Atlanta Flames

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atlanta Flames
Atlantaflamesgoalhug.jpg
Fundado en 1972
Desaparecido en 1980
Sede Atlanta,
Flag of Georgia (U.S. state).svg Xeorxia
Estados Unidos de América Estados Unidos
Cancha Omni Coliseum
(15.278 espectadores)
Cores Vermello, amarelo, branco
                 

Os Atlanta Flames foron un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Atlanta, Xeorxia (Estados Unidos) que competiron na National Hockey League (NHL) entre 1972 e 1980. Xogaban os seus partidos como local no Omni Coliseum de Atlanta e eran membros da West Division e posteriormente da Patrick Division da NHL. Xunto cos New York Islanders, os Flames foron creados en 1971 no marco do conflito entre a NHL e a rival World Hockey Association (WHA). O equipo gozou dun éxito modesto no xeo, clasificándose para os play-offs en seis das súas oito participacións na liga, mais non conseguiron superar ningunha eliminatoria e tan só conseguiron gañar dous partidos das series en total. A franquía esforzouse por atraer aos seareiros, mais despois de reunir unha media de tan só 10.000 espectadores por partido na tempada 1979–80, foi vendida e recolocada en Alberta baixo o nome de Calgary Flames.

Eric Vail foi o máximo goleador da franquía con 174, mentres que Tom Lysiak liderou ao equipo con 431 puntos. Guy Chouinard foi o único xogador da franquía que conseguiu anotar 50 goles nunha única tempada. O porteiro Dan Bouchard liderou ao equipo en vitorias (166) e shutouts (20).[nota 1] Dous xogadores dos Flames gañaron o Calder Memorial Trophy ao mellor rookie:[nota 2] Vail na tempada 1974–75 e Willi Plett na tempada 1975–76. Bob MacMillan gañou o Lady Byng Memorial Trophy ao xogador co maior espírito deportivo na tempada 1978–79. O Xerente Xeral Cliff Fletcher é o único membro da franquía que foi introducido no Hockey Hall of Fame.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tempadas dos Atlanta Flames.

Creación[editar | editar a fonte]

A National Hockey League (NHL), que aumentara o número de equipos participantes de seis en 1966 a catorce en 1970, non tiña planeada ningunha outra ampliación ata polo menos 1973. A formación en 1971 dunha nova gran liga profesional, a World Hockey Association (WHA), alterou os plans da NHL e deu como resultado unha loita entre as dúas ligas polos xogadores e os mercados.[1] A NHL tratou de excluír a WHA do recentemente construído Nassau Coliseum en Long Island, Nova York.[2] A liga tamén optou por situar un equipo no sur dos Estados Unidos.[3] O 9 de novembro de 1971, a NHL anunciou que crearía dous equipos de expansión en Long Island e Atlanta.[2] A franquía de Atlanta foille concedida a Tom Cousins, que tamén posuía o equipo de baloncesto dos Atlanta Hawks, e xogaría os seus partidos como local no Omni Coliseum.[4] O custo do equipo foi de 6 millóns de dólares.[1] Cousins púxolle o nome de Flames (chamas, lapas, labaradas) á nova franquía en homenaxe ao incendio de Atlanta por parte do xeneral estadounidense William Sherman durante a Guerra Civil Estadounidense.[4]

Os Flames contrataron a Cliff Fletcher, que xa traballara para os St. Louis Blues, para exercer de Xerente Xeral do equipo.[5] O ex-xogador dos Montreal Canadiens Bernie Geoffrion foi contratado como adestrador do equipo.[6] O equipo formou o seu cadro de xogadores a partir dun draft de expansión que tivo lugar o 6 de xuño de 1972. Fletcher centrouse na portería, escollendo a Phil Myre na súa primeira selección e o rookie Dan Bouchard na súa segunda.[7] Fletcher seleccionou un cadro competente, mais novo e sen experiencia.[8] Dous días despois, os Flames seleccionaron a Jacques Richard como segunda elección no draft de 1972.[9]

1972–1975[editar | editar a fonte]

Keith McCreary, primeiro capitán dos Atlanta Flames.

Os Flames debutaron na NHL en Long Island fronte ao outro equipo de expansión creado esa tempada, os New York Islanders, o 7 de outubro de 1972. Gañaron o partido por 3 goles a 2, e Morris Stefaniw marcou o primeiro gol na historia da franquía na NHL no Nassau Veterans Memorial Coliseum.[10] Unha semana despois, o 14 de outubro, o equipo debutou como local. O Omni Coliseum acolleu o primeiro evento da súa historia, no que os Flames empataron fronte aos Buffalo Sabres, 1–1, ante un estadio cheo con 14.568 espectadores.[11] O papel do equipo foi respectable ao longo da maior parte da tempada sustentándose nas actuacións dos porteiros Bouchard e Myre,[12] e a mediados de xaneiro, tiñan un rexistro de 20-19-8 vitorias-derrotas-empates. Os Flames gañaron tan só cinco partidos máis no resto da tempada, finalizando cun rexistro de 25–38–15.[13] Atlanta finalizou na sétima posición da West Division, non conseguindo clasificarse para os play-offs.[14] O equipo tivo un éxito razoable na venda de entradas: vendeu preto de 7.000 abonos de tempada ao principio da tempada,[15] e tivo unha media de 12.516 espectadores por partido.[16]

