Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

A arte da guerra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A arte da guerra
Bamboo book - binding - UCR.jpg
A arte da guerra nun libro de bambú da época do reino do Emperador Qianlong, século XVIII.
Título orixinal孫子兵法
Autor/aSun Tzu
OrixeChina
Linguachinés
Tema(s)estratexia de guerra
EditorialTeófilo edicións
Data de pub.século IV adC en chinés
2013 en galego
ISBNISBN
TraduciónXulio Ríos

A arte da guerra (chinés: 孫子兵法; pinyin: sūn zĭ bīng fǎ; literalmente "Estratexia Militar de Sun Tzu" ) é un tratado militar escrito durante o século IV adC polo estratego coñecido como Sun Tzu. A obra foi publicada en galego no 2013 por Teófilo edicións, con tradución de Xulio Ríos.[1] Desde 1772 existen edicións europeas (catro traducións rusas, unha alemá, cinco en inglés), mais son insatisfactorias canto a calidade. A primeira edición occidental cunha tradución fidedigna data de 1927.

Orixe[editar | editar a fonte]

Taboíñas de bambú desenterradas en 1972 na montaña Yinque, cidade de Linyin, Shandong. Inclúe unha copia de "A arte da guerra", data do século II a. C.

O autor de "A arte da guerra" foi Sun *Zi ou Sun Wu, o seu nome oficial. Os relatos tradicionais afirmaban que o seu descendente, Sun Bin (孙膑/sūn bìn), tamén escribiu un tratado sobre tácticas militares, titulado A arte da guerra de Sun Bin (孙膑兵法/ sūn bìn bīngfǎ). Tanto Sun Zi como Sun Bin son referidos como Sun Zi nos escritos chineses clásicos, e algúns historiadores creron que ambos eran a mesma persoa, con todo, grazas ó descubrimento de varios rolos de bambú desenterrados en 1972 na Montaña do Pardal de Prata (Yinqueshan), na cidade de Linyin, Shandong, confírmase que Sun Bin escribiu a súa propia arte da guerra.[2]

Considérase que o texto foi escrito cara ó último terzo do século IV a.C.[2] Este texto deuse a coñecer en Europa a finais do século XVIII. A súa primeira aparición foi a edición francesa de 1772 en París, do xesuíta Jean Joseph-Marie Amiot, foi titulada Art Militaire des Chinois.

Foi e segue sendo estudado por todos aqueles estrategos militares que dirixiron exércitos, pero tamén serviu de gran axuda para todo aquel guerreiro que emprendeu o Camiño.

A arte da guerra é un dos libros máis antigos que se escribiron. Foi o primeiro intento coñecido sobre leccións de guerra. Con todo, é aínda frecuentemente utilizado na actualidade debido a que as súas ensinanzas poden ser aplicadas en moitas outras áreas onde está involucrado o conflito.

Temas[editar | editar a fonte]

Sun Tzu considerou a guerra como un mal necesario que se ten que evitar sempre que sexa posible. Segundo el a guerra ten que ser combativa e rápida para evitar perdas económicas: "Nunca ningunha guerra longa beneficiou ningún país: 100 vitorias en 100 batallas é algo simplemente ridículo. Calquera persoa que se destaca na derrota dos seus inimigos triunfa antes de que a ameaza do seu inimigo se faga realidade.". Segundo o libro, hai que evitar as matanzas e atrocidades, porque isto pode provocar resistencia e posiblemente pode permitir que un inimigo cambie a guerra no seu favor.[3] Para o vencedor, "a mellor política é capturar o estado intacto, soamente ten que ser destruído se non hai outras opcións dispoñibles".[3]

Sun Tzu salientou a importancia do posicionamento na estratexia militar. A decisión de situar un exército tense que basear en dúas condicións obxectivas, na contorna física e as crenzas subxectivas dos outros actores con competencia nesta contorna. Pensou que a estratexia non era planear no sentido de traballar a través dunha lista establecida, senón que esixe respostas rápidas e adecuadas ás condicións cambiantes. Non planear nunha contorna controlada, senón nunha contorna cambiante onde os plans que compiten chocan, creando situacións inesperadas.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O tratado está composto de trece capítulos, onde en cada capítulo é abordado un aspecto da estratexia de guerra, de modo que se compón un panorama de todos os eventos e estratexias que deben ser abordados nun combate racional. Acredítase que o libro teña sido usado por diversos estrategos a través da historia como Napoleón, Adolf Hitler e Mao Tse Tung. Malia a antigüidade da obra, ningunha obra ou tratado é tan comprensíbel e tan actual canto á Arte da Guerra. Co seu carácter sentencioso, Sun Tzu forxa a figura dun xeneral cuxas cualidades son o segredo, o disimulo e a sorpresa.

