Afección (hobby)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha afección, tamén coñecida como hobby ou pasatempo, é unha actividade humana que ten como fin principal o entretemento da persoa que a realiza e que ocupa, normalmente, o seu tempo de lecer. Esta actividade realízase de maneira habitual e non sempre procura unha finalidade produtiva concreta. Do mesmo xeito, moitas actividades poden ter unha vertente profesional ou produtiva e outra propia da do pasatempo, así a cociña ou a programación de computadores poden ser para unha persoa unha profesión, unha afección ou, mesmo, as dúas cousas a un tempo.

Xeralmente o termo aficionado aplícase a todas aquelas actividades practicadas sen un carácter profesional, isto é coma unha simple afección persoal. Desta maneira pódese distinguir, por exemplo, un deportista aficionado coma aquel que practica algún deporte para pasar o tempo, daquel que o fai por motivacións económicas.

Tipos de afección[editar | editar a fonte]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Consiste na actividade centrada na adquisición dunha serie de artigos que gozan dalgún valor especial para a persoa que colecciona. Habitualmente o coleccionista adoita comprar e intercambiar obxectos con outras persoas que comparten esta afección e a miúdo teñen as súas coleccións perfectamente organizadas e coidadas. Dado o carácter estritamente persoal que se lle dá ao valor das coleccións estas poden ser moi variadas e ir desde aspectos moi concretos como botellas de cervexa até aspectos máis xerais como selos do mundo. Entre os diferentes tipos de coleccionismo poderíamos citar: obxectos artísticos, antigüidades, postais, chaveiros, almanaques, autógrafos etc. Porén os coleccionismos máis estendidos son a filatelia e a numismática.

Xogos[editar | editar a fonte]

Son actividades recreativas estruturadas (ou semiestruturadas) cun fin lúdico (aínda que as veces poidan ter tamén unha finalidade de adestramento mental ou físico). O que identifica e define a cada xogo son os obxectivos que os xogadores deben atinxir respectando unha serie de regras dadas. Deste xeito pódense distinguir unha enorme variedade de xogos: videoxogos, xogos de mesa, de rol, de simulación, de estratexia etc. Algúns xogos destacados son: o xadrez, o tetris, as damas, parchís, tute, sete e medio, póker, o backgammon, dominó, Dragóns e alxubes etc.

Algúns xogos supoñen a realización de actividades físicas o que fai que a fronteira entre xogo e deporte sexa ás veces moi difícil de establecer ou que se inclúan todos os deportes como xogos. De feito moitos deportes comezaron como xogos. Así na fronteira entre o xogo popular e o deporte: a chave, a billarda, a petanca, o brilé etc. E xa como deportes que son practicados coma unha afección: fútbol, balonmán, baloncesto, atletismo etc.

Resulta tamén complicado establecer unha diferenciación entre xogo, deporte e toda unha serie de actividades recreativas que se realizan ao ar libre. Deste xeito o sendeirismo, o montañismo, o skate, montar en bici, montar a cabalo, o surf etc. encóntranse a medio camiño entre as diferentes definicións, sendo moitas veces a propia actitude do practicante a que establece se estamos a falar dunha afección deportiva ou lúdica (ou de ambas).

Actividades artísticas e creativas[editar | editar a fonte]

Moitas persoas son afeccionadas a realizaren as máis diversas actividades de carácter artístico, tales como o canto, tocar algún instrumento musical, a escritura, a danza, a pintura, a fotografía etc.

Existen outras moitas prácticas realizadas como afección que aínda sendo creativas non adoitan ser consideradas como unha arte. Entre estas podemos citar unha extensa lista: ebanistería, papiroflexia, a maxia etc.

Dentro deste tipo de afeccións creativas hai un pequeno grupo delas que atinxiron unha grande importancia como hobbies. Son o modelismo, a cociña e a xardinería.

O modelismo[editar | editar a fonte]

Consiste na realización de réplicas de obxectos da vida real a un tamaño reducido e a escala. esta práctica está documentada xa desde moi antigo mais só en datas máis recentes coa extensión de materiais facilmente manipulábeis se estendeu esta práctica como afección. Entre os diferentes tipos de modelismo destaca o aeromodelismo (reprodución de avións a pequena escala capaces de voar), o tren eléctrico, pintado de miniaturas, recreación de casas e mobiliario, maquetas de cidades etc.

Existe unha variedade de xogos que inclúen elementos do modelismo ao procurar recrear a realidade e que está presente tanto en videoxogos, como en xogos de rol ou mesmo en xogos máis convencionais.

A cociña[editar | editar a fonte]

En principio unha necesidade, o acto de preparar os alimentos para o seu consumo converteuse tamén nunha afección moi estendida entre aqueles sectores da sociedade que teñen facilidade para satisfacer as súas necesidades alimenticias. Deste xeito adquiren un grande interese a selección dos ingredientes, os utensilios a empregar e tamén dos diferentes métodos para a preparación, presentación e mesmo o xeito de consumir os pratos.

A xardinería[editar | editar a fonte]

Esta afección procura o coidado de plantas e xardíns con fins principalmente estéticos (aínda que se poden procurar atinxir outros aspectos coma o aproveitamento da enerxía, a alimentación, buscar áreas de lecer etc.). Cómpre seleccionar ben as especies que se queren sementar, o lugar onde facelo, os fertilizantes, as podas etc.

Unha variante da xardinería é o coidado de bonsais, unha práctica importada do Xapón consistente en cultivar árbores e plantas, reducindo o seu tamaño mediante diversas técnicas e modelando a súa forma para crear un estilo que recorde unha escena da natureza.

Actividades contemplativas[editar | editar a fonte]

Neste apartado incluiríanse actividades consistentes na contemplación de actividades realizadas por outros, sexan estas artísticas ou doutro tipo. Dentro desta categoría estarían importantes actividades coma a lectura (de libros, revistas, fanzines, xornais etc.), ir ao cinema, ver a televisión, ir ao teatro, ir a exposicións, escoitar música, asistir a partidos de fútbol etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]