Tom Lysiak, seleccionado na segunda posición no draft de 1973, uniuse aos Flames na tempada 1973-74 causando un impacto inmediato.[17] Lysiak liderou aos Flames en anotación con 64 puntos e finalizou por detrás do xogador dos Islanders Denis Potvin na votación para o Calder Memorial Trophy como mellor rookie da NHL.[18] Co seu mellor rexistro de 30–34–14, os Flames finalizaron na cuarta posición da West Division e clasificáronse para os play-offs da Stanley Cup de 1974.[14] O equipo debutou na pos-tempada fronte aos campións da división, os Philadelphia Flyers. O primeiro partido, disputado o 9 de abril de 1974, foi unha vitoria por 4 goles a 1 dos Flyers.[19] Philadelphia derrotou aos Flames nas series ao mellor de sete partidos con catro vitorias consecutivas.[20] Geoffrion foi eloxiado polo seu labor como adestrador do equipo e finalizou na segunda posición na votación para o Jack Adams Award ao mellor adestrador.[21]

A expansión da NHL na tempada de 1974–75 provocou un realiñamento dos equipos. A liga mudou o seu formato a unha estrutura de catro divisións, situando aos Flames na Patrick Division.[22] Lysiak repetiu como máximo anotador dos Flames con 77 puntos mentres que Eric Vail, xogando a súa primeira tempada completa, liderou ao equipo con 39 goles.[23] Vail foi o mellor entre todos os rookies e conseguiu o Calder Trophy.[24] O equipo sobrepúxose a unha serie de 8 derrotas en decembro e ás lesións de varios xogadores importantes para finalizar a súa primeira tempada gañadora cun rexistro de 34–31–15.[25][26] Con todo, finalizaron na cuarta posición da Patrick Division e non conseguiron clasificarse para os play-offs.[14] Alegando motivos persoais, Geoffrion renunciou como adestrador xefe a final da tempada. Foi substituído por Fred Creighton, que adestrara ao equipo asociado aos Flames, os Omaha Knights.[27] Posteriormente Fletcher acreditou que a personalidade extravertida de Geoffrion fora o motivo principal polo que a xente de Atlanta seguiu aos Flames durante as primeiras tempadas, mentres que os xogadores do equipo indicaron posteriormente o estilo de adestramento máis técnico e pedagóxico de Creighton.[3]

1975–1980[editar | editar a fonte]

Eric Vail loita pola posición fronte á portería nun partido ante aos Colorado Rockies en 1978.

Creighton creou un equipo consistente, mais non excepcional, finalizando na terceira posición da Patrick Division nas tres seguintes tempadas e gañando algúns partidos máis dos que perdían cada ano.[28] O equipo clasificouse para os play-offs nas tres tempadas, mais foron eliminados na primeira rolda todas as veces.[14] Na tempada 1975–76 foron derrotados por Los Angeles Kings nunha serie ao mellor de tres partidos por 2 partidos a 0. Os Kings eliminaron de novo aos Flames na tempada 1976–77, mais os de Atlanta conseguiron a primeira vitoria nos play-offs da súa historia no segundo partido das series.[20] Vail marcou o gol gañador na vitoria por 3 goles a 2 o 7 de abril de 1977,[29] mais os Flames foron eliminados no terceiro partido.[20] No draft de 1975 Willi Plett emerxeu como xove estrela para os Flames. Anotou 33 goles na súa primeira tempada como profesional na 1976–77 e gañou o Calder Trophy.[30]

Buscando a mellora da fortuna do seu equipo, Fletcher realizou varios movementos nas seguintes tempadas para reelaborar o cadro de xogadores dos Flames. O seu tándem de porteiros de Bouchard e Myre comezara a pelexa entre si na tempada 1977–78, cando ambos buscaron máis tempo de xogo. Fletcher respondeu nomeando a Bouchard como o seu primeiro porteiro e cambiando a Myre aos St. Louis Blues a cambio de tres xogadores. O equipo clasificouse para os play-offs de novo, mais foron o único equipo que caeu fronte a un equipo cun peor rexistro de puntos que eles, os Detroit Red Wings, na serie ao mellor de tres partidos, por 2 partidos a 0.[31] En marzo de 1979, Fletcher realizou un traspaso de oito xogadores que levou ao líder de anotación da franquía Tom Lysiak e a catro xogadores aos Chicago Black Hawks a cambio de tres xogadores, encabezados polo defensa Phil Russell.[32] Fletcher esperaba que a chegada de Russell axudara a que o seu equipo conseguira o éxito nos play-offs.[33]

