Xestobium rufovillosum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xestobium rufovillosum
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Bostrichiformia
Superfamilia: Bostrichoidea
Familia: Ptinidae
Subfamilia: Ernobiinae
Tribo: Xestobiini
Xénero: Xestobium
Especie: Xestobium rufovillosum
(De Geer, 1774)

Xestobium rufovillosum é unha especie de escaravello perforador da madeira da familia Ptinidae (antes Anobiidae) que ás veces infesta a madeira de edificios antigos. O adulto é de cor marrón e mide como media 7 mm de longo. Pon os ovos en gretas escuras de madeira vella do interior de edificios, árbores ou en túneles deixados por xeracións previas de larvas.[1] As larvas perforan a madeira, aliméntanse durante dez anos antes de pupar e despois saen da madeira en forma de escaravellos adultos. A madeira que estivo humedecida e está afectada pola putrefacción fúnxica é branda dabondo como para que as larvas a poidan furar coas súas mandíbulas. Obteñen a súa nutrición utilizando os encimas presentes no seu tracto dixestivo para dixerir a celulosa e hemicelulosa da madeira.

As larvas debilitan as estruturas de madeira dos edificios ao facer túneles dentro dela. O tratamento con insecticidas para matalas é bastante ineficaz e unha mellor opción pode ser matar os escaravellos adultos cando saen en primavera e principios do verán. Porén, a infestación por estes escaravellos adoita estar limitada a edificios históricos, porque os edificios modernos de madeira usan madeiras máis brandas para as trabes e traveseiros en lugar de madeira vella de carballo, que é a que prefiren estes escaravellos.

Para atraer parella, os adultos crean un son repenicante ou como un tictac que pode ás veces oírse nas trabes de edificios antigos nas noites de verán; por iso, este escaravello está asociado con noites calmas de verán nas que non se puido durmir e nalgúns países está relacionado coa vixilia ou o velatorio que se fai a carón dos moribundos ou mortos; de feito, en inglés reciben o nome de deathwatch beetles, que significa escaravellos do velatorio ou da vixilia (ás veces traducido por escaravellos do reloxo da morte, xa que watch ten eses dous significados). Por extensión, existe a superstición de que estes sons son un mal agoiro e anuncian unha morte inminente.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Forma parte da familia Ptinidae, antes coñecida como Anobiidae. Esta inclúe varias subfamilias como Ptininae, que son preeiros principalmente, Anobiinae, que perforan a madeira, e Ernobiinae, ás que pertence Xestobium, que tamén perforan a madeira. En 1912, Maurice Pic creou Ernobiinae para os escaravellos antes clasificados en Dryophilini por Fall en 1905. White elevou este taxon á categoría de subfamilia en 1962 e 1971, e en 1974 incluíu 14 xéneros na subfamilia.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Vista lateral dun adulto

Os ovos son brancos, lixeiramente apuntados nun extremo e pegañentos.[3][4] Os ovos miden como media 0,7 mm de lonxitude e 0,5 mm de diámetro.[1]

As larvas son de cor crema con seis patas, mandíbulas negras, un par de ocelos a cada lado da cabeza. Crecen ata os 11 mm de longo. Estas larvas son distintivas debido á súa rexión torácica inchada e as moitas setas (setae) douradas que teñen.[1]

A pupa, nas etapas iniciais da súa formación, é brillante e de cor branca leitosa, pero escurécese gradualmente a medida que madura e forma ollos, tarsos e “dentes”. Durante este estadio de desenvolvemento cambia completamente de aparencia formando unha cabeza de adulto, ollos completos, pezas bucais, antenas e patas. A pupa mide 7–8 mm de lonxitude e arredor de 3 mm de anchura.[1]

