Bohumil Hrabal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBohumil Hrabal

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(cs) Bohumil František Kilian Editar o valor em Wikidata
28 de marzo de 1914 Editar o valor em Wikidata
Brno-Židenice, República Checa Editar o valor em Wikidata
Morte3 de febreiro de 1997 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Praga (República Checa) Editar o valor em Wikidata
Causa da morteCaída de altura Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaHradištko
Cemiterio de Hradištko Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaQ122416555 Traducir Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeChecoslovaquia
República Checa Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Carolina de Praga
Faculty of Law, Charles University in Prague (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoProsa en lingua checa, poesía en lingua checa e artes visuais Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescritor , poeta avogado , poeta , guionista , novelista , prosista Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1952 Editar o valor em Wikidata -
Membro de
Xénero artísticoPoesía e ficción Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua checa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeEliška Hrabalová
ParentesBohuslav Kilian (tío) Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0398518 Allocine: 80825 Allmovie: p161461
Bitraga: 1734 Dialnet: 265948 Find a Grave: 16331411 Editar o valor em Wikidata

Bohumil Hrabal, nado en Brno (Imperio Austrohúngaro) o 28 de marzo do 1914 e finado en Praga (República Checa) o 3 de febreiro do 1997, foi un destacado novelista en lingua checa.[1] Entre as súas obras, destacan Eu servín ao rei de Inglaterra (1971) e Unha soidade demasiado ruidosa (1977), editadas en galego por Rinoceronte Editora. Os seus libros foron traducidos a máis de vinte linguas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bohumil Hrabal matriculouse en Dereito na Universidade Carolina de Praga, mais tivo que interromper os seus estudos a causa da ocupación nazi de Checoslovaquia.[2] Traballou nunha empresa ferroviaria durante a segunda guerra mundial, e logo foi tremoísta, carteiro e obreiro do metal;[2] tamén foi empregado dunha planta de reciclaxe de papel de libros censurados, o que inspiraría a súa novela Unha soidade demasiado ruidosa. A pesar de que comezou a escribir poesía e relatos curtos a finais dos corenta, Hrabal foi un autor serodio, xa que publicou a súa primeira obra, Skřivánci na niti ("Loias no arame"), no 1963, con case cincuenta anos.[2]

Durante a década dos setenta, coñecida como a "época da normalización" na Checoslovaquia comunista, foi represaliado e expulsado da Asociación de Escritores Checos, polo que as súas obras foron retiradas de librarías e bibliotecas.[3] Hrabal viuse na obriga de publicar os seus textos en tiradas reducidas, coñecidas como edicións samizdat, a pesar de que as súas obras anteriores foran sempre éxitos de venda.[2]

Malia a súa sona, o escritor checo mantívose sempre afastado da vida social.[3] Bohumil Hrabal faleceu aos 83 anos de idade tras caer dun sexto piso.[3][4] Nunca se aclarou se foi un accidente ou un suicidio.[3][5]

Obra[editar | editar a fonte]

As primeiras obras de Hrabal son unha confusa mestura de pequenas historias e anécdotas de carácter cómico, transmitidas cunha linguaxe rica e compacta. Situados entre a oralidade e a vangarda, amosan un gran sentido do humor e empregan asociacións surrealistas.[2] Desta etapa, cabe destacar Tanecní hodiny pro starsí a pokrocilé ("Clases de baile para adultos e alumnos avantaxados", 1964), de construción experimental, xa que está constituída por unha longa frase inacabada.[2]

No 1965, publicou Ostře sledované vlaky ("Trens rigorosamente vixiados"), un relato sobre un gardavías e o seu aprendiz, co pano de fondo da ocupación nazi.[2] A peza céntrase nos pequenos detalles da vida do protagonista e a súa iniciación sexual.[2] O autor inspirouse en feitos reais acaecidos no protectorado de Bohemia e Moravia, cando un grupo de guerrilleiros atacou un tren alemán de municións preto da estación de Stratov. Esta obra foi levada ao cinema polo director Jiří Menzel no 1966, nun filme homónimo protagonizado polo actor Vaclav Neckar, que obtivo o premio Óscar á mellor película de fala non inglesa no 1967.[2]