Alentados por un récord de 10 vitorias consecutivas en outubro de 1978,[26] na tempada 1978–79 os Flames conseguiron o seu mellor rexistro de todas as súas tempadas en Atlanta con 41 vitorias, 31 derrotas e 8 empates.[14] Bob MacMillan, adquirido no intercambio de Myre, converteuse no primeiro xogador dos Flames (excluíndo a Lysiak) en liderar ao equipo en anotación en seis anos e, xunto con Guy Chouinard, foi un dos primeiros dous xogadores dos Flames en anotar 100 puntos nunha tempada.[14][34] Chouinard converteuse tamén no primeiro xogador do equipo en anotar 50 goles nunha tempada.[35] MacMillan gañou o Lady Byng Memorial Trophy esa tempada como xogador máis deportivo da NHL.[36] Nos play-offs fronte aos Toronto Maple Leafs, Atlanta unha vez máis non puido gañar un partido e perderon a serie ao mellor de tres partidos por 2 partidos a 0.[20]

Fletcher continuou a mudar a aparencia do seu equipo durante a 1978-79. Al MacNeil sucedeu a Creighton como adestrador xefe antes do inicio da tempada,[37] e o equipo adquiriu a estrela sueca Kent Nilsson logo da caída da WHA. Nilsson liderou o equipo de Atlanta en anotación con 40 goles e 53 asistencias.[38] No draft de 1979, Fletcher seleccionou catro xogadores – Paul Reinhart, Jim Peplinski, Pat Riggin e Tim Hunter – que finalmente se converterían en habituais na aliñación dos Flames.[39] Con todo, aínda que os Flames se clasificaron de novo para os play-offs en 1980, perderon de novo na primeira rolda, caendo na serie ao mellor de cinco partidos fronte aos New York Rangers por 3 partidos a 1.[20]

Traslado a Calgary[editar | editar a fonte]

Os Calgary Flames recoñecen a súa etapa en Atlanta empregando o logo "Flaming A" para designar aos capitáns suplentes do equipo.

A medida que o equipo se foi estancando no xeo, os Flames loitaban no portelo. O equipo acadou unha media de 14.161 espectadores por partido na súa segunda tempada, a 1973-74, mais caeu aos 12.258 tres anos despois, e posteriormente aos 10.500 na tempada 1977-78.[26] As preocupacións pola escasa afluencia de público que podía dar lugar a unha recolocación do equipo saíron á luz en 1976, o que levou a políticos e aos propios xogadores a mercar abonos nun intento por estabilizar a franquía.[40] Os Flames trataron de impulsar a asistencia en 1980 coa fichaxe de Jim Craig, porteiro do equipo olímpico estadounidense que gañara o ouro olímpico logo da súa vitoria sobre a Unión Soviética dentro do "Miracle on Ice".[41] O que non resultou un éxito, caendo a asistencia a 10.024.[26] Aos problemas financeiros sumóuselle o feito de que o Omni Coliseum foi construído sen palcos de luxo que puideran xerar maiores ingresos, sendo un dos últimos grandes estadios de América do Norte en ser construído sen eles, o que levou a Fletcher a considerar a instalación como "obsoleta xa ao inaugurarse".[3]

Cousins anunciou que estaba tentando vender o club logo da eliminación dos Flames nos play-offs;[42] o seu último partido, unha derrota por 5–2, xogouse en Atlanta o 12 de abril de 1980.[43] Afirmou ter sufrido perdas financeiras significativas co equipo e que a escasa asistencia obstaculizara a súa capacidade para asinar un contrato televisivo para o equipo.[42] Especulouse con que o equipo, que se estimara que perdera 12 millóns de dólares nos seus oito anos de historia, trasladaríase a Calgary, aínda que Dallas e Houston tamén foron mencionados como posibles destinos.[44]

Os irmáns Seaman, Daryl e Byron, fixeron unha oferta de 14 millóns de dólares mentres a cidade de Calgary preparaba a construción dun novo estadio para o equipo.[45] Con todo, o empresario canadense Nelson Skalbania emerxeu como poxador rival para o equipo antes de unirse ao consorcio de Calgary. O grupo acordou mercar os Flames por 16 millóns de dólares, no momento o maior prezo pagado por un equipo da National Hockey League.[46] A compra foi anunciada o 21 de maio de 1980 e a franquía foi recolocada no Canadá, onde adoptou o nome de Calgary Flames.[47] Os Flames teñen empregado dende aquela o logo de Atlanta para identificar tanto aos seus capitáns,[48] coma ao equipo afiliado que xogaba na American Hockey League, os Adirondack Flames.[49]

O último xogador en activo na NHL dos Atlanta Flames foi Kent Nilsson, que xogou o seu derradeiro partido en 1995. Varios antigos xogadores do equipo regresaron a Atlanta unha vez finalizaron a súa carreira.[50] Entre eles, Tom Lysiak dirixiu unha granxa de cabalos ás aforas da cidade,[51] Eric Vail regresou para dirixir un club nocturno,[52] e Willi Plett dirixiu un parque temático deportivo e campo de golf.[30]

Identidade do equipo[editar | editar a fonte]

[editar | editar a fonte]