Hoxe, o libro parece estar destinado a secundar outra guerra: a das empresas no mundo dos negocios. Así, o libro migrou dos estantes dos estrategos para os do economista e do administrador.

Aínda que as tácticas bélicas teñan mudado desde a época de Sun Tzu, ese tratado tería influenciado, segundo a Enciclopedia Británica, certos estrategos modernos como Mao Tsé-Tung, na súa loita contra os xaponeses e os chineses nacionalistas.

Os trece capítulos de A arte da guerra[editar | editar a fonte]

  1. Cálculos preliminares: explora os cinco factores fundamentais (a Forma, estacións, terreo, liderado e xestión) e os sete elementos que determinan o desenlace de accións militares. Pensando, avaliando e comparando estes puntos, un comandante pode calcular as súas probabilidades de vitoria. A desviación destes cálculos pode dar lugar ó fracaso debido ó uso de accións incorrectas. O texto expón que a guerra é unha cuestión moi importante para as nacións e que non se pode levar a cabo sen considerar a fondo todos os factores.
  2. Os preparativos da guerra: explica como entender a economía da guerra e como o éxito require ganancias decisivas de forma rápida. Esta sección explica que o éxito en campañas militares require limitar o custo do conflito.
  3. Plan do ataque: define que a unidade é a orixe da forza e non a medida e lista os cinco principais factores que son necesarios en calquera guerra. En orde de importancia estes factores son: ataque, estratexia, alianzas, exército e cidades.
  4. Demostración do poderío militar: Explica a importancia de defender as posicións existentes ata que un comandante sexa capaz de avanzar de forma segura destas posicións. Ensina ós comandantes a importancia de recoñecer oportunidades estratéxicas e a non dar ocasións ó inimigo.
  5. Disposición do potencial militar: Explica o uso da creatividade e o tempo á hora de dar forza a un exército.
  6. O cheo e o baleiro: Explica como as oportunidades dun exército proveñen de gretas na contorna causadas por debilidades relativas do inimigo nunha zona dada.
  7. As manobras ou a loita: Explica os perigos do conflito directo e como gañar estas confrontacións cando estas son forzadas polos mandos.
  8. Resolución de nove circunstancias: Céntrase nas necesidades de flexibilidade na resposta do exército. Explica como responder ás circunstancias cambiantes de forma satisfactoria.
  9. A marcha das tropas: Describe as diferentes situacións nas cales un exército pode atoparse ó moverse cara a novos territorios e como responder a estas situacións. Gran parte desta sección céntrase en avaliar as intencións dos outros.
  10. Topografía militar: Explica as tres áreas xerais de resistencia (distancia, perigos e barreiras) e os seis tipos de posicións que resultan. Cada unha das seis situacións teñen vantaxes e desvantaxes.
  11. As nove configuracións do terreo: Describe as nove situacións (ou etapas) nunha campaña, de dispersión a morte, e a aproximación que un comandante pode necesitar para afrontalas.
  12. Ataques con lume: Explica o uso xeral de armas e como utilizar a contorna coma se fose unha arma. Esta sección examina os cinco obxectivos para atacar e os cinco tipos de ataques ambientais e as respostas apropiadas a estes ataques.
  13. O aproveitamento de espías: Céntrase na importancia de desenvolver boas fontes de información e especifica os cinco tipos de fontes de intelixencia e como xestionalas.

Aplicacións[editar | editar a fonte]

En varios países do leste asiático, a Arte da Guerra foi considerado parte do plan de estudos para potenciais candidatos para exames do servizo militar. Hai varias traducións dispoñibles en diferentes idiomas asiáticos.

