Tectónica de placas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Placas tectónicas do mundo
Tectonic plates (surfaces are preserved)

A tectónica de placas é unha teoría científica que establece que a litosfera (a porción superior máis fría e ríxida da Terra) está fragmentada nunha serie de placas ou baldosas que se desprazan sobre o manto terrestre fluído (astenosfera). Esta teoría tamén describe o movemento das placas, as súas direccións e interaccións.

As diferentes placas desprázanse con velocidades da orde de 5 cm/ano o que é, aproximadamente, a velocidade con que crecen as uñas das mans. Dado que se desprazan sobre a superficie finita da Terra, estas interaccionan unhas con outras ó longo das súas fronteiras ou límites (ver abaixo) provocando intensas deformacións na codia e litosfera da Terra, o que da lugar a grandes cadeas montañosas (v.g. os Andes e Alpes) e grandes sistemas de fallas asociadas con estas (v.g. o sistema de fallas de San Andrés). O contacto por fricción entre os límites das placas é responsable da maior parte de terremotos.

Identificáronse 12 placas grandes e numerosos "bloques" de dimensións menores. As principais placas son: Africana, Norte América, América do Sur, Placa do Pacífico, Placa de Nazca, Euroasiática, Cocos, Caribe, Antártica, Australiana, de Arabia e das Filipinas.

Orixe das Placas Tectónicas[editar | editar a fonte]

Pénsase que a orixe das placas débese a correntes de convección no interior do manto as cales fragmentan s litosfera. As correntes de convección son patróns circulatorios que se presentan en fluídos que se quentan na súa base. Ó quentarse a parte inferior do fluído dilátase e polo tanto emerxe unha forza de flotación que fai que o fluído ascenda. Ó atinxir a superficie, arrefríase, descende e vólvese a quentar, establecéndose un movemento circular auto-organizado. No caso da Terra sábese, a partir de estudos de reaxuste glaciar, que a astenosfera se comporta como un fluído en escalas de tempo de miles de anos e considérase que a fonte de calor é o núcleo terrestre. Este esímase que ten unha temperatura de 4.500 °C. Desta maneira, o papel das correntes de convección no interior do planeta é o de liberar a calor orixinal almacenada no seu interior adquirido durante a súa formación.

Así, en zonas onde dúas placas se moven en direccións opostas (como é o caso da placa Africana e de Norte América que se separan ó longo da cordilleira do Atlántico) as correntes de convección forman novo piso oceánico, quente e flotante, formando as cordilleiras meso-oceánicas ou centros de dispersión. Conforme se afastan dos centros de dispersión, as placas arrefríanse, tornándose máis densas e afundíndose no manto ó longo de zonas de subdución onde o material litosférico é fundido e reciclado.

Unha analoxía frecuentemente empregada para describir o movemento das placas é que estas "aboian" sobre a astenosfera coma o xeo sobre a auga. Así a todo, esta analoxía só é parcialmente válida xa que as placas tenden a afundirse no manto como se describiu anteriormente.

Antecedentes Históricos[editar | editar a fonte]

Animación coa separación de Panxea.

A tectónica de placas ten a súa orixe en dúas teorías que lle precederon: a teoría da deriva continental e a teoría da expansión do piso oceánico.

A primeira foi proposta por Alfred Wegener a principios do século XX e pretendía explicar o intrigante feito de que os contornos dos continentes ensamblan entre si coma un quebracabezas e que estes teñen historias xeolóxicas comúns. Isto suxire que os continentes estiveron unidos no pasado formando un supercontinente chamado Panxea que se fragmentou durante o período Pérmico, orixinando os continentes actuais. Esta teoría foi recibida con escepticismo e eventualmente refugada porque o mecanismo de fragmentación (deriva polar) non podía xerar as forzas necesarias para desprazar as masas continentais.

A teoría de expansión do piso oceánico foi proposta cara á metade do século XX e está sustentada en observacións xeolóxicas e xeofísicas que indican que as cordilleiras meso-oceánicas funcionan como centros onde se xera novo fondo oceánico conforme os continentes se afastan entre si.

A teoría da tectónica de placas foi forxada principalmente entre os anos 50 e 60 e considérase a gran teoría unificadora das Ciencias da Terra, xa que explica unha gran cantidade de observacións xeolóxicas e xeofísicas dunha maneira coherente e elegante. A diferenza doutras ramas das ciencias, a súa concepción non se lle atribúe a unha soa persoa como é o caso de Newton ou Charles Darwin. Foi produto da colaboración internacional e do esforzo de talentosos xeólogos (Tuzo Wilson, Walter Pitman), xeofísicos (Harry Hess, Alan Cox) e sismólogos (Linn Sykes, Hiroo Kanamori, Maurice Ewing), que pouco e pouco foron aportando información acerca da estrutura dos continentes, as cuncas oceánicas e o interior da Terra.

Límites de Placas[editar | editar a fonte]

Son os bordos dunha placa e é onde se presenta a maior actividade "tectónica" (sismos, formación de montañas, actividade volcánica) xa que é nestes, onde se dá a interacción entre placas. Hai tres clases de límite:

  • Diverxentes: son límites en que se engade novo material cortical á placa (p.e. cordilleira central do Atlántico)
  • Converxentes: son límites en onde se destrúe o fondo oceánico e é reciclado ó interior do manto. Estes límites forman zonas de subdución (p.e a zona de Subdución de Chile onde a placa de Nazca penetra o manto por debaixo da placa de América do Sur).
  • Transformantes: son límites nos cales unha placa se desliza ó lado doutra sen a adición nin destrución de nada

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]