Saltar ao contido

Marcha Mundial das Mulleres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcha Mundial das Mulleres
Membros da Marcha Mundial das Mulleres participando da concentración 29N en Santiago de Compostela.
TipoManifestación
Ideoloxíafeminismo
Data de fundación1996
Na rede
http://www.marchemondiale.org
editar datos en Wikidata ]

A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres.

Dende o ano 2000 mobilizou a través de accións internacionais, nacionais e rexionais, centenares de mulleres en torno á loita pola xustiza económica, o cambio político e social e os dereitos reprodutivos das mulleres, incluíndo a despenalización do aborto.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

En 1995 a Federación de mulleres do Quebec organizou unha primeira Marcha das mulleres na que participaron 850 mulleres que marcharon durante 10 días por reivindicacións sobre xustiza económica. Na meta final foron acollidas por 1500 persoas. Despois deste éxito xurdiu a idea de realizar unha Marcha Mundial das Mulleres no ano 2000.

O 8 de marzo do 2000 formalizouse o lanzamento da primeira Acción internacional en Xenebra, Suíza e culminou no palacio das Nacións Unidas en Nova York.

Unha terceira acción tivo lugar no 2005 na que entre o 8 de marzo e o 17 de outubro as mulleres a nivel mundial fixeron un relevo global de reivindicacións. Tamén se fixo pública a Carta Mundial das mulleres pola humanidade.[1]

A cuarta acción levouse a cabo no 2010 onde diferentes grupos de mulleres realizaron acción entre o 8 de marzo e o 17 de outubro. O punto final desta marcha foi en Bukavu, República Democrática do Congo. Esta elección fíxose como xesto de solidariedade coa situación de violencia que se vive na rexión.

A Marcha Mundial das Mulleres do Brasil fortaleceuse cos sucesivos Foros Sociais Mundiais. No primeiro, realizado en Porto Alegre, a Marcha presentou a Carta das Mulheres Brasileiras, unha carta de reivindicacións que exixe terra, traballo, dereitos sociais, autodeterminación das mulleres e soberanía do país. A Marcha ten estreita relación coas mulleres campesiñas do Brasil.[2]

Obxectivos

[editar | editar a fonte]

No Sexto Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres realizado en Lima, Perú, entre o 2 e o 9 de xullo de 2006, a Marcha actualizou os seus obxectivos e fixounos nas seguintes liñas:

  1. Fortalecer e manter un vasto movemento de solidariedade entre todas as mulleres e organizacións de base para que a Marcha constitúa un xesto de afirmación das mulleres do mundo.
  2. Promover a igualdade e a xustiza entre mulleres e homes, entre mulleres e entre todos os pobos.
  3. Seguir construíndo e fortalecendo un amplo proceso de educación popular onde todas as mulleres poidan analizar por si mesmas e para elas mesmas, as causas da súa opresión, da súa discriminación e as posibles alternativas.
  4. Pór en práctica as reivindicacións e as alternativas comúns aos movementos das mulleres do mundo, a escala local, nacional, rexional e internacional, ao redor dos temas de pobreza e de violencia cara ás mulleres.
  5. Exercer presións políticas sobre os gobernos e as institucións políticas multilaterais (por ex a ONU), para que realicen os cambios necesarios para mellorar as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo, incluíndo unha política de desarme e de resolución pacífica de conflitos, a fin de todas as impunidades e da corrupción, do uso da violación como arma de guerra, das ocupacións e da presenza militar estranxeira ao igual que a imposición de bloqueos político-económicos.
  6. Rexeitar e denunciar ls institucións internacionais financeiras, económicas e militares (FMI, OTAN, OMC, BM, corporacións transnacionais, axencias de cooperación que condicionan as nosas loitas etc.) que empobrecen e marxinan as mulleres, e incrementan a violencia cara a elas, e traballar con propostas institucionais alternativas.
  7. Levar á poboación en xeral, aos outros sectores da sociedade e aos movementos sociais a apoiar e realizar os cambios que sexan necesarios para mellorar a posición, as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo enteiro.
  8. Elaborar e instrumentar accións e propostas feministas con miras a denunciar as corporacións, institucións económicas e financeiras e gobernos que propician a explotación e a degradación dos nosos recursos, os cambios climáticos e a perda da nosa biodiversidade. Loitar pola soberanía na xestión dos nosos recursos medioambientais que leve a un modelo de desenvolvemento que atenda as necesidades fundamentais das xeracións presentes e futuras.[3]

Áreas de acción

[editar | editar a fonte]
Marcha Mundial das Mulleres no FSM2015 Tunisia

Autonomía económica das mulleres

[editar | editar a fonte]

A Marcha Mundial das Mulleres defende a autonomía económica como a capacidade das mulleres de ser provedoras do seu propio sustento así como sostén das persoas que dependen dela. Neste sentido, a autonomía complétase coa capacidade de decidir cal é a mellor forma para soster a súa propia vida. Segundo esta organización, a autonomía non é só financeira, senón que inclúe dereitos en materia de acceso a servizos públicos e outros dereitos esenciais como a saúde e a vida digna.[4]

Violencia contra as mulleres

[editar | editar a fonte]

Para a Marcha Mundial das Mulleres, a violencia contra as mulleres é propia, estrutural e inherente ao sistema patriarcal vixente actualmente no marco do sistema capitalista. A violencia opera como ferramenta de control da vida, o corpo e a sexualidade das mulleres por parte de homes, grupos de homes, institucións patriarcais e Estados. Por este diagnóstico feito pola Marcha, un dos eixos fundamentais de traballo é loitar contra o sistema patriarcal, contra a violencia de xénero e outras formas de violencia contra as mulleres como grupo social.[5]

Dereito aos bens comúns e servizos públicos

[editar | editar a fonte]

Os bens comúns son aqueles bens específicos que todos comparten e benefician a todos os membros dunha comunidade para manter unha vida digna. As mulleres teñen dereito á comida, auga, terra, vivenda, coñecemento e servizos públicos como a educación, saúde e enerxía.[6]

Paz e desmilitarización

[editar | editar a fonte]

A Marcha Mundial das Mulleres chama especialmente a atención sobre as vexacións e abusos aos que son sometidas as mulleres en tempos de guerra. Apropiación dos seus corpos, control, intimidación, trofeo de guerra... son parte dos máis variados casos de violencia sexista habituais en zonas de guerra e violencia. É por esta razón que a Marcha pon especial énfase nos dereitos das mulleres e na construción de sociedades baseadas na paz e a desmilitarización como eixo esencial da construción de sociedades máis xustas.[7]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2011. Consultado o 16 de xuño de 2011. 
  2. http://www.sof.org.br/marcha/
  3. http://www.marchamundialdelasmujeres.org/qui_nous_sommes/objectifs/es/base_view[Ligazón morta]
  4. http://www.sof.org.br/marcha/?pagina=temasautonomiaeconomica
  5. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2010. Consultado o 06 de outubro de 2010. 
  6. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2010. Consultado o 06 de outubro de 2010. 
  7. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2010. Consultado o 06 de outubro de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]