machine. Los aforamientos en España en el ámbito penal. Manuel M. Gómez del Castillo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]