Aplicacións militares[editar | editar a fonte]

Durante a era Sengoku no Xapón, díxose que un dàimio chamado Takeda Shingen (1521-1573) converteuse en case invulnerable a todas as batallas sen utilizar armas de fogo grazas ós seus coñecementos da Arte da Guerra.[4] O libro mesmo o inspirou na a súa famosa batalla "Fūrinkazan" (Vento, Bosque, Lume e Montaña), que significa rápido como o vento, silencioso como o bosque, feroz como o lume e inamovible como a montaña.[5]

O tradutor Samuel B. Griffith engadiu un capítulo chamado Sunzi e Mao Tse-tung onde se cita o libro como unha influencia para Mao nas súas obras Sobre a Guerra de Guerrillas, Sobre a Guerra Prolongada e Problemas Estratéxicos da Guerra Revolucionaria da China e inclúe a cita de Mao: "Non temos que desprezar os ditos do libro de Sun Wu Tzu, o grande experto militar da China antiga. Coñece o teu inimigo e coñéceche a ti mesmo e poderás loitar mil batallas sen perder.".[6]

Dise que durante a Guerra do Vietnam, algúns oficiais do Vietcong estudaban o libro e podían recitar pasaxes de memoria.

O xeneral Vo Nguyen Giap utilizou tácticas descritas na Arte da Guerra na Batalla de Dien Bien Phu, acabando coa maior parte da dominación colonial francesa e que conduce aos acordos que dividiron Vietnam ó Norte e ó Sur. O xeneral Vo, máis tarde, foi o principal comandante militar do PVA na Guerra do Vietnam, foi un ávido estudante e practicante das ideas de Sun Tzu. A derrota dos Estados Unidos no Vietnam, máis que calquera outro acontecemento, levou a Sun Tzu a ter a atención dos líderes da teoría militar norteamericana.[7][8][9] É aínda hoxe en día un libro de referencia para este exército, onde se recomenda que as diferentes unidades teñan un exemplar para ser consultado e é un documento frecuente de traballo. É, ademais, lectura recomendada para todo o persoal militar de intelixencia e obrigatoria para os oficiais da CIA.[10]

O mariscal de campo Mannerheim e o xeneral Aksel Airo, ambos finlandeses, eran ávidos lectores da Arte da Guerra. Os dous leron a tradución francesa e dise que Airo gardaba sempre unha copia na mesa de noite do cuartel.

Segundo algúns autores, a estratexia de desinformación de A arte da guerra foi estudada e amplamente utilizada polo KGB: forzarei o inimigo a tomar a nosa forza por debilidade e a nosa debilidade por forza, e por tanto a súa forza volverase en debilidade.[11] O libro é amplamente citado polos oficiais da KGB a cargo das operacións de desinformación na novela de Vladimir Volkoff Le Montage.

Aplicacións non militares[editar | editar a fonte]

A arte da guerra aplicouse a moitos campos fóra da contorna militar. Gran parte do texto trata sobre como librar guerras sen ter que iniciar unha batalla: dá consellos sobre como ser máis astuto que o opoñente para qie a batalla física non sexa necesaria. Como tal, atopou aplicación como unha guía de adestramento para moitas iniciativas competitivas que non impliquen combate real.

Escribíronse libros para negocios que aplican os seus consellos en política laboral e estratexia corporativa.[12][13][14] Moitas empresas xaponesas converteron o libro nunha lectura obrigatoria para os seus executivos máis importantes.[15] O libro tamén é moi popular entre a xestión empresarial occidental, que buscou nel inspiración e consellos sobre como ter éxito en situacións de competitividade nos negocios. Tamén se aplicou no campo da educación.

A arte da guerra foi tamén o tema principal de libros sobre dereito e artigos xurídicos sobre procesos xudiciais, incluíndo tácticas de negociación e de comportamento en xuízos.

A arte da guerra tamén se aplicou no mundo do deporte. O adestrador da NFL Bill Belichick é coñecido por ler o libro e utilizar as súas ensinanzas para obter información na preparación anterior ós partidos. Tamén é coñecido que os adestradores de cricket australiano e os seleccionadores brasileiros Luiz Felipe Scolari e Carlos Alberto Parreira adoptaron o texto no seu traballo. Scolari deu nocións da obra ós seus xogadores durante o Mundial do Brasil do 2002, que gañaron.

Anotacións[editar | editar a fonte]

Unha parte de A arte da Guerra nun escrito Tangut.

