Xilbarbeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xibarda
Ruscus aculeatus2.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Liliopsida
Subclase: Liliidae
Orde: Asparagales
Familia: Asparagaceae
Subfamilia: Nolinoideae
Xénero: Ruscus
Especie: R. aculeatus
Nome binomial
Ruscus aculeatus
L.

A xibarda[1] ou xilbarbeira (Ruscus aculeatus L.) é unha especie fanerógama arbustiva, perenne, pertencente á familia das ruscáceas. Trátase dun arbusto (pode alcanzar os 80-100 cm de altura) que adoita crecer asociado ás carballeiras (fragas, formacións de aciñeiras...), e macizos de matogueiras. Tamén se coñece polos nomes populares de rascacú e mesquita.

Distribución[editar | editar a fonte]

É orixinaria de Eurasia e en Europa crece principalmente o sur do continente, na área mediterránea. Vive desde o nivel do mar até os 1.000 metros de altura no sotobosque centroeuropeo e mediterráneo, aínda que tamén o atopamos no norte de África e Asia. Prefire os solos básicos, secos e fértiles e as zonas sombrías.

É abundante en toda Galicia, en carballeiras e soutos ou sobre substrato rochoso, preferindo zonas húmidas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle dunha mata cun froito aínda verde (no ángulo superior esquerdo distínguense unhas follas de buxo).

É un pequeno arbusto de 30 a 80 cm de altura de cor verde escuro, con rizomas subterráneos dos que saen talos florais masculinos ou femininos. En ambos casos presenta dous tipos de talos: os normais son lisos e redondeados, mentres que os outros teñen falsas follas, de forma ovolanceolada de 2 a 3 cm de lonxitude e acabadas cunha punta ríxida e punzante.

As follas verdadeiras son diminutas, a modo de pequenas escamas lanceoladas e cun pequeno esporón, que normalmente pasan desapercibidas. Aparecen nas axilas e teñen entre 3 e 4 mm de lonxitude. O que semellan ser as follas da planta son realmente unhas poliñas modificadas, denominadas tecnicamente cladodios ou filóclados, con forma de folla, lanceolada ancha, de cor verde e consistentes, rematadas nun apéndice espiñento e dispostas alternadamente.

As flores, que nacen na primavera, son pequenas e verdosas, unisexuais, dioicas [2]. Nacen en grupos de 2-3 no centro daqueles cladodios. O froito é unha baga do tamaño dunha cereixa pequena e de cor vermella ó madurecer, de 10 a 12 mm de diámetro con dous sementes. Estes froitos son tóxicos e poden provocar vómitos e diarreas, especialmente nos cativos. A diseminación faise por medio das deposicións dos animais que comen os froitos (endozoocora). Reprodúcese tamén por rizomas que emiten novos talos.

Toda a planta fai a fotosíntese fóra das follas verdadeiras que se desprenden rapidamente. As flores son pequenas, verdosas ou violáceas, están situadas no centro con seis tépalos en dous verticilos. As femininas son tricarpelares con ovario súpero mentres as masculinas teñen tres estames soldados polos filamentos. A polinización faise por medio de insectos (entomógama).

Usos[editar | editar a fonte]

Medicinal[editar | editar a fonte]

Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Xilbarbeira

O rizoma utilízase en homeopatía como diurético, en infusión, cocción ou extractos. Tamén se recomenda contra as hemorroides ou as varices, en uso externo, grazas aos seus compoñentes que son vasoconstritores e antiinflamatorios. Reduce tamén a celulite e, ao conter rutósido, axuda contra a flebite e mellora a circulación. É un bo diurético e posúe propiedades febrífugas. Moi recomendable contra os cálculos da vesícula, axuda á febre e contra a gota e artrite, xa que axuda a eliminar o ácido úrico. Contén gran cantidade de taninos, glicósidos, resina, calcio e potasio.

Non se debe administrar durante o embarazo ou lactación. Os seus froitos, consumidos por nenos, provocan vómito, diarreas e convulsións.

Ornamental[editar | editar a fonte]

Utilízase tamén en floraría para a confección de ramos de flores. En moitos países as súas polas utilízanse como decoración do Nadal.[3]

Vasoiras[editar | editar a fonte]

Ata mediados do século XX aproveitábase (como tamén as xestas e codesos) para facer vasoiras. Era moi común que antes da malla se varrese a aira con elas. De feito, en Suarna denomínana escobas.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

A xibarda na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Poñerse máis vermello que a doa das silbardas: por timidez ou vergonza.

A planta recibe nos diferentes puntos de Galicia outras denominacións comúns: azoutacristos, brusco, mezquita (e mesquita ou mesquito), picanceira (e picaceira ou picantel), rascacú (e rascacús), picamulos (aparente híbrido das dúas anteriores), silbarda/silvarda/xilbarda (e silbardeiro, silbarbeira ou xilbardeira) ou xarda (e xardeira).

Polas súas falsas follas espiñentas e os froitos vermellos, tamén se lle chama silva garabanceira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego preferente no dicionario da Real Academia Galega e como variante ao preferente xilbarbeira en Termos Esenciais de Botánica da Comisión de Normalización lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002
  2. Quérese dicir que hai individuos machos e individuos femias.
  3. Plantas de Nadal. Botanical en liña.[1]
  4. Sinónimos en Tea Botánica
  5. Sinónimos en Kew

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, A. e outros (1996): Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo.
  • SANTAMARINA, A. (Director) (2003): Diccionario de Diccionarios.