Boris Eltsin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Boris Yeltsin")
Boris Nikolaevich Eltsin
Борис Николаевич Ельцин
Boris Eltsin

10 de xullo de 1991 – 31 de decembro de 1999
Vicepresidente Aleksandr Rutskoi (1991-1993)
Sucedido por Vladimir Putin

6 de novembro de 1991 – 15 de xuño de 1992
Presidente El mesmo
Vicepresidente Aleksandr Rutskii
Sucedido por Egor Gaidar

Datos persoais
Nacemento 1 de febreiro de 1931
Flag of the Soviet Union.svg Butka, Sverdlovsk,
Unión Soviética
Falecemento 23 de abril de 2007 (76 anos)
Flag of Russia.svg Moscova, Rusia
Partido PCUS (ata 1991)
Cónxuxe Anastasia « Naína » Eltsina
Fillos Tatyana e Elena
Alma mater Universidade Técnica Estatal dos Urais
Relixión Ortodoxo Ruso
Sinatura Sinatura de Boris Eltsin

Boris Nikolaevich Eltsin ou Boris Ielsin[1] (ruso: Бори́с Никола́евич Е́льцин) nado en Butká, óblast de Sverdlovsk, Unión Soviética o 1 de febreiro de 1931 e finado en Moscova, Rusia o 23 de abril de 2007, foi o primeiro presidente da Federación de Rusia, entre 1991 e 1999.

O 12 de xuño de 1991 foi elixido para o recentemente creado posto de presidente da República Socialista Federativa Soviética de Rusia co 57% dos votos. Foi reelixido en 1996, derrotando a Guennadi Ziugánov do revivido Partido Comunista. Porén, Eltsin nunca recuperou a súa popularidade inicial despois dunha serie de crises económicas e políticas en Rusia durante a década de 1990.

A era Eltsin estivo marcada pola corrupción xeneralizada, o colapso económico, as guerras de Chechenia e enormes problemas sociais e políticos que afectaron tanto a Rusia como a outros estados da desaparecida Unión Soviética. Durante os primeiros anos da súa presidencia, moitos dos partidarios políticos de Eltsin volvéronse na súa contra e o vicepresidente Aleksandr Rutskoi denunciou as reformas como un «xenocidio económico».[2] Os constantes enfrontamentos co Parlamento culminaron na crise constitucional rusa de outubro de 1993, cando o Parlamento intentou apartar do seu cargo a Eltsin e este, como resposta, asediou a Casa Branca de Moscova, na que morreron centos de persoas. Eltsin desfíxose da Constitución vixente, prohibiu temporalmente a oposición política e proseguiu coa súa experimentación económica. A continuación, introduciu unha nova Constitución cun forte poder presidencial e que foi aprobada nun polémico referendo antes de finalizar o ano.

O 31 de decembro de 1999, Eltsin anunciou a súa renuncia ó cargo de Presidente, deixando o cargo nas mans do seu sucesor, o entón Primeiro Ministro, Vladimir Putin. Eltsin deixou o cargo sendo amplamente impopular entre a poboación do país.[3] Segundo algunhas estimacións, os seus índices de aprobación ó deixar o poder foron tan baixos como o 2%.[4]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Boris Eltsin (segundo pola esquerda) con amigos da infancia

Boris Eltsin naceu en Butka, no óblast de Sverdlovsk na entón Unión Soviética, o 1 de febreiro de 1931.[5] En 1932 despois de que o estado se levara toda a colleita pola colectivización de Butka, a familia de Eltsin trasladouse tan lonxe como puido, a Kazán, a máis de 1.100 quilómetros de distancia. Alí o pai de Boris, Nikolai, comezou a traballar na construción. Boris Eltsin estudou na Universidade Estatal dos Urais (hoxe Instituto Politécnico dos Urais), e comezou a súa carreira na industria da construción.[6] En 1934 Nikolai Eltsin foi acusado de axitación anti-soviética e condenado a realizar traballos forzosos nun gulag durante tres anos.[7]

Trala súa liberación en 1936, Nikolai levou a súa familia Berezniki no Krai de Perm, onde o seu irmán Iván, fora exiliado o ano anterior tras non entregar a súa cuota de gran.[8] Nikolai quedou desempregado por un período e máis tarde volveu a traballar na construción. A nai de Boris, Klavdiya Vasileevna Eltsina, traballou como costureira. Nesta época Boris estudou no Instituto Pushkin de Berezniki. Era aficionado ós deportes –sobre todo ski, ximnasia, balonvolea, entre outros– aínda que perdera o polgar e o índice da súa man esquerda cando entrou xunto a algúns amigos nun arsenal do Exército Vermello, roubaron varias granadas e trataron de desarmalas.[9]

