Aurora Bautista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aurora Bautista
Nacemento15 de outubro de 1925
 Villanueva de los Infantes
Falecemento27 de agosto de 2012
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónactriz e actriz de cinema
editar datos en Wikidata ]

Aurora Bautista Zúmel, nada en Villanueva de los Infantes (Valladolid) o 15 de outubro de 1925 e finada en Madrid o 27 de agosto de 2012,[1] foi unha actriz española de formación teatral e éxito cinematográfico. O seu primeiro filme, Locura de amor, levouna ao estrelato e a ocupar un lugar destacado no cinema histórico do franquismo. Caracterizada polas súas vehementes interpretacións, tamén realizou incursións notábeis e contidas no cinema de autor en La tía Tula (1964) ou Amanece, que no es poco (1989) e desenvolveu unha carreira teatral sólida e comprometida.

Actriz romántica e declamatoria, chea de forza e turbulencia, resultou a intérprete ideal para certos filmes de xénero histórico, tan atentas á conmoción dramática e ao desbordamento das paixóns.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bautista viviu a súa mocidade en Madrid, onde estudou no Instituto-Escola. Trala guerra civil, o seu padre foi condenado a morte por colaborar coa segunda república e despois deportado a 700 quilómetros de Madrid.[4] A familia trasladouse a Barcelona.[5] Alí cursou a partir de 1941 estudos de arte dramática con Guillermo Díaz-Plaja e Marta Grau no Instituto del Teatro, onde a descubriu Cayetano Luca de Tena cando acudiu a impartir unha conferencia e que posteriormente a contratou para a compañía do Teatro Español. Debutou profesionalmente en 1944 na obra La malquerida, de Jacinto Benavente, coa compañía de Lola Membrives. En 1945 representou en Madrid El sueño de una noche de verano, de William Shakespeare, coa compañía do Teatro Español, baixo a dirección de Cayetano Luca de Tena.[6] Seguiron, entre outras, La conjuración de Fiesco (1946), de Friedrich Schiller, El monje blanco (1946), de Eduardo Marquina, El sí de las niñas (1948), de Leandro Fernández de Moratín, María Tudor de Victor Hugo, Antígona de Sófocles, El águila de dos cabezas de Jean Cocteau, El burgués gentilhombre de Molière ou Ricardo III de Shakespeare.[7]

Mentres traballaba en obras do repertorio clásico, en 1948, o director Juan de Orduña ofreceulle interpretar a raíña Xoana no filme Locura de amor, xunto a Fernando Rey, converténdose rapidamente nunha das estrelas máis destacadas do cinema español do momento.[8]

A raíz do seu éxito asinou un contrato en exclusiva coa produtora Cifesa, que a volveu a unir a Juan de Orduña en Pequeñeces... e Agustina de Aragón (1950) e a Manuel Mur Oti e Carlos Lemos en Condenados (1953). En 1961, volveu repetir con de Orduña noutra personaxe de relevancia histórica ao interpretar a Tareixa de Ávila.

Un certo declive na súa carreira cinematográfica nos finais da década de 1950, devolveuna ao teatro ás ordes de José Tamayo e Luis Escobar, case sempre con textos clásicos (Antígona, Medea, Fuenteovejuna), agás excepcións como Réquiem por una mujer (1958) de William Faulkner, La gata sobre el tejado de zinc (1959) de Tennessee Williams ou Yerma (1960) de Federico García Lorca, nunha das súas primeiras representacións durante o franquismo, cando representar este autor non era algo exento de riscos.[4]

En 1960, trasladouse a México, onde representou La maestra milagrosa e La zapatera prodigiosa de García Lorca e onde contraeu matrimonio en 1963, co médico mexicano Hernán Cristerna, pai do seu único fillo Hernán (nado en abril de 1965). En 1963, rodou na Arxentina Las ratas escrita e dirixida por Luis Saslavsky. En 1964 volveu a España para renovar o seu éxito e conseguir as súas mellores críticas pola súa interpretación como protagonista de La tía Tula, filme de Miguel Picazo. En 1966, rodou El derecho de nacer, con grande éxito, baixo a dirección de Tito Davison, baseado na obra do escritor cubano Félix B. Caignet.