Antes do descubrimento polos arqueólogos da versión en madeira de bambú en abril de 1972, unha versión comunmente citada de A arte da Guerra era a Anotación das Estratexias de Sun Tzu de Cao Cao, o fundador do reino de Wei. No prefacio, escribía que as anotacións previas non se centraban nas ideas esenciais. Outras anotacións mencionadas nos libros de historia oficiais inclúen a Estratexia Militar de Sun Tzu de Shen You (176-204), a Copia da Estratexia Militar de Sun Tzu de Jia Xu e A Estratexia Militar de Sun Tzu de Cao Cao e Wang Ling.

O Libro de Sui documentou sete libros ós que se lles pon o nome de Sunzi. Unha anotación de Du Mu tamén inclúe a anotación de Cao Cao. A arte da Guerra de Lle Jing dise que foi unha revisión das estratexias do Mestre Sun. As anotacións de Cao Cao, Du Mu e Li Quan traducíronse á lingua tangut antes do 1040. Un libro denominado Dez Escolas da arte de Anotacións de Guerra foi publicado antes de 1161.

Despois da invención da imprenta A arte da Guerra (coas anotacións de Cao Cao) foi publicado nun libro de texto militar xunto con outros seis libros de estratexia, colectivamente coñecidos como Os Sete Clásicos Militares (武經七書 / 武经七书).

Como libros de texto militares de lectura obrigatoria desde a Dinastía Song, Os Sete Clásicos Militares tiveron moitas anotacións. Hoxe en día existen máis de 30 versións diferentes destes libros con anotacións.

As dúas versións chinesas tradicionais máis comúns da Arte de Guerra (o Foco de Especialista Completo e a Biblia Militar) foron as fontes para a primeira tradución ó inglés e outras. Non foi até os anos 1970 que estes traballos se compilarían, con máis descubrimentos arqueolóxicos recentes, nunha versión máis completa única en Taipei, Taiwán. O traballo que resultou coñécese como a Versión Completa da arte da Guerra de Sun Tzu.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Arte da Guerra" de Sun Zi, un clásico chinés na nosa lingua Arquivado 27 de marzo de 2013 en Wayback Machine. artigo en Sermos Galiza
  2. 2,0 2,1 Galvany, Albert (2012). Sunzi. A arte da guerra. Tradución directa do chinés antigo (8ª ed.). Madrid, España: Trotta. ISBN 978-84-9879-332-1. 
  3. 3,0 3,1 Nicolas Werth, Karel Bartošek, Jean-Louis Panné, Jean-Louis Margolin, Andrzej Paczkowski, Stéphane Courtois, The Black Book of Communism: Crimes, Terror, Repression, Harvard University Press, 1999, hardcover, 858 pages, ISBN 0-674-07608-7, page 467.
  4. Cultural China (ed.). "Military Applications of The Art of War" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 
  5. Furinkazan, military strategy (en inglés)
  6. Griffith 2011, p. 50.
  7. Interview with Dr. William Duiker, Conversation with Sonshi
  8. McCready, Douglas. Learning from Sun Tzu, Military Review, May–June 2003."Ligazón". 
  9. Forbes, Andrew; Henley, David (2012). The Illustrated Art of War: Sun Tzu. Chiang Mai: Cognoscenti Books. ASIN: B00B91XX8U
  10. Marine Corps Professional Reading Program
  11. Yevgenia Albats and Catherine A. Fitzpatrick. The State Within a State: The KGB and Its Hold on Russia--Past, Present, and Future. 1994. ISBN 0-374-52738-5, chapter Who was behind perestroika?
  12. Michaelson, Gerald. "Sun Tzu: The Art of War for Managers; 50 Strategic Rules." Avon, MA: Adams Media, 2001
  13. McNeilly, Mark. "Sun Tzu and the Art of Business : Six Strategic Principles for Managers. New York:Oxford University Press, 1996.
  14. Krause, Donald G. "The Art of War for Executives: Ancient Knowledge for Today's Business Professional." New York: Berkley Publishing Group, 1995.
  15. Kammerer, Peter. "The Art of Negotiation." South China Morning Post (April 21, 2006) pg. 15

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografia[editar | editar a fonte]

  • Sun Tzu; Golden, Seán (trad.); Presas, Marisas (trad.) (2000). L'art de la guerra. Barcelona: Proa. ISBN 8482568418. 
  • Sawyer, Ralph D. (2007). The Seven Military Classics of Ancient China (en inglés). Basic Books. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]