O adulto é cilíndrico, mide como media de 6 a 7,5 mm de longo. A cabeza está en gran parte ocultada por un escudo torácico marrón. Este escudo e os élitros son marróns escuros ou marróns avermellados, cun feltro de manchas de pelos curtos de cor gris amarelada. As antenas teñen once segmentos, os tres segmentos distais están algo agrandados.[3][4]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Este escaravello atópase en Europa, incluíndo o Reino Unido e Córsega, así como en Norteamérica, Alxeria e Nova Caledonia.[1] O seu hábitat natural é a madeira dura morta ou en descomposición ou nalgúns casos a madeira de coníferas, especialmente cando a madeira foi abrandada polo ataque de fungos.[1] Isto pode deberse ao xeito en que a madeira descomposta por fungos afecta ao metabolismo do nitróxeno do escaravello.[5] A madeira en descomposición é tamén máis apropiada para que as larvas a perforen con facilidade, o que permite que se desenvolvan a unha maior velocidade.[5] O sámago brando da madeira é máis nutritivo e normalmente é atacado primeiro, seguida da madeira da cerna que foi abrandada pola descomposición. Os carballos (varias especies de Quercus) son os hóspedes principais, e os carballos americanos son máis susceptibles que os europeos. Os salgueiros podados tamén son atacados no Reino Unido. Non infesta madeira acabada de morrer; deben pasar 60 anos para que un carballo morto chegue á condición máis axeitada para o ataque.[4] Estes escaravellos tenden a permanecer na mesma peza de madeira durante varias xeracións ata que os recursos se gastan e a peza xa non é suficiente para mantelos.[6]

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Cando saen os adultos (por exemplo, en Gran Bretaña en abril, maio ou xuño), os machos son os primeiros que saen e as femias están desexosas de copular en canto saen, a miúdo pola tarde.[4] A saída só ocorre en temperaturas por riba dos 10º Celsius.[7] O apareamento ten lugar nun lugar apartado, principalmente na superficie da madeira e dura unha hora. As femias poñen ovos en gretas na madeira ou en buratos deixados polos escaravellos que saíron. Os adultos non se alimentan e morren en poucas semanas, momento en que as femias xa puxeron de 40 a 80 ovos en pequenos lotes.[4][7]

Os ovos fan eclosión en aproximadamente un mes. As larvas acabadas de saír do ovo son diminutas e ábrense paso mastigando a madeira e alimentándose dela. O seu crecemento é lento e poden tardar de dous a dez anos ou mesmo máis en chegar o seu crecemento completo. Nese estadio pupan nunha cámara preto da superficie da madeira e poden saír por un buraco de nova creación pasados 23 días, ou saíren na seguinte primavera (uns once meses despois).[4][8]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Nos edificios estes escaravellos infestan madeira de carballo vella, especialmente a que sufriu unha descomposición por fungos, xeralmente polo fungo Donkioporia expansa. Este fungo afecta a madeira húmida, xeralmente conseguindo entrar nos sitios en que as trabes ou traveseiros están unidos ás paredes de pedra, ou na veciñanza de tellados que filtran auga ou caleiros que reverten auga. Non son os adultos os que causan os danos na madeira senón as larvas ao faceren os seus túneles.[9]

A madeira é difícil de dixerir, pero con tal que esta fose abrandada pola descomposición fúnxica, os encimas do intestino das larvas poderán dixerir a celulosa e a hemicelulosa que forma as paredes celulares; isto permite que as larvas usen os azucres e proteínas contidos nas paredes celulares.[10]

Un predador deste escaravello é Korynetes caeruleus (un escaravello clérido), que tamén come a Anobium punctatum (que ataca mobles). A femia adulta deste predador pon os seus ovos nos buracos de saída feitos polos escaravellos perforadores, e as súas larvas carnívoras móvense polas galerías feitas polos perforadores comendo as outras larvas que encontren.[11] Os adultos de X. rufovillosum non voan moi ben e poden preferir correr pola superficie da madeira. Ás veces son capturados por arañas, e os seus exoesqueletos envoltos en seda poden atoparse nas arañeiras.[12]

Selección de hóspede[editar | editar a fonte]

