Benny Moré

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Moré en Cienfuegos.

Bartolomé Maximiliano Moré Gutiérrez, coñecido como Benny Moré, Beny Moré ou mesmo polo alcume El Bárbaro del Ritmo, nado en Santa Isabel de las Lajas o 24 de agosto de 1919 e finado na Habana o 19 de febreiro de 1963, foi un cantante e compositor cubano. Destacou particularmente no son montuno, o mambo, e o bolero. A día de hoxe é considerado un referente da música caribeña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no barrio de Pueblo Nuevo de Santa Isabel de las Lajas, na entón provincia de Las Villas, hoxe na Provincia de Cienfuegos, no centro de Cuba. Era o maior de 18 irmáns dunha familia afrocubana humilde e campesiña. Dise que o seu tataravó materno, Gundo, era descendente do rei dunha tribo do Congo que foi capturado aos nove anos por traficantes de escravos e vendido ao propietario dunha plantación cubana, chamado Ramón Paredes. Gundo pasou a chamarse entón Ta Ramón Gundo Paredes. Ao pasar a ser propiedade do conde Moré, dono do central La Santísima Trinidad, cambióuselle o nome a Ta Ramón Gundo Moré. Posteriormente foi emancipado e morreu como liberto á idade de 94 anos. O apelido do tataravó materno conservouse por ser todas as ascendentes maternas de Moré -a súa bisavoa, Julia; a súa avoa, Patricia, e a súa nai, Virginia-, así como o propio músico, froito de unións ilexítimas, a maioría delas con brancos, que non recoñeceron aos seus fillos. O pai de Benny Moré foi un tal Silvestre Gutiérrez.

Bartolomeu aprendeu a tocar a guitarra na súa infancia. Segundo o testemuño da súa nai, Virginia Moré, fabricouse o seu primeiro instrumento, á idade de seis anos, cunha táboa e un carrete de fío. Abandonou a escola a idade moi temperá para dedicarse aos labores do campo. Aos 16 anos, en 1935, formou parte do seu primeiro conxunto musical. En 1936, cando contaba con 17 anos, deixou a súa cidade natal e trasladouse á Habana, onde gañaba a vida vendendo "averías", é dicir, froitas e verduras estragadas, así como herbas medicinais. Seis meses máis tarde regresou ás Lajas, onde traballou cortando cana co seu irmán Teodoro. Co diñeiro obtido e os aforros do seu irmán, comprou a súa primeira guitarra decente.

En 1940 regresou á Habana. Vivía precariamente, tocando en bares e cafés e pasando despois o chapeu. O seu primeiro éxito foi gañar un concurso na radio. A principios dos anos 1940, a emisora de radio CMQ tiña un programa chamado Corte Suprema del Arte, cuxos gañadores eran contratados e dábaselles a posibilidade de gravar e cantar as súas cancións. Os perdedores eran interrompidos, co son dunha campá, sen deixarlles terminar a súa actuación. Na súa primeira aparición, a campá soou apenas Benny empezara a cantar. Con todo, volveu competir máis tarde e obtivo o primeiro premio. Entón conseguiu o seu primeiro traballo estable co Conxunto "Cauto", liderado por Mozo Borgellá. Cantou tamén con éxito na emisora CMZ co Sexteto "Fígaro" de Lázaro Cordeiro. En 1944 debutou na emisora 1010 co Cuarteto "Cauto".

Co conxunto Matamoros[editar | editar a fonte]

Siro Rodríguez, do famoso Trío Matamoros, ouviu cantar a Benny Moré no bar El Templete e quedou gratamente impresionado. Pouco despois, por mor dunha indisposición de Miguel Matamoros pouco antes dunha actuación, Borgellá enviou a Benny para substituílo. Tras esta incorporación pouco menos que casual, Benny permanecería ligado durante anos aos Matamoros, cos que realizou numerosas gravacións. Substituíu como cantante principal a Miguel Matamoros, quen se dedicou en exclusiva a dirixir o conxunto.

En xuño de 1945 viaxou co Conxunto Matamoros a México, onde actuou en dous dos máis famosos cabarets da época, o Montparnasse e o Río Rosa. Realizou varias gravacións. Aínda que o Conxunto Matamoros regresou á Habana, Moré permaneceu en México. Segundo parece, alí adquiriu o seu nome artístico, a suxestión de Rafael Cueto.

En 1946 Benny Moré casou coa enfermeira mexicana Juana Bocanegra Durán e o seu padriño de voda foi o afamado cantante mexicano Miguel Aceves Mejía. Durante un tempo actuou no Río Rosa formando parte do Dueto Fantasma, con Lalo Montané. Tamén nesta época gravou para a compañía discográfica RCA Victor os temas "Me voy pal pueblo" e Desdichado, xunto á orquestra de Mariano Mercerón.

Con Dámaso Pérez Prado gravou Babarabatiri, Guanabacoa, Locas por el mambo, Viejo cañengo, El suave, Que cinturita, María Cristina, Pachito eche, entre outros temas. Empezou a se coñecido como El Príncipe del Mambo. Con Pérez Prado gravou tamén "Dolor carabalí", que o propio Benny Moré consideraba a súa mellor gravación co rei do mambo, e non quixo nunca volver gravar.

