Augusto Carlos Teixeira de Aragão
Augusto Carlos Teixeira de Aragão | |
---|---|
![]() | |
Datos persoais | |
Nacemento | 15 de xuño de 1823 |
Lugar | ![]() ![]() |
Falecemento | 29 de abril de 1903 (79 anos) |
Lugar | ![]() ![]() |
Nacionalidade | Portuguesa |
Actividade | |
Campo | Exército, medicina, arqueoloxía, historiografía, numismática. |
Alma máter | Universidade de Lisboa. |
Contribucións e premios | |
Coñecido por | Pai da numismática portuguesa. |
Premios | Véxase "Recoñecementos" neste artigo. |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Augusto Carlos Teixeira de Aragão, nado en Lisboa o 15 de xuño de 1823 e finado na mesma cidade o 29 de abril de 1903, foi un militar, médico, numismático, arqueólogo e historiador portugués. Como oficial do exército portugués, xubilouse co rango de xeneral. Está considerado como un dos pais da numismática en Portugal.[1][2][3][4]
Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de José Maria Teixeira de Aragão e de Mariana Hermógenes da Silva.[1]
Teixeira cursou estudos de Medicina e, no exército portugués, alcanzou o cargo de cirurxián maior en xefe.[1][2] No seu labor como médico e militar, desempeñou tamén o cargo de director do Hospital Militar de Tavira e, no exercicio civil, como cirurxián no distrito de Setúbal, formou parte da comisión de asistencia e socorro aos afectados pola epidemia de disentería que se produciu alí en 1849.
Xa desde ben rapaz, Teixeira dedicouse ao coleccionismo de moedas. O seu interese pola numismática, as súas lecturas de historia e arqueoloxía e, tamén, a súa amizade con Luís I de Portugal (de cuxo gabinete numismático foi director) permitíronlle dedicarse en profundidade a esta disciplina ao longo da súa vida.[1][5]
Na década de 1860 foi un dos responsables dos traballos de redescuberta do sitio arqueolóxico da cidade romana de Balsa, no distrito de Faro.[6][7]
En 1867, en condición de conservador do gabinete do Palacio da Ajuda, encargouse da organización, a catalogación e a exposición dos fondos do Museo de Antigüidades da Ajuda, constituídos por pezas de gran valor pertencentes ao tesouro da casa real portuguesa, a conventos extinguidos e a particulares, e adquiriu tamén pezas novas. Durante o desempeño destas funcións, encomendóuselle a tarefa de levar parte dos obxectos da colección da casa real á Exposición Universal de París de 1867, onde logrou a medalla de ouro outorgada pola Comisión de Historia do Traballo. Durante o transcurso da exposición tivo a oportunidade de tomar contacto coas personalidades de máis recoñecemento mundial no campo da numismática. Ao mesmo tempo, foi nomeado polo Ministerio da Guerra de Portugal para representar o seu país na Conferencia Internacional das Sociedades de Auxilio a Militares Feridos e Enfermos en Tempo de Guerra que se realizou nesa mesma cidade.[1][8]
En 1870 publicou o libro Descrição Histórica das Moedas Romanas Existentes no Gabinete Numismático de sua Majestade El-Rei O Senhor D. Luiz I.[9] Un ano despois foi admitido como socio correspondente do Instituto Histórico e Xeográfico Brasileiro, grazas ao informe favorable acerca desta obra emitido pola Comisión de Arqueoloxía e Etnografía.[1][10]
En 1872 foi nomeado Secretario Xeral do Goberno da India e, en tal condición, acompañou a Goa o infante don Augusto, irmán do rei Luís I, na expedición de 1895.[1][11]
En 1875 publicouse o primeiro dos tres volumes da súa obra monumental Descrição Geral e Histórica das Moedas Cunhadas em Nome dos Reis, Regentes e Governadores de Portugal.[9] Teixeira de Aragão chegou a planear un cuarto volume desta obra, onde incluiría as moedas portuguesas do Brasil e da África Occidental Portuguesa, que non chegou a materializarse.[1][12]
Este mesmo ano formou parte da Comisión da Academia Real de Belas Artes, nomeada polo Goberno, co obxectivo de propor a reforma do ensino das belas artes, o plan para a organización dos museos, e o Servizo dos Monumentos Históricos e da Arqueoloxía. En 1876 foi elixido membro da sección de historia e arqueoloxía da Academia Real das Ciencias de Lisboa, que en 1880 o nomeou comisario rexio para a preparación do programa de traslado dos restos mortais de Vasco da Gama desde a igrexa do convento da Nosa Señora das Reliquias da Vidigueira ata o Mosteiro dos Xerónimos, onde permanecen desde entón.[1][13]
En 1877 participou na conferencia arqueolóxica da Citania de Briteiros en Guimarães.[14][15]
En 1881 desempeñou o cargo de vogal e delegado da comisión organizadora da exposición Special Loan Exhibition of Spanish and Portuguese Ornamental Art, que tivo lugar no museo South Kensington de Londres.[16]
Foi membro, así mesmo, da Sociedade de Xeografía de Lisboa, da Sociedade Francesa de Numismática, da comisión de antigüidades da Real Academia da Historia, de Madrid.[17]
Teixeira de Aragão faleceu o 29 de abril de 1903 e foi sepultado no Cemiterio dos Praceres, en Lisboa.