Unha femia adulta de X. rufovillosum vive pouco tempo (1 ou 2 meses) e debe atopar un hóspede axeitado no cal poñer os ovos relativamene rápido. Pode usar o olfacto para localizar a madeira que foi descomposta por fungos, a cal será un excelente hóspede.[13] Cando seleccionan un hóspede, a madeira vella (de máis dun século) é a preferida.[14] As árbores con gretas profundas son tamén apropiados, xa que proporcionan un refuxio escuro seguro para os ovos.[15]

Comunicación[editar | editar a fonte]

Comunícanse golpeando a cabeza nun substrato para crear un ruído repenicante.[16] Os machos e as femias difiren en que os machos adoitan repenicar primeiro e as femias fano despois como resposta. Unha femia responde en 2 segundos á chamada do macho. Unha vez que a femia respondeu, o macho repenica de novo de 2 a 30 segundos despois. Os golpes crean unha vibración que se propaga polo substrato. Este modo de comunicación a longa distancia é distinta da observada na maioría dos outros escaravellos perforadores da madeira, que usan feromonas.[17]

Para localizaren as femias, os machos camiñan curtas distancias, paran e repenican, oriéntanse cara a resposta das femias e repite isto outra vez. Se as femias responden, eles advirten a súa receptividade. As femias que acaban de aparearse non responden.[17][6] Cada episodio de repenique comprende entre 4 e 11 golpiños nunha frecuencia de 10 Hz.[17] As femias só responden a episodios de repenique con 6 ou máis golpiños e só a episodios con frecuencias de 4 a 20 Hz. Os machos con maiores frecuencias de repenique é máis probable que obteñan unha parella que os que o fan con frecuencias menores.[6]

Apareamento[editar | editar a fonte]

As femias son selectivas cos machos cos que se aparean. Durante o apareamento os machos perden unha fracción significativa da súa masa corporal, como media un 13,5%, pola exaculación de espermatóforos. Este é un regalo nupcial nutricional para a femia. Aínda que as femias non poden estimar a masa do macho ao velos, poden determinala cando o macho trata de montarse sobre o seu dorso para copular. Como o macho non se alimenta, os seus recursos para o agasallo foron almacenados durante o estadio larvario. Os machos que son máis pesados poden doar unha masa máis grande á femia que os lixeiros, o que ten como resultado que as femias elixen os machos máis pesados e rexeitan os máis lixeiros. Ao cederen esta considerable cantidade de masa corporal, os machos reducen a probabilidade de poderse aparear con outras femias adicionais debido á falta de recursos que lles quedan para facer un novo agasallo.[6]

Danos[editar | editar a fonte]

Debido a que moitos edificios vellos foron construídos con trabes de carballo, polas que os escaravellos se senten moi atraídos, os escaravellos poden causar danos económicos significativos nas zonas onde hai moitas desas construcións.[1][14]

A identificación da especie de insecto que está no interior da madeira é difícil; pola súa propia natureza as larvas están agochadas fóra da vista no interior das súas galerías. A presenza de insectos perforadores da madeira pode ser revelado pola presenza de residuos fecais e po fresco. Os buracos de saída recentes adoitan ter beiras brillantes, mentres que os buracos vellos téñenas mates. A especie de insecto implicada pode identificarse ás veces examinando os paquetes fecais. Os escaravellos adultos, vivos ou mortos, poden estar presentes no cristal ou no beiril de fiestras, como tamén os inimigos específicos dos escaravellos, cuxa presenza é tamén unha indicación de que hai insectos perforadores da madeira dentro.[18]

