Saltar ao contido

Yom Kippur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Yom Kippur
Xudeus rezando na sinagoga en Yom Kiypur, de Maurycy Gottlieb (1878)
Datos da festa
Nome oficialיוֹם כִּפּוּר Día do Perdón
ConmemoraciónO 10 de Tishrei
TipoFesta xudía
Celebrada por:Xudaísmo
MotivoConciencia e arrepentimento.
SignificadoA sorte de cada un para o ano que vén está decidida.
CostumesO xaxún, a oración, a abstención dos praceres físicos. Abstención do traballo.
Relacionada conRosh Hashaná, que precede o Yom Kipur

O Yom Kippur[1] (en hebreo: יום כיפור, "Día do Perdón") é unha das datas máis importantes do xudaísmo, celebrada unha vez por ano.[2] Coñécese como o día da expiación, do perdón e do arrepentimento de corazón ou dun arrepentimento sincero. É, ademais, o último dos dez días de arrepentimento.

No calendario xudaico comeza no crepúsculo que inicia o décimo día do mes hebreo de Tishrei (que coincide con setembro, outubro ou novembro), continuando ata o seguinte solpor. Os xudeus tradicionalmente observan este festivo cun período de xaxún de 25 horas e oración intensa.

Observancia

[editar | editar a fonte]

O Levítico ordena o establecemento dun día santo o décimo día do sétimo mes como día de expiación dos pecados.[3] Chámao Sabbath de Sabbaths. Tamén decreta o día do Yom Kippur como día estrito de descanso.[4] Existen cinco prohibicións adicionais que se observan tradicionalmente, detalladas na tradición xudía oral (Mishnah tratado Yoma 8:1):

  1. Comer (cómese un pouco antes do solpor aínda na véspera do día ata que saen as estrelas do día de Yom Kipur)
  2. Usar calzado de coiro
  3. Manter relacións sexuais
  4. Non adornarse con perfumes ou locións
  5. Bañarse por pracer

A esencia destas prohibicións é causar aflición ao corpo, dando, entón, prioridade á alma. Segundo a perspectiva xudaica, o ser humano está constituído polo yetzer hatóv (o desexo de facer as cousas correctamente, que se identifica coa alma) e o yetzer hará (o desexo de seguir os propios instintos, que corresponde ao corpo). O desafío da vida é "sincronizar" o corpo co yetzer hatóv. No Talmud faise unha analoxía entre un cabalo (o corpo) e un cabaleiro (a alma): É sempre mellor que o cabaleiro estea enriba do cabalo.

Para lograr a expiación, débese:[5]

  1. Orar
  2. Arrepentirse dos pecados
  3. Practicar a caridade

Oracións

[editar | editar a fonte]

Durante as oracións fálase o Vidui, unha confesión, e Al Chet, unha listaxe de transgresións entre o home e Deus e o home e os seus semellantes. Cómpre notar dúas cousas: primeiro, as transgresións están en orde alfabética (en hebreo). Isto torna a listaxe bastante abranguente, alén de permitir a inclusión de calquera transgresión que se queira na letra apropiada.

En segundo lugar, o Vidui e Al Chet están en plural, o que pretende transmitir a idea de que o pobo xudeu é un pobo "entrelazado", onde todos deben ser responsábeis polos outros. Mesmo non cometendo unha determinada ofensa, preténdese transmitir unha carga de responsabilidade por aqueles que a cometeron, especialmente se a transgresión puidese ser evitada por aqueles que non cargaron coas culpas.

Día do Perdón

[editar | editar a fonte]

Ao longo de todo o ano a persoa comete toda sorte de erros e pecados, voluntarios e involuntarios. O proceso da teshuvá (arrepentimento, retorno ao ben) non poderá realizarse maxicamente nun día. A tradición xudaica coloca ao mes de Elul, sexto mes do ano, como prefacio para ir preparando o home para a reflexión profunda, ata o gran camiño interior. Cedo, nas mañás de Elul óuvese o son do shofar.

Unha semana antes de Rosh Hashaná, tamén durante a madrugada, dinse as oracións que se chaman selichot (perdóns). O 1º de Tishrei é o gran día, a base para un ano novo e un novo ano de vida. Despois seguirán nove días ata o día do perdón. Dez días, para afondarse dentro de si e afrontar o mal. O proceso chega a súa culminación o día 10º de Tishrei, o Yom Kippur.

A expiación, Kippur, na raíz hebraica, refírese ao "que cobre", ou sexa, o castigo que envolve o acto perverso. Todo o que se pode anular, deter ou parar é o castigo; mais non o acto cometido; ese acto está aí e a única maneira de superalo é a través dunha modificación transcendental da conduta persoal posterior. Os actos son do home, seguirán sendo del, e a consecuencia, a súa responsabilidade. Deus pode apagar o castigo, non o acto. O xaxún que acompaña todo o día do perdón pola súa parte non fai milagre. O xaxún do día non sacrifica nada a favor de Deus, sendo que tal idea sería eminentemente pagá. O que fai é reconcentrar o home no seu espírito, afastalo, por algunhas horas, da servidume do home ao corpo e ás súas necesidades.

Obsérvase tamén que as máis das accións ou transgresións teñen dúas polaridades: unha do home en relación ao home e a outra, do home en relación a Deus. A primeira é a da vida diaria, exterior, social e inter-humana. A outra, do ámbito da alma, é o segredo da consciencia. A primeira é cousa de homes, e os homes teñen que resolvela: "as transgresións que van de home a home, non son expiadas polo Yom Kippur, se antes non foren perdoadas polo próximo".

Por iso adoita pedirse previamente o perdón dos semellantes: se eles non perdoan, Deus non poderá intervir.

Xaxún no Yom Kippur

[editar | editar a fonte]

É o día do perdón, cando Deus perdoa a todo Israel. Durante ese día, nada pode ser comido ou bebido, mesmo auga. Non se permite lavar a boca, cepillar os dentes ou bañar o corpo. Soamente o rostro e as mans poden ser lavados pola mañá, antes das oracións. Non se pode cargar nada, acender lume, fumar, nin usar electricidade. O xaxún non está permitido para nenos menores de oito anos, persoas gravemente enfermas, mulleres embarazadas e aquelas que deron á luz hai menos de trinta días.

Se unha persoa, mentres estiver xaxuando en Yom Kippur, pasar mal, a punto de case esvaecer, débeselle dar comida ata que se recupere. Se houber perigo dunha epidemia, e os médicos da cidade aconsellaren que é necesario comer a fin de resistir a molestia, esíxese que todos coman.

Existen outras prohibicións, alén daquelas contra traballar, comer ou beber. As relacións sexuais están prohibidas, ben como o uso de perfumes e unturas, excepto para fins médicos. Alén diso, os zapatos e outras pezas da indumentaria feitas de coiro non se poden empregar no Yom Kippur, pois non se pode usar ningún material para o cal fose necesario matar un animal.

Tralo Yom Kippur, espérase que haxa festa e alegría, non perdendo de vista o feito de que o festivo é un día santo de xúbilo.

  1. Yom significa "Día". É unha palabra hebrea que aparece no nome de varios días festivos, como Yom Kippur e Yom Teruah
  2. LERNER, Breno. A Cozinha Judaica. Série receias internacionais. Glosário, pg. 8. Editora Melhoramentos. São Paulo (2001)
  3. Levítico "16:29". A Biblia Galega. 
  4. Levítico "23:27". A Biblia Galega. 
  5. Scherman, Nosson. "Yom Kippur – Its Significance, Laws and Prayers" New York: Mesorah Publications, 1989. Print

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]