Na súa memoria, a Sociedade Portuguesa de Numismática celebrou en Porto en xuño de 1963 a súa I Exposición Biblio-Numismática, e no mesmo ano cuñou a Medalla Teixeira de Aragão en bronce patinado, cun diámetro de 70 mm e peso de 163 g.[3][18][19]
Publicacións[editar | editar a fonte]
Esta é unha escolma das principais publicacións de Teixeira de Aragão:[20][21][22]
- (1843): As minhas ferias. Academia das Bellas Artes. Lisboa.
- (1846): O Hercules Preto. Martins. Lisboa.
- (1861): Vidigueira: Fragmentos históricos. O Bejense. Beja.
- (1843): Vidigueira: Convento do Carmo. O Bejense. Beja.
- (1866): Algumas causas que podem contribuir para a frequência tísica nos alunos do Real Colégio Militar. Escholiaste Médico.
- (1867): Description des Monnaies, Médailles et Autres Objects D'Art Concernant L'Histoire Portugaise. Paul Dupont. París.
- (1867): Notes sur quelques numismates portugais des XVIIe, XVIIIe et XIXe siècles : lettre a M. le vicomte de Ponton d'Amécourt. Pillet. París.
- (1868): Relatório sobre o Cemitério Romano Descoberto próximo da cidade de Tavira em Maio de 1868. Imprensa Nacional. Lisboa.
- (1869): Catálogo descriptivo das moedas e medalhas portuguezas que formam parte da colecção do Visconde de Sanches de Baena. Castro Irmão. Lisboa.
- (1870): Descripção Histórica das Moedas Romanas existentes no Gabinete Numismático de sua Magestade EL-Rei O Senhor Dom Luiz I. Typographya Universal. Lisboa.
- (1871): D. Vasco da Gama e a Villa da Vidigueira D. Vasco da Gama e a Villa da Vidigueira. Typographya Universal. Lisboa.
- (1872): Typos politicos: Mestre Manoel Camões. Almanach Arsejas - Liv. Arsejas.
- (1875): Descrição geral e histórica das moedas cunhadas em nome dos reis, regentes e governadores de Portugal (Tomo I). Imprensa Nacional. Lisboa.
- (1877): Descrição geral e histórica das moedas cunhadas em nome dos reis, regentes e governadores de Portugal (Tomo II). Imprensa Nacional. Lisboa.
- (1880): Descrição geral e histórica das moedas cunhadas em nome dos reis, regentes e governadores de Portugal (Tomo III). Imprensa Nacional. Lisboa.
- (1887): Vasco da Gama e a Vidigueira: Estudo historico. Imprensa Nacional. Lisboa.
- (1887): Anneis: Estudo. Academia Real das Sciencias. Lisboa.
- (1892): Breve noticia sobre o descobrimento da América. Academia Real das Sciencias. Lisboa.
- (1892): Catálogo dos objectos de arte e industria dos indígenas da América que, pelas festas commemorativas do 4º centenário da sua descoberta, a Academia Real das Sciencias de Lisboa envia à Exposição de Madrid. Academia Real das Sciencias. Lisboa.
- (1894): Diabruras, santidades e prophecias. Academia Real das Sciencias. Lisboa.
- (1894): A Torocentese ou Operação do Empiema. Lisboa.
- (1896): "Antiguidades romanas de Balsa". En O Archeologo Português. Vol. II. Lisboa. Páxinas 55-57.
- Memoria historica sobre os Palacios da residencia dos V. Reys da India. Manuscrito.
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
- Cabaleiro da Orde Militar da Torre e Espada, do Valor, Lealdade e Mérito (1868).
- Cabaleiro da Orde de Cristo.
- Comendador (1970), Grande Oficial e Cabaleiro (1974) da Orde Militar de Avis.[23]
- Comendador da Orde da Nosa Señora da Concepción de Vila Viçosa.