O exame directo do interior da madeira por medios destrutivos a miúdo non é aceptable, polo que cómpre usar medios non invasivos. Outros xeitos de identificar os insectos son as trampas de feromonas; son efectivas para os escaravellos dos mobles e os Hylotrupes bajulus, pero non para os Xestobium. Porén, os adultos de X. rufovillosum son atraídos pola luz. Os sons que fan as larvas ao alimentarse poden oírse directamente co oído ou coa axuda dun estetoscopio, e poden usarse tamén escáneres de raios X e de tomografía computarizada. De xeito similar, poden identificarse as larvas activas polas vibracións no rango dos ultrasóns.[18] Os buracos de saída dos X. rufovillosum son de 2 a 3 mm de diámetro, maiores que os producidos polo escaravello que ataca os mobles.[9]

Os X. rufovillosum só atacan edificios feitos principalmente de madeiras duras. A madeira de coníferas dos edificios só adoita ser atacada se está en contacto coas madeiras duras.[1]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Este escaravello foi descrito por primeira vez en 1668 por John Wilkins, pero non foi ata 1913 que se fixo o primeiro estudo científico dirixido polo profesor Lefroy nun intento de buscar unha solución ás infestacións que causaba.[14][1]

As larvas aliméntanse no profundo da madeira. Recentes estudos suxeriron que a maioría das prácticas previamente aceptadas de aplicación externa de insecticidas son bastante ineficaces. Só a fumigación con gas parece efectiva, mais presenta importantes retos prácticos para conseguir selar correctamente os tipos de propiedades históricas máis grandes ás que os escaravellos son máis atraídos.[19] A aplicación externa de insecticida pode, de feito, facer máis dano que ben ao matar tamén os inimigos naturais do escaravello. Un modo de tratar este problema pode ser o uso de "insectocutores" ultravioleta, para atraer e matar os adultos que saen da madeira en primavera. Se preocupa a fortaleza das madeiras estruturais, un inspector estrutural pode perforar e extraer núcleos de mostra para determinar as condicións da madeira.[9]

As técnicas modernas de exames con ultrasóns permiten agora determinar a extensión e localización dun ataque no interior da madeira con grande exactitude, e, en propiedades históricas nas que se deben evitar os danos en enxesados de adorno, poden facerse con microperforacións e inxección de insecticidas moi dirixida a un punto determinado cunha agulla hipodérmica. Alternativamente, onde é aceptable un certo dano nos materiais do edificio, poden perforarse na madeira buracos maiores de 6 mm, e introducirse unha espesa pasta cargada de insecticida que non se filtra nas áreas dos arredores. En todas as situacións, debería solucionarse calquera dano estrutural que permitiu que entrase auga e humedecese a madeira que agora está sendo atacada para atrasar o ciclo vital dos insectos e así minimizar o seu espallamento.[19]

Na cultura[editar | editar a fonte]

O son repenicante deste escaravello foi desde hai moito tempo asociado cun presaxio da morte, que era máis audible nas noites calmas nos traveseiros das casas vellas e durante as vixilias silenciosas polos moribundos.[20][21]

O escritor, médico e naturalista inglés Thomas Browne (1605-1682) intentou corrixir estas ideas equivocadas supersticiosas sobre este escaravello no seu catálogo enciclopédico de erros comúns titulado Pseudodoxia Epidemica, explicando como o escaravello producía o son, tanto se ía morrer alguén coma se non.[22]

A súa sona como mal agoiro foi mencionada no cuarto libro do poeta John Keats no poema de 1818 "Endymion":[23]

Este non é o único insecto asociado coa morte, xa que tamén se asocian con ela outros insectos que fan sons de tictac, como Anobium striatum e algúns Psocidae.[24]

