Xeración beat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Allen Ginsberg, Timothy Leary e John C. Lilly: escritores da Xeración Beat

A expresión Beat Generation xorde durante unha conversación entre Jack Kerouac e John Clellon Holmes en 1948. A intención dos seus membros non era a de darlle un nome, senón "desnomeala". A finais de 1952 apareceu no New York Times Magazine un artigo de John Clellon Holmes titulado "This is the Beat Generation" que captou a atención do público.

O termo comezou a utilizarse de tal xeito, e sen discriminación algunha, ata o punto de que en 1959 Kerouac considerou necesario corrixir publicamente o abuso desta denominación nos medios de comunicación, onde se empregaba coas connotacións de "totalmente vencido", ou fracasado, ou no sentido de "ritmo". Jack intentou amosar o sentido correcto de "beat" suxerindo a súa relación con palabras como "beatitude" e "beatífico", conexión que se explicaba porque, nos seus ideais, o movemento beat sentíase atraído pola natureza da conciencia orientada á comprensión do pensamento oriental, de cara a prácticas de meditación, etc. Esta "redefinición" que Kerouac facía do termo pretendía orientar cara a imaxes simbólicas do estilo da derrota ou escuridade necesarias, precedentes á apertura á luz e a supresión do ego que conducen á iluminación relixiosa.

Como reacción e coa intención de parodiar e desprestixiar o movemento beat, en 1958 apareceu o termo "beatnik", produto da fusión das palabras "beat" e "Sputnik", o primeiro satélite en alcanzar o espazo exterior ese mesmo ano, de fabricación rusa, suxerindo unha condición antiamericana (antiestadounidense) e comunista do movemento beat.

Allen Ginsberg, un dos seus integrantes máis famosos, observaba no prólogo do libro The Beat Book, editado por Anne Waldman e Andrew Schelling, outro posible significado: "acabado", "completo", na noite escura da alma ou na nube do non saber. E mesmo "aberto", no sentido whitmaniano de "apertura á humildade". Pero, independentemente do significado que se lle queira dar, o uso de "Beat generation" pasou a designar un movemento literario formado por un grupo de amigos que desde mediados dos anos cuarenta traballaran xuntos escribindo poesía e prosa, e que compartían unha idea de cultura e aficións ou fontes de inspiración similares, como a música jazz.

O grupo inicial estaba formado por Jack Kerouac, Neal Cassady, William Burroughs, Herbert Huncke, John Clellon Holmes e Allen Ginsberg. En 1948 uníronse Carl Salomon e Philip Lamantia; en 1950 Gregory Corso, e en 1954 Lawrence Ferlinghetti e Peter Orlovsky.

Este grupo, que acabou denominándose Xeración Beat, revitalizou a escena bohemia cultural norteamericana. A súa enerxía desbordouse cara aos movementos xuveniles daquela época (On the Road, a novela que Kerouac publicou en 1957, asumiu o carácter de manifesto universal dunha mocidade que quería fuxir do establecido), e foi absorbida pola cultura de masas e pola clase media cara a finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta.

Os seus ideais avogan por unha arte como manifestación das texturas da conciencia. O seu canto á liberación espiritual derivou cara a unha liberación sexual, particularmente homosexual, que fixo de catalizador nos movementos de liberación da muller e dos negros. Levados por elementos como unha visión tolerante e non-teísta, o antifascismo cósmico, ou o eclecticismo, interesáronse polas sustancias psicodélicas como ferramentas de coñecemento.

Centraron a súa loita en contra dos valores tradicionalistas e puritanos de Estados Unidos, contra o "American Way of life", un repudio implícito ós valores comerciais, propoñendo para reemplazalo os ideais expostos por Whitman en "Leaves of Grass".

Os involuntarios membros fundadores do movemento rexeitaron abertamente a masificación e frivolización na que acabaron os beatniks. O cine especialmente, contribuíu a pór de moda unha suposta "estética beat" falsa, na que tódolos mozos bohemios vestían de negro, lucían barbas e perillas, levaban boina e pasaban o tempo en vellos cafés lendo poesía, fumando e tocando os bongós.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]