O logo dos Atlanta Flames era o deseño do "Flaming A" (A ardente), consistía nun "A" vermello e branco cunha chama vermella no medio do "A".[53] Nas camisolas dos xogadores a distribución das cores variaba entre o uniforme como local e o empregado como visitante. Mentres que nos partidos como local aparecía un "Flaming A" en vermello e branco cunha chama no medio e co bordo en amarelo,[54] nos partidos como visitante o logo consistía no "Flaming A" en branco e amarelo sobre o fondo vermello do uniforme visitante.[55]

Uniforme[editar | editar a fonte]

Durante as oito tempadas que os Atlanta Flames xogaron na capital do Estado de Xeorxia os seus uniformes, tanto o local coma o visitante, apenas experimentaron cambios. A camisola local do equipo era de cor branca con tres faixas, dúas vermellas máis finas e unha máis grosa de cor amarela nos cóbados e na parte baixa, mentres que as ombreiras eran de cor vermella. No centro da parte dianteira da camisola aparecía o logo do equipo, mentres que na parte traseira podía verse o número, en vermello na camisola local e en branco na visitante.[56][57]

Pola súa banda, na primeira tempada as camisolas empregadas como visitante polo equipo de Atlanta eran de cor vermella e, como ocorría coa camisola local, contaba con tres faixas, dúas finas amarelas e unha máis grosa entre ambas.[57]

Os nomes dos xogadores non apareceron nas camisolas ata a quinta tempada do equipo na National Hockey League.[58][59]

Pavillón[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Omni Coliseum.
O Omni Coliseum en 1977.

Durante as oito tempadas que os Atlanta Flames competiron na National Hockey League xogaron os seus partidos como locais no Omni Coliseum de Atlanta. O pavillón comezouse a construír o 30 de marzo de 1971,[60] e tiña capacidade para 15.278 espectadores para partidos de hóckey sobre xeo. Exteriormente o pavillón destacaba pola súa cuberta de aceiro oxidado, mentres que o seu deseño posibilitaba que puidera sosterse poñendo columnas tan só cada 360 pés.[61] O primeiro evento que acolleu o pavillón foi o primeiro partido como local dos Flames, o empate a un gol fronte aos Sabres o día 14 de outubro de 1972.[11] Con todo, a falta de palcos VIP do pavillón foi un dos motivos polos que a franquía abandonou a cidade, xa que este feito dificultaba a posibilidade de xerar máis ingresos para unha franquía que se encontraba nunha delicada situación económica.[3] Logo da marcha dos Flames a Calgary o Omni Coliseum seguiu a ser empregado polo equipo da National Basketball Association (NBA) dos Atlanta Hawks ata a súa demolición o 26 de xullo de 1997.[61] O mellor rexistro de asistencia foi o da segunda tempada do equipo na NHL con 14.162 espectadores de media, que foi a primeira vez que o equipo se clasificou para os play-offs, mentres que no extremo oposto encóntranse os 10.024 espectadores de media da última tempada do equipo en Atlanta.

A seguinte táboa mostra a asistencia media ao Omni Coliseum durante as oito tempadas que os Flames xogaron en Atlanta:[62]

Datos de asistencia ao Omni Coliseum
Ano Asistencia media
1973 12.516
1974 14.162
1975 13.444
1976 11.963
1977 12.259
1978 10.501
1979 11.441
1980 10.024

Equipos afiliados[editar | editar a fonte]

As franquías da NHL teñen un cadro de xogadores limitado por convenio, polo que contan cun ou máis equipos «afiliados» que cada ano compiten en ligas menos importantes. Isto lles permite recrutar xogadores xoves na reválida anual, permitíndolles continuar o seu desenvolvemento sen comezar demasiado cedo. Ademais, estes equipos afiliados (tamén chamados clubs escola ou farm teams en inglés) constitúen unha reserva de talentos para as franquías da NHL, que os incorporan cando os seus xogadores sofren lesións e/ou para reforzar o equipo. A excepción dos equipos propietarios do seu propio club escola, as afiliacións finalizan cun acordo contractual e non se conxelan no tempo. Na súa historia en Atlanta, os Flames tiveron as seguintes afiliacións:[63]

Equipos afiliados dos Atlanta Flames
Período Equipo Liga
1972-1975 Omaha Knights CHL
1975-1976 Nova Scotia Voyageurs AHL
1975-1979 Tulsa Oilers CHL
1979-1980 Birmingham Bulls CHL

Afiliacións secundarias[editar | editar a fonte]

Ademais destes equipos, as franquías da NHL posúen unha ou dúas afiliacións denominadas «secundarias» con equipos que compiten en ligas menores. Estes equipos son empregados xeralmente como depósito de xogadores para os equipos anteriores en caso de ausencias por lesión de xogadores ou partidos cun equipo da NHL. Na súa historia en Atlanta, os Flames tiveron as seguintes afiliacións secundarias:[63]

Outras afiliacións dos Atlanta Flames
Período Equipo Liga
1973-1975 Des Moines Capitols IHL
1976-1977 Greensboro Generals SHL
1976-1977 Philadelphia Firebirds NAHL
1977-1980 Muskegon Mohawks IHL