Faise referencia a este escaravello no libro de Mark Twain de 1876 As aventuras de Tom Sawyer: "Despois, o espantoso tictac do escaravello na parede da cabeceira da cama fixo estremecer a Tom; significaba que as horas de alguén estaban contadas".[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Fisher, Ronald (1937). "Studies of the biology of the death-watch beetle, Xestobium rufovillosum De G. I. A summary of past work and a brief account of the developmental stages". Annals of Applied Biology 24: 600–613. doi:10.1111/j.1744-7348.1937.tb05856.x. 
  2. Bell, Karen Leanne; Philips, T. Keith (2011). "Molecular systematics and evolution of the Ptinidae (Coleoptera: Bostrichoidea) and related families" (PDF). Zoological Journal of the Linnean Society 165: 88–108. doi:10.1111/j.1096-3642.2011.00792.x. 
  3. 3,0 3,1 "Deathwatch beetle: Xestobium rufovillosum" (PDF). Natural History Museum. Consultado o 15 de outubro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Robinson, William H. (2005). Urban Insects and Arachnids A Handbook of Urban Entomology (PDF). Cambridge University Press. pp. 70–71. ISBN 9780521812535. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2019-10-15. 
  5. 5,0 5,1 Fisher, Ronald (1941). "Studies of the biology of the death-watch beetle. Xestobium rufovillosum de G IV The effect of type and extent of fungal decay in timber upon the rate of development of insect". Annals of Applied Biology 28: 244–260. doi:10.1111/j.1744-7348.1941.tb07557.x. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 White, Peter R.; Birch, Martin C.; Church, Stuart; Jay, Chantelle; Rowe, Edwin; Keenlyside, Julian J. (1993). "Intraspecific variability in the tapping behaviour of the deathwatch beetle, Xestobium rufovillosum (Coleoptera, Anobiidae)". Journal of Insect Behaviour 6 (5): 549–562. doi:10.1007/BF01048122. 
  7. 7,0 7,1 Fisher, Ronald (1938). "Studies of the biology of the death-watch beetle, Xestobium rufovillosum De G II The habits of the adult with special reference to the factors affecting oviposition". Annals of Applied Biology 25: 155–180. doi:10.1111/j.1744-7348.1938.tb04355.x. 
  8. Birch, Martin; Menendez, Guy (6 de xullo de 1991). "Knocking on wood for a mate: The deathwatch beetle's reputation is misplaced. The sinister tapping in ancient timbers turns out to be a form of sexual communication". New Scientist. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Howell, Jeff (27 de xuño de 2012). "How can I get rid of deathwatch beetle?". The Telegraph. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  10. Parkin, E.A. (1940). "The digestive enzymes of some wood-boring beetle larvae" (PDF). Journal of Experimental Biology 17 (4): 364–377. doi:10.1242/jeb.17.4.364. 
  11. Unger, A.; Schniewind, Arno; Unger, W. (2001). Conservation of Wood Artifacts: A Handbook. Springer Science & Business Media. pp. 87–89. ISBN 978-3-540-41580-0. 
  12. Belmain, Steven R.; Simmonds, Monique S.J.; Blaney, W.M. (1999). "The deathwatch beetle, Xestobium rufovillosum, accommodated in all the best places". Conference Paper. 
  13. Belmain, Steven R.; Simmonds, Monique S. J.; Blaney, Wally M. (2002). "Influence of odor from wood-decaying fungi on host selection behaviour of deathwatch beetle, Xestobium rufovillosum". Journal of Chemical Ecology 28 (4): 741–754. PMID 12035923. doi:10.1023/a:1015284625697. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Belmain, S.R.; Blaney, W.M.; Simmonds, M.S.J. (1998). "Host selection behaviour of deathwatch beetle, Xestobium rufovillosum: Oviposition preference choice assays testing old vs new oak timber, Quercus sp." (PDF). Entomologia Experimentalis et Applicata 89 (2): 193–199. doi:10.1046/j.1570-7458.1998.00399.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2019-12-08. 
  15. Belmain, Steven R.; Simmonds, Monique S. J.; Blaney, Walter M. (2000). "Behavioural responses of adult deathwatch beetles, Xestobium rufovillosum de Geer (Coleoptera : Anobiidae), to light and dark". Journal of Insect Behaviour 13: 15–26. doi:10.1023/A:1007707407939. 