- Cabaleiro da Coroa de Ferro, de Austria.
- Comendador e cabaleiro da Orde de Carlos III, de España.
- Cabaleiro da Orde do Elefante Branco, de Siam.
- Cabaleiro da Orde de Nichan Iftikhar, de Tunisia.
- Tres medallas de prata nas clases de Valor Militar, Bos Servizos e Comportamento Exemplar.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "ARAGÃO, Augusto Carlos Teixeira". En Diccionário de historiadores portugueses. Academia Real das Ciências.
- ↑ 2,0 2,1 Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxina 49.
- ↑ 3,0 3,1 Pernas, C. A. "O Pai da Numismática". En Medalhas Portuguesas.
- ↑ "Augusto Carlos Teixeira de Aragão". En Geneall.
- ↑ Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxinas 50-51.
- ↑ Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxina 87.
- ↑ "Descobrir Balsa. Uma das maiores cidades romanas do seu tempo". En Super-interessante. Nº 148. Agosto de 2010. Páxinas 80-87.
- ↑ Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxinas 51-53.
- ↑ 9,0 9,1 Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxina 51 (nota 69).
- ↑ "Parecer da Comissão de Arqueologia e Etnographia acerca da obra - Descripção histórica das moedas romanas existentes no gabinete numismático de sua Majestade El-Rei O Senhor D. Luiz I". En Revista Trimestral do Instituto Historico, Geographico e Ethnographico do Brasil. Tomo XXXIV. Río de Xaneiro. 1871. Páxina 362.
- ↑ Carta asinada por Teixeira de Aragão como Secretario Xeral do Goberno da India.
- ↑ Cordeiro, V. (1974). Páxinas 10-13.
- ↑ Véxanse na sección "Publicacións" deste artigo as referecias de 1871 e de 1887(a).
- ↑ Dos Santos Pereira, E. (2017). Páxina 59.
- ↑ "Conferência arqueológica da Citânia Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". En Ferreira Caldas, A. Guimarães. Apontamentos para a sua História. A. J. da Silva Teixeira. Porto. 1881.
- ↑ Robinson, J. C. Catalogue of the special loan exhibition of Spanish and Portuguese ornamental art. South Kensington Museum, 1881. Londres. 1881. Páxina 5.
- ↑ Jiménez Díez, J; Mederos, A. (2001). Comisión de Antigüedades de la Real Academia de la Historia. Baleares. Canarias. Melilla. Gibraltar. Extranjero. Catálogo e Índices. Comisión de Antigüedades. Real Academia de la Historia. Madrid. Páxina 249. ISBN 84-89512-87-6
- ↑ "Historia". No sitio web da Sociedade Portuguesa de Numismática.
- ↑ Dos Reis Antunes Vaz, M. L. (1980). Catálogo da colecção de Medalhas da Biblioteca Geral da Universidade de Coimbra. Coimbra. 20-6. Páxina 51.
- ↑ Rocha Peixoto. "Os Mortos: Augusto Carlos Teixeira de Aragão". En Portugalia. Tomo I. Fascículo 4º. 1903.
- ↑ "Augusto Carlos Teixeira de Aragão". En Worldcat.
- ↑ "Augusto Carlos Teixeira de Aragão". En Google Books.
- ↑ "Augusto Carlos Teixeira de Aragão". Arquivo Nacional Torre do Tombo.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augusto Carlos Teixeira de Aragão ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Cordeiro, V. (1974). "Do modesto discípulo ao mestre Teixeira de Aragão". En Nvmmvs. Nº 33. Vol X-2. Decembro. Sociedade Portuguesa de Numismática. Páxinas 9-13.
- Dos Santos Pereira, E. (2017). Actores, colecções e objectos. Coleccionismo arqueológico e redes de circulação do conhecimento. Portugal, 1850-1930. "O que havia, já levou o Dr. Aragão". Páxinas 49-71. Tese de doutoramento. Universidade de Évora.
- Mateu i Llopis, F. (1948). "Cartas inéditas de Teixeira de Aragão". Revista Guimarães. Separata do fasc. 1-2 do volume LIX. Guimarães. Páxinas 113-119.
- Pereira, J.; Rodrigues, G. (1904). "Augusto Carlos Teixeira de Aragão". En Diccionario historico, chorographico, heraldico, biographico, bibliographico, numismatico e artistico. Vol. I. Lisboa. Páxinas 631-632.
- Xavier, H. (2011). "O Museu de Antiguidades da Ajuda: numismática e ourivesaria das colecções reais ao tempo de D. Luís". En Revista de História da Arte. Nº 8. Páxinas 71-87.