Personalidades[editar | editar a fonte]

Xogadores[editar | editar a fonte]

Cadro de xogadores da última tempada[editar | editar a fonte]

Na derradeira tempada dos Atlanta Flames xogaron coa franquía un total de 32 xogadores adestrados por Al MacNeil e o seu adestrador asistente Tim Ecclestone:[64]

# Nac Xogador Posición[nota 3] S/G[nota 4] Idade Adquirido Lugar de nacemento
Flag of Sweden.svg Nilsson, KentKent Nilsson C E 23 1979 Nynäshamn, Suecia
Flag of Canada.svg Chouinard, GuyGuy Chouinard C D 22 1975 Cidade de Quebec, Canadá
Flag of Canada.svg MacMillan, BobBob MacMillan C E 26 1977 Charlottetown, Canadá
Flag of Canada.svg Houston, KenKen Houston RW D 25 1973 Dresden, Canadá
Flag of Canada.svg Vail, EricEric Vail LW E 25 1973 Timmins, Canadá
Flag of Canada.svg Reinhart, PaulPaul Reinhart D E 19 1979 Kitchener, Canadá
Flag of Canada.svg Pronovost, JeanJean Pronovost (C) RW D 33 1978 Shawinigan Falls, Canadá
Flag of Canada.svg Boldirev, IvanIvan Boldirev C E 30 1978 Zrenjanin, Iugoslavia
Flag of Canada.svg Russell, PhilPhil Russell D E 27 1978 Edmonton, Alberta
Flag of Canada.svg Unger, GarryGarry Unger C E 31 1979 Calgary, Alberta
Flag of Canada.svg Plett, WilliWilli Plett RW D 24 1975 Asunción, Paraguai
Flag of Canada.svg Lever, DonDon Lever LW E 26 1979 Timmins, Ontario
Finlandia Rautakallio, PekkaPekka Rautakallio D E 26 1979 Pori, Finlandia
Flag of Canada.svg Clement, BillBill Clement C E 28 1975 Buckingham, Quebec
Flag of Canada.svg Murdoch, BobBob Murdoch D D 32 1978 Kirkland Lake, Ontario
Flag of Canada.svg Rota, DarcyDarcy Rota LW E 26 1978 Vancouver, Columbia Británica
Flag of Canada.svg Henderson, PaulPaul Henderson RW D 36 1979 Kincardine, Ontario
Flag of Canada.svg Marsh, BradBrad Marsh D E 21 1978 London, Ontario
Flag of Canada.svg Shand, DavidDavid Shand D D 23 1976 Cold Lake, Alberta
Flag of the United States.svg Bennett, CurtCurt Bennett C E 31 1972 Regina, Saskatchewan
Flag of Canada.svg Lalonde, BobbyBobby Lalonde C E 28 1977 Montreal, Quebec
Flag of Canada.svg Bouchard, DanDan Bouchard G E 28 1972 Val-d'Or, Quebec
Flag of Canada.svg Gould, BobbyBobby Gould RW D 21 1979 Petrolia, Ontario
Flag of the United States.svg Ingarfield, EarlEarl Ingarfield C E 20 1979 Manhasset, Nova York
Flag of Canada.svg Wappel, GordGord Wappel D E 21 1979 Regina, Saskatchewan
Flag of Canada.svg Lemelin, RéjeanRéjean Lemelin G E 24 1978 Quebec, Quebec
Flag of Canada.svg Adduono, RickRick Adduono C E 24 1979 Fort William, Ontario
Flag of Canada.svg Gorman, DaveDave Gorman RW d 24 1079 Oshawa, Ontario
Flag of Canada.svg Beaudoin, SergeSerge Beaudoin D E 26 1979 Montreal, Quebec
Flag of the United States.svg Craig, JimJim Craig G E 22 1979 Easton, Massachusetts
Flag of Canada.svg Smith, BradBrad Smith RW D 21 1979 Windsor, Ontario
Flag of Canada.svg Riggin, PatPat Riggin P D 20 1979 Kincardine, Ontario

Capitáns[editar | editar a fonte]

Durante o tempo que a franquía permaneceu en Atlanta, o equipo dos Flames tivo catro capitáns. O primeiro capitán da historia da franquía foi nomeado na tempada 1972-73 da National Hockey League (NHL), a primeira tempada dos Flames, e foi o canadense Keith McCreary, que foi ademais o xogador que máis tempo exerceu como capitán do equipo. Ningún dos capitáns que tivo a franquía durante o tempo que permaneceu na cidade de Xeorxia naceu fóra do Canadá. Os diferentes xogadores que foron capitáns do equipo ao longo da súa historia foron:[65]

Capitáns dos Atlanta Flames
Nome Período
Keith McCreary 1972–75
Pat Quinn 1975–77
Tom Lysiak 1977–79
Jean Pronovost 1979–80

Eleccións na primeira rolda do draft[editar | editar a fonte]

Jacques Richard (na imaxe coa camisola dos Buffalo Sabres), primeiro xogador escollido no draft polos Atlanta Flames (segundo posto no draft de 1972).