  16. Goulson, D.; Birch, M. C.; Wyatt, T. D. (1994). "Paternal investment in relation to size in the deathwatch beetle, Xestobium rufovillosum, (Coleoptera, Anobiidae), and evidence for female selection for large mates". Journal of Insect Behaviour 6 (5): 539–547. doi:10.1007/BF01048121. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Birch & Keenlyside (1991). "Tapping behaviour is a rhythmic communication in the death-watch beetle, Xestobium rufovillosum (Coleoptera, Anobiidae).". Journal of Insect Behaviour 4 (2): 256–263. doi:10.1007/BF01054618. 
  18. 18,0 18,1 Unger, A.; Schniewind, Arno; Unger, W. (2001). Conservation of Wood Artifacts: A Handbook. Springer Science & Business Media. pp. 87–89. ISBN 978-3-540-41580-0. 
  19. 19,0 19,1 Demaus, Robert. "Precision Treatment of Death Watch Beetle Attack - Robert Demaus". buildingconservation.com. Consultado o 30 de outubro de 2019. 
  20. "The deadwood invertebrates". National Trust (en inglés). Consultado o 30 de outubro de 2019. 
  21. "A Hard Day's Night For The Beetles". Combermere Abbey. 31 July 2014. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2022. Consultado o 30 de outubro de 2019. 
  22. Browne, Thomas (2014). Killeen, Kevin, ed. Thomas Browne: Selected Writings (21st-Century Oxford Authors). Oxford, UK: University of Oxford Press. pp. 220–21. ISBN 978-0-19-879765-4. Poucos oídos deixaron de sentir o ruído do reloxo da morte, é dicir, o pequeno son repenicante [sic] oído a miúdo en moitos cuartos, que lembra algo ao dun reloxo; e considérase un mal agoiro ou predición da morte dalgunhas persoas: non obstante, non hai nada de presaxio racional nin de causa xusta de terror para cabezas melancólicas e meticulosas. Pois este ruído faino un pequeno insecto gris con alas en estoxo que se encontra a miúdo en revestimentos de madeira, bancos e molduras no verán. Recollemos moitos deles e gardámolos en caixas, onde eu os oín e vin traballar e facer os ruídos cunha pequena probóscide ou trompa contra o lateral da caixa, como un picus martius, ou peto contra unha árbore....O que queira extinguir as terroríficas aprehensións mencionadas, podería evitar as paixóns do corazón e moitas suores frías en avoas e enfermeiras, que nas enfermidades dos nenos, quedan tan desacougadas con estes ruídos.". Orixinal: Few ears have escaped the noise of the dead-watch, that is, the little clickling [sic] sound heard often in many rooms, somewhat resembling that of a watch; and this is conceived to be of an evil omen or prediction of some persons death: wherein notwithstanding there is nothing of rational presage or just cause of terrour unto melancholy and meticulous heads. For this noise is made by a little sheath-winged gray insect found often in wainscot, benches, and wood-work in the Summer. We have taken many thereof, and kept them in thin boxes, wherein I have heard and seen them work and knack with a little proboscis or trunk against the side of the box, like a picus martius, or woodpecker against a tree....He that could extinguish the terrifying apprehensions hereof, might prevent the passions of the heart, and many cold sweats in grandmothers and nurses, who in the sickness of children, are so startled with these noises." (II.vii, edición de 1650) 
  23. "35. Endymion. Keats, John. 1884. The Poetical Works of John Keats". bartleby.com. ... within ye hear/ No sound so loud as when on curtain'd bier/ The death-watch tick is stifled. Tradución:...dentro de ti oes /ningún son tan alto como cando nun cadaleito cuberto con cortinas/o tic do reloxo da morte é afogado 
  24. Floyd, Tim (21 de novembro de 2012). "Should we fear the deathwatch beetle?". Country Life. Consultado o 7 de outubro de 2019. 
  25. Twain, Mark (1876). The Adventures of Tom Sawyer. American Publishing Company. OCLC 47052486. Orixinal:"Next the ghastly ticking of a deathwatch in the wall at the bed's head made Tom shudder – it meant that somebody's days were numbered." 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]