En 1949 foi admitido na Universidade Técnica Estatal dos Urais en Sverdlovsk, graduándose en 1955. O tema do seu proxecto final foi Construción dun pozo mineiro.[10] Desde 1955 ata 1957 traballou como capataz na construción do edificio Uraltyazhtrubstroy. Desde 1957 ata 1963 traballou en Sverdlovsk, e foi ascendido a xefe da Dirección de Construción coa confianza de Yuzhgorstroy. En 1963 converteuse en enxeñeiro xefe, e en 1965 responsable das sumidoiros e canos. Uniuse á nomenklatura do PCUS en 1968, cando foi nomeado Xefe de Construción polo Comité Rexional do Partido en Sverdlovsk.

Membro do PCUS[editar | editar a fonte]

Eltsin foi membro do Partido Comunista da Unión Soviética desde o 17 de marzo de 1961[11] ata o 13 de xullo de 1990,[12] e membro da nomenklatura desde 1968.

En 1977, como oficial do partido en Sverdlovsk, Eltsin recibiu a orde de Moscova de destruír a Casa Ipatiev, onde o tsar Nicolao II e a súa familia foran asasinados polas tropas bolxeviques. A Casa Ipatiev foi demolida a noite do 27 de xullo de 1977.[13] Durante esta etapa en Sverdlovsk, construíuse o palacio do PCUS, ó que os residentes chamaron o Dente Branco.[14] En xaneiro de 1981 Eltsin foi galardoado coa Orde de Lenin, a condecoración máis alta da Unión Soviética, polos servizos ó Partido Comunista e o Estado Soviético e en conexión co 50 aniversario.[5] En marzo de 1981, Eltsin foi elixido como membro de pleno dereito do Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética.[5]

Moscova[editar | editar a fonte]

O 11 de marzo de 1985, Gorbachov foi elixido Secretario Xeral do PCUS polo Politburó trata morte de Constantino Chernenko. O primeiro reto de Gorbachov era resucitar a economía soviética; porén, deuse conta que sería tarefa imposible sen unha reforma da estrutura social e política da Unión Soviética.[15] Para comezar esas reformas comezou a atraer a Moscova a un equipo de membros do partido máis novo e enerxético. O 4 de abril de 1985 Eltsin recibiu a chamada de Eegor Ligachev instándolle a acudir á capital para asumir o cargo de Xefe do Departamento de Construción do Comité Central do Partido.[16] Menos de tres meses despois, foi ascendido a Secretario para a Construción do Comité Central, unha posición dentro do alcance do Secretariado do Comité Central do PCUS.[5]

O 23 de decembro de 1985, Mikhail Gorbachov ascendeu a Eltsin a Primeiro Secretario do Comité da Cidade de Moscova, a efectos prácticos o alcalde da capital, e como resultado, o 18 de febreiro de 1986, Eltsin foi invitado a ser Membro Candidato do Politburó.[17] Como membro do Politburó, Elstin recibíu unha casa rural que previamente fora ocupada por Gorbachov, quen trasladarase a unha máis grande e luxosa nas proximidades. Durante este período, Eltsin retratouse como un reformista e populista, despedindo e reorganizando ó persoal en varias ocasións. Chegou a ser popular en Moscova por despedir a membros corruptos do partido.

Presidente da RSFSR[editar | editar a fonte]

Boris Eltsin con George H. W. Bush.
Eltsin en febreiro de 1989.

Baixo o seu liderado, en xuño de 1990, a RSFS de Rusia (RSFSR) declara a súa independencia da URSS. Nas primeiras eleccións multipartidistas, celebradas o 12 de xuño de 1991, gañou a Presidencia da RSFSR ó obter o 57% de votos. Convértese no Presidente da RSFSR o 10 de xullo dese ano.

Eltsin o 19 de agosto de 1991, dirixíndose á multitude, subido a un tanque fronte ó edificio do Consello de Ministros da República Socialista Soviética de Rusia.

O 19 de agosto de 1991, un intento de golpe de estado contra o presidente da URSS Mikhail Gorbachov é levado a cabo por comunistas de liña dura, liderados por Vladimir Kriuchkov. Gorbachov é feito prisioneiro na súa residencia de verano (dacha) de Crimea, mentres Eltsin chegou ó Parlamento de Moscova para desafiar ós golpistas. Rodeado de tropas, logra convocar manifestacións populares que fixeron desistir ás tropas rebeldes de apoiar o golpe. Eltsin estaba na súa cima política, ó dar un memorable discurso desde a torreta dun carro de combate.