Cada ano dende 1963, os xogadores das ligas menores teñen a posibilidade de asinar contratos coas franquías da NHL. Dende a creación da franquía de Atlanta ata o seu traslado a Calgary, os Flames escolleron a seis xogadores na primeira elección do draft. Os Flames realizaron dúas eleccións na primeira rolda do draft nos anos 1973 e 1976, mais nunca foron o primeiro equipo en seleccionar a un xogador das ligas menores, sendo a mellor posición na que elixiron o segundo posto dos drafts de 1972 e 1973. A continuación móstranse as eleccións na primeira rolda do draft da NHL dos Atlanta Flames ao longo da súa historia:[66]

Eleccións na primeira rolda do draft
Ano Nome do xogador Posto Equipo (liga)
1972 Jacques Richard Quebec Remparts (LHMJQ)
1973 Tom Lysiak
Vic Mercredi

16º
Medicine Hat Tigers (WCHL)
New Westminster Bruins (WCHL)
1975 Richard Mulhern Sherbrooke Castors (LHMJQ)
1976 David Shand
Harold Phillipoff

10º
Peterborough Petes (OHA)
New Westminster Bruins (WCHL)
1978 Brad Marsh 11º London Knights (OHA)
1979 Paul Reinhart 12º Kitchener Rangers (OHA)

Líderes históricos[editar | editar a fonte]

A seguinte táboa amosa os dez máximos anotadores da historia da franquía durante o tempo que esta permaneceu en Atlanta.[67]

Nota: POS = Posición, GP = Partidos xogados, G = Goles, A = Asistencias, Pts = Puntos, PIM = Penalties in minutes[nota 5]

Líderes históricos
Xogador POS PX G A Pts PIM
Tom Lysiak C 445 155 276 431 329
Eric Vail LW 469 174 209 383 223
Guy Chouinard F 318 126 168 294 56
Curt Bennett C 405 126 140 266 190
Bob MacMillan RW 208 90 131 221 50
Rey Comeau F 468 88 126 214 153
Ken Houston RW 350 91 108 199 332
Bill Clement C 297 69 107 176 136
Willi Plett RW 296 91 83 174 738
Randy Manery D 377 30 142 172 242

Adestradores[editar | editar a fonte]

Al MacNeil dirixiu o equipo na súa última tempada en Atlanta e as primeiras en Calgary.

Ao longo da historia dos Atlanta Flames estiveron ao cargo do equipo un total de tres adestradores. Destes tres adestradores tan só un dirixiu ao equipo nos dous períodos distintos da franquía, trátase de Al MacNeil, quen dirixiu ao equipo na derradeira tempada do equipo en Atlanta e nas primeiras tempadas da franquía en Calgary. Os mellores resultados obtidos pola franquía en Atlanta durante a liga regular foron conseguidos por Fred Creighton, que nas cinco tempadas que estivo á fronte do equipo de Atlanta conseguiu o mellor rexistro de vitorias da historia da franquía cun 52,9%. Nos play-offs, tanto Creighton coma Al MacNeil conseguiron gañar un partido, Creighton nas catro participacións do equipo na pos-tempada durante os anos que permaneceu á fronte, e MacNeil na única tempada que adestrou ao equipo antes do seu traslado a Calgary.

Adestradores dos Atlanta Flames
Nome Período Liga regular Play-offs
PX V D E  % V PX V D  % V
1 Bernie Geoffrion[68] 19721975 208 77 92 39 46,4 4 0 4 0,0
2 Fred Creighton[69] 19751979 348 156 136 56 52,9 9 1 8 11,1
3 Al MacNeil[70][nota 6] 1979-1980 80 35 32 13 51,9 4 1 3 25,0

Membros do Hall of Fame[editar | editar a fonte]

O único membro da organización dos Atlanta Flames que foi introducido no Hockey Hall of Fame foi o Xerente Xeral Cliff Fletcher. Nado en Montreal, Fletcher comezou a súa carreira na xestión do hóckey sobre xeo como scout dos Montreal Canadiens en 1956, e ascendeu ao posto de asistente do Xerente Xeral cos St. Louis Blues, posto no que se mantivo ata a súa contratación como Xerente Xeral dos Atlanta Flames en 1972, coincidindo coa súa tempada inaugural. Fletcher mantívose na organización da franquía durante 11 anos máis logo do seu traslado a Calgary, e foi o artífice do único campionato da Stanley Cup do equipo de Alberta en 1989. Foi introducido no Hockey Hall of Fame en 2004 como construtor.[71]

Récords individuais[editar | editar a fonte]

Nunha tempada[editar | editar a fonte]

Na súa carreira[editar | editar a fonte]

Trofeos[editar | editar a fonte]

Dous xogadores da franquía gañaron o Calder Memorial Trophy nos anos que esta permaneceu en Atlanta.