Bohumil Hrabal no 1988 (foto de Hana Hamplová)
Bohumil Hrabal no 1988 (foto de Hana Hamplová)

Tras a invasión soviética do 1968, Hrabal escribiu as súas tres novelas máis importantes: Nezný barbar ("Bárbara tenrura", 1973), publicada no estranxeiro, que narra as aventuras picarescas dun debuxante e os seus amigos na Praga de mediados do século XX; Eu servín ao rei de Inglaterra (1971), descrición do ascenso e caída dun aprendiz de camareiro; e Unha soidade demasiado ruidosa (1977), o monólogo dun traballador de almacén dunha planta de reciclaxe enfrontado a un mundo que cambia de xeito inexplicable.[2] Esta última pode considerarse unha obra cun fondo metafísico, que reflexiona sobre a posición do ser humano na sociedade, próxima á literatura de Kafka. Os tres libros foron publicados en tiradas de samizdat, e non serían editados con normalidade até os oitenta.[2]

Pola súa banda, Eu servín ao rei de Inglaterra é unha visión irónica sobre a vida dun camareiro corrente. É a primeira obra longa do autor, dividida en cinco seccións. Retrata o período da ocupación nazi, a guerra, e as posteriores nacionalizacións, así como o encarceramento dos antigos millonarios.[6] No 2006, Jirí Menzel estreou unha versión cinematográfica desta novela. Segundo o director, Hrabal "describiu moitos horrores e bestialidades da vida sen asomo de depresión ou desespero; ao contrario, ensinou a prepararnos para soportar as durezas sen perder o sentido do humor".[4]

Entre o resto da súa produción, destaca a triloxía Svatby v domě ("Vodas na casa", 1986-1987), composta por unha primeira parte de título homónimo, e as súas continuacións, Vita nuova e Proluky.[2] Esta saga recolle a traxectoria persoal e intelectual de Hrabal, narrada pola súa esposa Eliška e por outras persoas da súa contorna, así como polo propio autor.[2]

Estilo[editar | editar a fonte]

Na súa primeira etapa, a escrita de Hrabal amosa as influencias do surrealismo e do dadaísmo, usando os métodos do collage e da montaxe.[6] Do movemento dadaísta, Hrabal toma a súa capacidade de esmagar a realidade, fragmentandoa de tal xeito que os detalles cobran a súa propia importancia semántica e interactúan de maneira inesperada con outros detalles nos que un normalmente non repararía, considerándoos banais.[6] Tamén se inspirou na obra de autores como Louis-Ferdinand Céline, Giuseppe Ungaretti ou James Joyce, de quen podía evocar pasaxes enteiras.[4]

Na obra de Hrabal destaca a perspicacia na súa observación dos costumes e o seu talento narrativo e lírico. Os seus textos tratan sobre acontecementos reais, reaxustados e desprazados no tempo.[5] A miúdo, as súas personaxes son extravagantes e estrañas, antiheroes que manifestan unha inesgotable ledicia de existir. Así mesmo, actúan de xeito atrevido, interesándose por detalles cotiáns e mínimos, cunha grande imaxinación creativa. En palabras do autor:[3]

Alí onde eu erro coma home, erran tamén as miñas personaxes. Por outra banda, eles senten orgullo polas mesmas cousas ca min; é dicir, polos pormenores cotiáns da vida

As súas novelas amosan un desprazamento constante entre o pracer e o medo, entre a culpa e o deleite, presentando o difícil esforzo por ser hedonista nun mundo onde o gozo desapareceu, onde a única verdade recoñecida é a historia ou a política.[7]