A finais de 1950 regresou a Cuba. Aínda que era unha estrela en varios países latinoamericanos, como México, Venezuela, Panamá, Colombia, Brasil e Porto Rico, apenas era coñecido na súa patria. A canción Bonito y sabroso foi a súa primeira gravación en Cuba e o seu primeiro éxito. Alternou actuacións en vivo para a emisora Cadena Oriental con viaxes á Habana para gravar nos estudos da RCA. Entre 1950 e 1951 gravou moitas outras cancións, como La cholanguengue, Candelina Alé, Rabo y oreja, entre outras.

Na Habana traballou tamén para a emisora RHC Cadena Azul, coa orquestra de Bebo Valdés, quen lle iniciou nun novo estilo chamado batanga. O presentador do programa, Ibrahim Urbino, deulle o sobrenome de El Bárbaro del Ritmo (a razón parece ser que Benny interpretaba para esta emisora un número titulado "Ah, Bárbara!"). Tivo a oportunidade de gravar con Sonora Matancera, pero declinou a oferta por non estar especialmente interesado no seu estilo musical ("porque a el esa Sonora, nunca lle soou", segundo Leonardo Acosta).

Cando pasou a moda do batanga, Benny foi contratado por Radio Progreso para actuar coa orquestra de Ernesto Duarte Brito, con cuxa orquestra gravou o soado bolero Cómo fue. Ademais de na radio, actuou en salas de baile, cabarets e festas. En 1952 gravou coa Orquestra Aragón de Cienfuegos, á que axudou a introducirse no mundo musical habaneiro. En 1953 gravou o mambo "Así es la humanidad" (gravada tamén para Johnny Bosch).

A Banda Gigante[editar | editar a fonte]

A primeira actuación da Banda Gigante de Benny Moré tivo lugar no programa Cascabeles Candado da emisora CMQ. A banda estaba composta por máis de 40 músicos e só era comparable en tamaño coa big band de Xavier Cugat.

Cabe destacar, que a Banda Gigante, aínda que grande, contaba cunha organización melódica única no seu tipo, ademais de que contaban co talento de saber improvisar no momento en que o seu director, Benny Moré, decidía.

Entre 1954 e 1955 a Banda Gigante fíxose inmensamente popular. Entre 1956 e 1957 fixo unha xira por Venezuela, Xamaica, Haití, Colombia, Panamá, México e Estados Unidos, onde actuou na cerimonia de entrega dos Óscar. Na Habana actuaron nas máis soadas salas de baile, como La Tropical e La Sierra.

Ao triunfar a Revolución Cubana en 1959, Benny Moré optou por permanecer na illa. En 1960 empezou a actuar tamén no cabaret Night and Day. Ofrecéuselle unha xira por Europa, que Moré rexeitou por medo a voar (nada estraño se se ten en conta que anteriormente sufrira tres accidentes aéreos).

Morte[editar | editar a fonte]

Morreu en Cuba o 19 de febreiro de 1963 de cirrose hepática.

A súa última presentación ocorreu o domingo 17 de febreiro de 1963, en Palmira, Cienfuegos, a uns quilómetros de Santa Isabel de las Lajas, o seu pobo natal. Unha presentación chea de lendas. Cóntase que tivo a ruptura dunha variz encefálica, consecuencia da cirrose hepática que arrastraba desde antes de partir cara a México en 1945. Nesas condicións, despois de vomitar sangue, subiu ao escenario e cantou como nunca. O doutor Luís Ruiz lembraba que antes desa actuación, Benny achegouse ata Santa Isabel de las Lajas, para atoparse coa súa nai e os seus familiares e saber sobre a construción da casa, que persoalmente estaba a atender.

Segundo o doutor Amín E. Naser, "durante a súa viaxe a Lajas tivo un vómito de sangue. Chega a Lajas e desde o mediodía do sábado 16 ata o atardecer permaneceu deitado e volveu a vomitar sangue. A pesar de sentirse moi mal, viaxou a Palmira para a súa próxima presentación pero seguía decaído e débil, no intermedio da función toma un descanso de breve tempo e acode novamente ao escenario. Canta Dolor y perdón, Maracaibo e Qué bueno baila usted. As interpretacións foron maxistrais.

Moitos amigos e familiares consideran que desde o primeiro momento que o Benny vomita sangue, debeu ir a algún hospital próximo a Cienfuegos e recibir unha atención médica urxente con transfusións de sangue. Pero tardaron demasiado en atendelo nun hospital con todas as posibilidades. Desgastouse moito na súa última actuación, pero quixo quedar ben co seu público.

De Palmira regresou urxentemente á Habana. Benny non quería ingresar en ningún hospital, quería estar na súa casa cos seus fillos e alí esperar a morte. O domingo 17 mellorou algo, pero ao amencer do luns 18 de febreiro volve porse mal e o seu médico decide ingresalo. Benny dille: "Meu irmán, colleume a roda". Montárono nunha ambulancia rumbo ao Instituto Nacional de Cirurxía, antigo Hospital de Emerxencias, na avenida Carlos III case esquina a Infanta.

Chegou en estado de coma, apareceron complicacións pulmonares e renais. A súa respiración dificultouse e a súa presión arterial comezou a baixar. O seu estado era moi grave. Neses días, na Habana celebrábase o I Congreso Médico Internacional, e ao propagarse a noticia da gravidade do Benny, se personouse o doutor Machado Ventura, quen con outros médicos nacionais e estranxeiros participou nunha xunta médica.

Ás 9:15 da noite do martes 19 de febreiro de 1963 faleceu El Bárbaro del Ritmo. Pepe Olmo, cantante da Orquestra Aragón, dixo que terminara unha era musical: "Despois veu outra, pero esta era finalizou con Benny Moré".