Tres membros dos Flames gañaron algún trofeo individual durante a etapa que o equipo xogou en Atlanta. Eric Vail foi o primeiro, gañando o Calder Memorial Trophy como mellor rookie na tempada 1974–75 logo de marcar 39 goles e finalizando con 60 puntos.[77] O xogador canadense nado en Paraguai Willi Plett gañou o trofeo dous anos despois anotando 33 goles e 23 asistencias na súa primeira tempada na NHL.[78] Bob MacMillan foi nomeado o xogador máis deportivo na tempada 1978–79, gañando o Lady Byng Memorial Trophy. Finalizou no quinto posto da liga en anotación con 104 puntos pero acumulando tan só 14 penalty minutes en toda a tempada.[79]

Sete xogadores representaron aos Flames no NHL All-Star Game. Randy Manery converteuse no primeiro all-star do equipo cando xogou no 26º partido All-Star da NHL en 1973. A este seguíronlle posteriormente Al McDonough (1974), Tom Lysiak (1975, 1976 e 1977), Curt Bennett (1975 e 1976), Eric Vail (1977), Bill Clement (1978) e Kent Nilsson (1980).[80]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En hóckey sobre xeo un shutout consiste en que o porteiro dun equipo consiga non encaixar ningún gol ao final do partido.
  2. O termo rookie fai referencia aos xogadores no seu primeiro ano na liga.
  3. As posicións aparecen coas súas abreviaturas en inglés:
    *G: Goalie (porteiro)
    *C: Center (central)
    *W: Winger (Aleiro -dereito sinlado con "R" e esquerdo sinalado con "L"-)
    *D: Defenceman (defensa).
  4. As abreviaturas "S" e "G" fan referencia á man que o xogador emprega para golpear o puck co stick (S) ou a que empregan os porteiros para collelo coa garda (G).
  5. Os penalty minutes, Penalty Infraction Minutes ou Penalties in Minutes (abreviado en inglés PIM) é un valor estatístico do hóckey sobre xeo que fai referencia aos minutos que un xogador permaneceu expulsado por sanción.
  6. As estatísticas non inclúen os seus números como adestrador dos Calgary Flames.
Referencias
  1. 1,0 1,1 Mellor, Bob (10 de novembro de 1971). "The start of a long war". Ottawa Citizen (en inglés). p. 23. Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 Bock, Hal (10 de novembro de 1971). "NHL admits Long Island, Atlanta; sees two more". Reading Eagle (en inglés). p. 65. Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 McGourty, John (24 de xaneiro de 2008). "Former Flames recall hot times in Atlanta" (en inglés). National Hockey League. Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 (Boer, 2006, p. 13)
  5. (Boer, 2006, p. 14)
  6. Blackman, Ted (22 de maio de 1972). "Boomer wanted to quit hockey—'but I got a helluva contract'". Montreal Gazette (en inglés). p. 33. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  7. "Expansion clubs draft for youth". Spokane Spokesman-Review (en inglés). 7 de xuño de 1972. p. 16. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  8. (Boer, 2006, p. 15)
  9. "Habs' Sammy again runs draft show". Calgary Herald (en inglés). 9 de xuño de 1972. p. 33. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  10. (Boer, 2006, p. 17)
  11. 11,0 11,1 Saladino, Tom (16 de outubro de 1972). "Omni opens in Atlanta with hockey reigning". Waycross Journal-Herald (en inglés). p. P9. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  12. (Boer, 2006, p. 18)
  13. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 144)
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 (Hanlon e Kelso, 2007, p. 105)
  15. "Atlanta opens complex". The Palm Beach Post (en inglés). 8 de outubro de 1972. p. E9. Consultado o 27 de agosto de 2012. 
  16. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 194)
  17. "Tom Lysiak profile". Legends of Hockey (en inglés). Hockey Hall of Fame. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  18. (Boer, 2006, p. 22)
  19. "Flyers whip Flames 4–1 in opener". Ottawa Citizen (en inglés). 10 de abril de 1974. p. 25. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 (Hanlon e Kelso, 2007, p. 219)
  21. (Dowbiggin, Hanson e Short, 1982, p. 52)
  22. "Name's the same, but little else". Spokane Spokesman-Review (en inglés). 1974-10-06. p. 4. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  23. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 195)
  24. (Ornest, 1980, p. 27)
  25. (Boer, 2006, p. 24)
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 "Calgary Flames: their eight years in Atlanta". Calgary Herald. 8 de outubro de 1980. p. E10. 
  27. "Geoffrion resigns as Flames' coach". Albany Herald (en inglés). 4 de febreiro de 1975. p. 8. Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  28. (Boer, 2006, p. 25)
  29. "Flames break jinx, square series with Kings". Rome News-Tribune (en inglés). 8 de abril de 1977. p. 7A. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  30. 30,0 30,1 (Podnieks, 2003, p. 682)
  31. (Boer, 2006, p. 26)
  32. "Flames trade Lysiak to Chicago". The Miami News (en inglés). 14 de marzo de 1979. p. 1C. Consultado o 29 de agosto de 2012. 
  33. Cole, Glenn (27 de marzo de 1979). "The 'Trade' still burning issue in Atlanta". Montreal Gazette (en inglés). p. 17. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  34. (Boer, 2006, p. 27)