Para o 21 de agosto a maioría dos líderes golpistas xa abandonaran Moscova. Gorbachov foi «rescatado» do seu cativerio en Crimea e devolto a Moscova. A pesar de que estaba de volta na súa posición, Gorbachov non tivo control da Unión Soviética nin de Rusia. Eltsin era xa o líder indiscutible de Rusia, logrando mostras de apoio de varias partes do mundo. Para finais de 1991, Eltsin ordena tomar control dos ministerios soviéticos e declara ó PCUS ilegal en territorio ruso.

En decembro de 1991, Ucraína vota a favor da independencia. Crece a rivalidade entre o presidente da URSS Mikhail Gorbachov e o presidente da RSFSR Boris Eltsin. Unha semana máis tarde, Boris Eltsin reúnese co Presidente de Ucraína, Leonid Kravchuk e o líder de Bielorrusia, Stanislav Shushkévich en Belovézhskaya Puscha. Nesa reunión, por medio do Tratado de Belavezha, é declarada a disolución da URSS e o establecemento da Comunidade de Estados Independentes no seu lugar.

O 24 de decembro, a Federación Rusa toma o asento da URSS nas Nacións Unidas. Ó día seguinte, o presidente da URSS Mikhail Gorbachov dimite e a URSS deixa de existir.[18]

Presidente da Federación Rusa[editar | editar a fonte]

Gráfico económico de Rusia moderna. Durante os anos de Eltsin, a economía viviu os seus peores momentos.

Ós poucos días da caída da Unión Soviética, Boris Eltsin embarcou nun programa de reformas económicas radicais, co obxectivo de reestruturar o sistema económico de Rusia, transformando a maior economía socialista do mundo nunha economía de mercado.

Ó final de 1991, Eltsin favoreceu os especuladores e institucións estranxeiras, como o Banco Mundial, o FMI e até mesmo o Departamento do Tesouro dos Estados Unidos, que nos anos 1980 desenvolveran técnicas de recuperación económica para economías en transición. Esas políticas ficaron coñecidas como "Consenso de Washington", e máis particularmente no caso de Rusia, como "terapia de choque", por conta das duras penas que os rusos sufriron durante este período.

O 2 de xaneiro de 1992, Eltsin, actuando como Primeiro Ministro, ordenou a liberalización do mercado estranxeiro, dos prezos e da moeda. Ó mesmo tempo, seguiu unha política de estabilización macroeconómica, baseado nunhas políticas de austeridade para controlar a inflación. Baixo o programa de estabilización de Eltsin, a taxa de interese creceu ata niveis extremos, para controlar o rublo e restrinxir os créditos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pautas para un correcto uso da linguaxe" (PDF). Universidade de Vigo. Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  2. New York Times, ed. (febreiro de 1992). "Yeltsin Deputy calls reforms Economic Genocide". Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  3. Paul J. Saunders, "U.S. Must Ease Away From Yeltsin", Newsday, 14 de maio de 1999. [1]
  4. "Transcripts of 'Insight' on CNN". CNN. 7 de outubro de 2002. Consultado o 17 de xullo de 2007. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. pg. 739; ISBN 0-00-653041-9.
  6. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. p. 5.
  7. "Timeline of a Leader". Canadian Broadcasting Corporation. outubro 1998. Consultado o 17 de abril de 2007. 
  8. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. p. 6.
  9. BBC, ed. (27 de abril de 2007). "10 things we didn't know last week". Consultado o 29 de abril de 2007. 
  10. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. p. 16.
  11. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. p. 30.
  12. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. p. 740.
  13. Searchfoundation (ed.). "Chronology". Consultado o 3 de novembro de 2010. 
  14. Panorama (ed.). "Yeltsin Boris Nikolayevich". Consultado o 3 de novembro de 2010. 
  15. Archontology.org, ed. (27 March 2009). "Михаил Сергеевич Горбачёв (Mikhail Sergeyevič Gorbačëv)". Consultado o 3 de abril de 2009. 
  16. Leon Aron, Boris Yeltsin A Revolutionary Life. Harper Collins, 2000. page 132.
  17. The Strange Death of the Soviet Empire, páxina 77; ISBN 0-8050-4154-0
  18. información sobre la disolución de URSS en "Borís Yeltsin, el obrero travieso que disolvió la U.R.S.S."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Flag-map of Russia.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Boris Eltsin Modificar a ligazón no Wikidata
Predecesor:
Ninguén
Standard of the President of the Russian Federation.svg
Presidente da Federación Rusa

1991 - 1999
Sucesor:
Vladimir Putin