Hrabal destacou tamén pola súa expresión cómica dos absurdos da existencia. O seu compatriota Milan Kundera describiuno como "a encarnación da Praga máxica, a unión do humor terreal e da imaxinación barroca".[4] Segundo a súa tradutora ao catalán, Monika Zgustova, "nos seus libros hai tanta literatura coma filosofía".[4]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Mural dedicado a Bohumil Hrabal. O texto á súa esquerda di: «Estou de pé aquí, coa fronte coroada de mil engurras, estou aquí de pé, coma un vello sambernardo, e miro ao lonxe, moi lonxe, até o confín da miña infancia...»
  • Ztracená ulička ("Calella perdida", 1948).
  • Hovory lidí ("Chamadas da xente", 1956).
  • Skřivánci na niti ("Loias no arame", 1959).
  • Perlička na dně ("A perla no fondo", 1963).
  • Pábitelé (1964).
  • Ostře sledované vlaky ("Trens rigorosamente vixiados", 1964).
  • Taneční hodiny prol starší a pokročilé ("Clases de baile para adultos e alumnos avantaxados", 1964).
  • Inzerát na dům, ve kterém už nechci bydlet ("Anuncio dunha casa onde xa non quero vivir", 1965).
  • Kopretina ("Margarida", 1965).
  • Automat Svět ("Un mundo automático", 1966).
  • Městečko u vody ("Unha vila á beira da auga", 1976-1981).
Obras completas de Bohumil Hrabal
Obras completas de Bohumil Hrabal
Tumba de Bohumil Hrabal en Praga
  • Každý dean zázrak ("Cada día un milagre", 1979).
  • Slavnosti sněženek ("A festa das campaíllas", 1978).
  • Příliš hlučná samota ("Unha soidade demasiado ruidosa", 1980).
  • Kluby poezie ("Os clubs de poesía", 1981).
  • Něžný barbar ("Bárbara tenrura", 1981).
  • Domácí úkoly z pilnosti ("Tarefas para alumnos dilixentes", 1982).
  • Obsluhoval jsem anglického krále ("Eu servín ao rei de Inglaterra", 1982).
  • Domácí úkoly z poetiky ("Tarefas de poética", 1984).
  • Život bez smokingu ("Unha vida sen smóking", 1986).
  • Svatby v domě ("Vodas na casa", 1987).
  • Chcete vidět zlatou Prahu? ("Quere ver a Praga dourada?", 1989).
  • Kličky na (1987).
  • Můj svět ("O meu mundo", 1989).
  • Schizofrenické evangelium ("O evanxeo esquizofrénico", 1990).
  • Ponorné říčky ("Ríos subterráneos", 1991).
  • Růžový kavalír ("O cabaleiro da rosa", 1991).
  • Aurora na mělčině ("Aurora nos baixíos", 1992).
  • Večerníčky prol Cassia ("Ceas para Casia", 1992).
  • Texty ("Textos", 1994).

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Unha soidade demasiado ruidosa (2006). Tradución ao galego de Fernando de Castro García. Rinoceronte Editora.[8]
  • Eu servín ao rei de Inglaterra (2008). Tradución ao galego de Fernando de Castro García. Rinoceronte Editora.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Bohumil Hrabal - Novelist, Short Story Writer, Poet - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-01-05. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 "Biografia de Bohumil Hrabal". www.biografiasyvidas.com. Consultado o 2024-01-05. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "El décimo aniversario de la muerte de Bohumil Hrabal". Radio Prague International (en castelán). 2007-02-02. Consultado o 2024-01-05. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Bohumil Hrabal, el 'plus ultra' de la literatura checa". El Español (en castelán). 2014-04-02. Consultado o 2024-01-05. 
  5. 5,0 5,1 "Bohumil Hrabal". art-bin.com. Consultado o 2024-01-05. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Bohumil Hrabal - a few notes on the writer's style". Radio Prague International (en inglés). 2003-12-10. Consultado o 2024-01-05. 
  7. Thirlwell, Adam (2009-08-14). "Pleasure principle". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2024-01-05. 
  8. "Unha soidade demasiado ruidosa - Rinoceronte Editora - LG3 - O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2024-01-05. 
  9. "Eu servín ao rei de Inglaterra - Rinoceronte Editora - LG3 - O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2024-01-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]