  35. "Atlanta routs Rangers". Spokane Spokesman-Review (en inglés). 7 de abril de 1979. p. 21. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  36. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 23)
  37. "Flames name Al MacNeil as new coach". Pittsburgh Post-Gazette (en inglés). 8 de xuño de 1979. p. 12. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  38. (Boer, 2006, pp. 28–29)
  39. (Boer, 2006, p. 28)
  40. "Flames buying own tickets". Florence Times (en inglés). 22 decembro de 1976. p. 10. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  41. "Flames sign Jim Craig". Albany Herald (en inglés). 28 de febreiro de 1980. p. 1D. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  42. 42,0 42,1 "Flames boss serious about selling franchise". Montreal Gazette (en inglés). 16 de abril de 1980. p. 59. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  43. (Boer, 2006, p. 29)
  44. Wood, Larry (15 de xaneiro de 1980). "In deep south, these Flames are barely embers". Calgary Herald (en inglés). p. C1. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  45. Bilych, George (16 de abril de 1980). "Seamans bailing Cousins from a sea of red ink". Calgary Herald (en inglés). p. C1. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  46. (Boer, 2006, p. 37)
  47. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 4)
  48. Stubits, Brian (24 de agosto de 2013). "NHL All-time teams: Calgary Flames" (en inglés). CBSSports.com. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  49. "Flames announce Adirondack Flames as AHL affiliate" (en inglés). CalgaryFlames.com. 16 de maio de 2014. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  50. Gilbertson, Wes (1 de xuño de 2011). "Ex-Flames recall Atlanta move". London Free Press (en inglés). Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  51. (Podnieks, 2003, p. 517)
  52. (Podnieks, 2003, p. 877)
  53. "Atlanta Flames Logo. Primary Logo (1972/73-1979/80)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  54. "Atlanta Flames. Jersey Logo (1972/73-1979/80)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  55. "Atlanta Flames Logo. Jersey Logo (1972/73-1979/80)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  56. "Home Uniform (1972/73)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 14 de febreiro de 2016. 
  57. 57,0 57,1 "Road Uniform (1972/73)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 14 de febreiro de 2016. 
  58. "Home Uniform (1977/78-1979-80)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 14 de febreiro de 2016. 
  59. "Road Uniform (1977/78-1979-80)" (en inglés). sportslogos.net. Consultado o 14 de febreiro de 2016. 
  60. "Georgia news brief". Rome News-Tribune (en inglés). 30 de marzo de 1971. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  61. 61,0 61,1 "The Omni Coliseum" (en inglés). hockey.ballparks.com. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  62. "Atlanta Flames Yearly Attendance Graph" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  63. 63,0 63,1 www.hockeydb.com (ed.). "Atlanta Flames Minor League Affiliate History" (en inglés). Consultado o 3 de xaneiro de 2016. 
  64. "1979-80 Atlanta Flames roster and statistics" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 14 de febreiro de 2016. 
  65. Hanlon & Kelso 2007, p. 103
  66. "Atlanta Flames Draft History" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 16 de agosto de 2015. 
  67. Hanlon & Kelso 2007, p. 132
  68. "Bernie "Boom-Boom" Geoffrion" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  69. "Fred Creighton" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  70. "Al MacNeil" (en inglés). hockeydb.com. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 
  71. "Cliff Fletcher biography". Legends of Hockey (en inglés). Hockey Hall of Fame. Consultado o 3 de febreiro de 2016. 
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 72,4 Ornest 1980, p. 70
  73. 73,0 73,1 Ornest 1980, p. 71
  74. Ornest 1980, p. 73
  75. 75,0 75,1 75,2 75,3 Ornest 1980, p. 67
  76. 76,0 76,1 76,2 Ornest 1980, p. 74
  77. "Calder Memorial Trophy winner – Eric Vail" (en inglés). Hockey Hall of Fame. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  78. "Calder Memorial Trophy winner – Willi Plett" (en inglés). Hockey Hall of Fame. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  79. "Lady Byng Memorial Trophy winner – Bob MacMillan" (en inglés). Hockey Hall of Fame. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  80. (Hanlon e Kelso, 2007, p. 22)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boer, Peter (2006). The Calgary Flames: The Hottest Players & Greatest Games (en inglés). Overtime Books. ISBN 1-897277-07-5. 
  • Dowbiggin, William F.; Hanson, George; Short, John (1982). Fire on Ice: The Flames (en inglés). Executive Sport Publications. ISBN 9780019035125. 
  • Hanlon, Peter; Kelso, Sean, eds. (2007). 2007–08 Calgary Flames Media Guide (en inglés). Calgary: Calgary Flames Hockey Club. 
  • Ornest, Leo, ed. (1980). 1980–81 Calgary Flames Fact Book (en inglés). Calgary Flames Hockey Club. 
  • Podnieks, Andrew (2003). Players: The ultimate A–Z guide of everyone who has ever played in the NHL (en inglés). Toronto: Doubleday Canada. ISBN 0-385-25999-9. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]