Con posterioridade, apareceu puntualmente no cinema e en papeis secundarios en El mirón, Extramuros, Divinas palabras, Amanece, que no es poco ou Tiovivo c.1950.

Nos anos sesenta centrouse máis no teatro, participando en 1971 en El anuncio, de Natalia Ginzburg, con dirección de José Osuna. O ano seguinte interpretou Lisístrata, de Aristófanes, versión libre de Enrique Llovet e dirixida por José Luis Gómez García. Trala chegada da democracia representou Oye, patria, mi aflicción (1978), de Fernando Arrabal, La dama de Alejandría (1980), de Calderón de la Barca,[9] La señorita de Tacna (1982), de Mario Vargas Llosa, dirixida por Emilio Alfaro e estreada no Teatro Raíña Vitoria de Madrid, Tito Andrónico (1983), de William Shakespeare no Festival de Teatro Clásico de Mérida e Paso a paso (1986-1987) en versión de Nacho Artime.[10]

Contraeu novo matrimonio en 1989 en Xibraltar co empresario cubano Luis de Luis.[1] Nos anos noventa tivo lugar a súa despedida dos escenarios, representando Morirás de otra cosa, escrita e dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón, que se estreou no Teatro María Guerrero de Madrid, Cartas de mujeres, de Benavente, Concierto desafinado (1992), obra de Fernando Martín Iniesta, Picospardo's (1995), de Javier García Mauriño que gañou o premio Lope de Vega e foi representada no Teatro Español de Madrid, onde dera o seus primeiros pasos teatrais, e Bodas de sangre, que estreou en Buenos Aires en 1995.[7]

Faleceu o 27 de agosto de 2012 na Clínica La Milagrosa, de Madrid, ao non poder superar unha insuficiencia respiratoria que se declarara o día anterior.[4]

Filmografía seleccionada[editar | editar a fonte]

Premios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 EFE (28 de agosto de 2018). "Muere a los 86 años la actriz Aurora Bautista". El Mundo (Madrid: Unidad Editorial). Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  2. Borau, José Luis, dir. (1998) Diccionario del cine español. Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España.
  3. Aguirre, Arantxa (2008) 34 actores hablan de su oficio. Madrid: Ed. Cátedra.
  4. 4,0 4,1 4,2 Galán, Diego (27 de agosto de 2012). "Aurora Bautista, un mito del cine español". El País. Consultado o 8 de outubro de 2017. 
  5. "Muere a los 86 años la actriz Aurora Bautista". El Mundo. 28 de agosto de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2017. 
  6. ABC, ed. (8 de decembro de 1945). "Triunfal estreno de Sueño de una noche de verano, un espectáculo maravilloso". Consultado o 22 de novembro de 2011. 
  7. 7,0 7,1 "Noticia: Falleció Aurora Bautista". Centro de Documentación Teatral del INAEM (MECD). 27 de agosto de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2017. 
  8. El País, ed. (31 de marzo de 2010). "La reina Aurora". Consultado o 28 de agosto de 2012. 
  9. ABC, ed. (18 de abril de 1980). "Reapertura del Español con un Calderón ridiculizado". 
  10. El País, ed. (13 de xuño de 1978). "Oigo, Aurora, tu aflicción". Consultado o 28 de agosto de 2012. 
  11. "Medallas del CEC a la producción española de 1948". CEC. Consultado o 8 de xaneiro de 2016. 
  12. "Aurora Bautista, éxito y misterio". Diario ABC, 1 de setembro de 2012.
  13. "Premios ACTÚA". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2012. Consultado o 03 de xaneiro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]