Avenida de Beiramar (Vigo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°14′15″N 8°43′47″O / 42.237475353937, -8.7298342762848

Avenida de Beiramar
Avenida ao seu paso polo do Auditorio Mar de Vigo.
Tipoloxíaavenida
Dimensións
Lonxitude5 km
Formato2 carrís en cada sentido
Localización
InicioAP-9, Estrada do Porto
FinRúa Eduardo Cabello

A avenida de Beiramar é unha das principais vías urbanas da cidade de Vigo. Comunica a franxa costeira da cidade desde a saída da autoestrada AP-9 en Guixar até a súa confluencia coa rúa Eduardo Cabello, no distrito de Bouzas. Ten unha lonxitude de 5 km.

No seu traxecto atravesa tres tramos subterráneos, entre os que destaca o túnel de Beiramar, inaugurado no ano 1996 e por aquel entón convertido no túnel urbano de maior lonxitude de España[1].

Historia[editar | editar a fonte]

A vía planificouse e construíse na década dos 50 co obxectivo de conectar os núcleos mariñeiros de Bouzas e O Berbés e vertebrar así as industrias pesqueiras, conserveiras e de estaleiros que daquela seguían unha distribución anárquica arredor da beira marítima da cidade. Precisamente por seguir un traxecto que percorría a beira do mar, tomou o nome de "Beira-Mar", e finalmente derivou en Beiramar. O proxecto foi encargado pola Xunta de Obras do Porto de Vigo e orzamentado en máis de sesenta millóns de pesetas[2].

Estrutura[editar | editar a fonte]

Arquitectonicamente pódese dividir a avenida en tres tramos principais:

  • Un primeiro tramo correspondente ao túnel de Beiramar. Conecta a saída da autoestrada co barrio do Berbés. Constitúe a parte máis nova da avenida.
  • Un segundo tramo desde o Berbés até a rúa Coruña. Este tramo ten unha lonxitude de case 1 km e é o resultado da ampliación mediante un recheo de 150 cara ao mar. Esta ampliación permitiu a creación de 4 carrís de gran capacidade, así como terreos edificábeis a súa beira para a construción de industrias e outros inmobles. Nesta parte da avenida atópase o auditorio Mar de Vigo.
  • Un último tramo desde a rúa Coruña até Bouzas. Esta parte da avenida foi construída atravesando estaleiros e industrias navais xa establecidas na zona, polo que resultou nun vial máis estreito e con beirarrúas menores.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Fachada do estaleiro Hijos de Barreras S.L.

Na avenida de Beiramar consérvanse algúns edificios destacados, sobre todo construción de carácter naval e industrial[3].

  • Auditorio Mar de Vigo, edificio construído polo arquitecto César Portela no 2001 sobre un edificio pesqueiro.
  • Lonxa de Altura.
  • Edificio das Oficinas Industriais Pesqueiras. Edificio granítico con soportais construído en 1947 polo enxeñeiro Eduardo Cabello.
  • Edificio Frigoríficos de Vigo SA.
  • Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Tamén de estilo industrial, construído polos arquitectos Luis Lardaga Gutiérrez e José López Zanón en 1965.
  • Edificio M.A.R. (Motopesqueros de Altura Reunidos). Edificio industrial de seis alturas construído en 1940 pola empresa M.A.R., dedicada á pesca e conxelado do bacallau. Foi unha das primeiras empresas en se instalar na avenida de Beiramar.
  • Edificio Pescanova-Frigodis.
  • Edificio Frigoríficos Berbés SA.
  • Fábrica de Conservas Albo.
  • Estaleiro Hijos de J. Barreras.
  • Estaleiros Cardama.
  • Edificio Conservas Alfageme.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Túnel de Beiramar.". WSP. Consultado o 09/01/2021. 
  2. Mosquera, Javier. "La avenida de Beiramar". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 14/11/2012. 
  3. Sobrino Fagilde, Iria. "Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra." (PDF). Proyecto Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia. Consultado o 09/01/2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]