Sempre Xonxa

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Sempre Xonxa
Título orixinal Sempre Xonxa
[[Ficheiro:|200px| ]]
Ficha técnica
Director Chano Piñeiro
Produtor Manuel Martínez Mallo
Guión Chano Piñeiro
Intérpretes Uxía Blanco (Xonxa), Miguel Ínsua (Birutas), Xavier R. Lourido (Pancho), Roberto Casteleiro (Caladiño), Roberto Vidal Bolaño (D. Xosé Luís), Rodrigo Roel (Don Camilo, o crego), Rosa Álvarez (Rosa, nai de Pancho), Loles León (Minga), Aurora Redondo (Mamarosa), Luchi Ramírez (Filla Xonxa moza), Xaime Nogueira (Fillo Xonxa mozo), María Viñas (Xonxiña adolescente), Roberto Fernández (Panchiño adolescente), Manuel Alonso (Birutiñas adolescente), Giselle Romero (Xonxiña de nena), Xavier Rocha (Panchiño de neno), Miguel A. Gómez Sanz (Birutiñas de neno), María Pujalte, Xosé Manuel Olveira "Pico"
Música Pablo Barreiro, Carlos Ferrant e Marcial Prado
Director de Fotografía
Montaxe Cristina Otero
Distribuidor
Ano 1989
Duración
País Galicia
Xénero
Orzamento
Filme anterior
Filme seguinte
Ficha en IMDb

Sempre Xonxa é unha longametraxe estreada en 1989 por Chano Piñeiro. Foi a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm, e comparte con Urxa de Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal e con Continental de Xavier Villaverde a honra de ser unha das primeiras longametraxes de ficción en galego.

A rodaxe comezou en 1988, pero por motivos económicos e técnicos, demorouse durante ano e medio. Polo camiño, esgotou as finanzas e a saúde do seu director.

Foi estreada en 1989, acadando un gran éxito nos cines de Galiza. No resto de España pasou completamente desapercibida, o cal é facilmente comprensible debido á súa temática centrada na emigración e no mundo rural galego. A nivel internacional gañou diversos premios e tivo unha certa vida comercial especialmente en países onde a emigración galega tiña certa presenza.

Índice

[editar] Argumento

Sempre Xonxa é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, O Birutas, ten que emigrar deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando O Birutas regresa da emigración, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada.

A inspiración encontrouna Chano Piñeiro nas historias da emigración que oíra relatar no seu Forcarei natal e nas aldeas de Rubillón e Baíste.

A historia abrangue o período que vai de 1947 a 1986, e estrutúrase en catro episodios vencellado cada un a unha estación do ano. A primavera corresponde á infancia, o verán á puberdade, o outono á madurez e á forzada emigración, o inverno á vellez e ó retorno.

Trátase dun filme realista, aínda que podemos consideralo encardinado dentro do realismo máximo latinoamericano, onde bebe, seguramente vía Álvaro Cunqueiro. Neste sentido, destaca o personaxe de Caladiño que entronca coa Galicia máxica e lendaria dos contos populares.

Con todo o máis salientable do filme concéntrase na súa primeira parte, onde Chano Piñeiro retrata coa mesma mestría que mostrara en Mamasunción o mundo da aldea durante o franquismo.

[editar] A produción

O guión de Sempre Xonxa coñeceu o seu primeiro bosquexo xa a finais de 1985, antes incluso da rodaxe de Esperanza. Coñecería ata nove versións antes do guión definitivo en 1988.

Entre versión e versión, Chano Piñeiro comezou a buscar as localizacións do filme. Atopounas en Santa Olaia de Valdeorras. Esta aldea sería a vila de Trasdomonte na ficción.

O papel de Xonxa foi interpretado por Uxía Blanco, un papel que a colocaría coma a máis importante actriz do incipiente panorama audiovisual galego, lugar que aínda ocupa na actualidade. Miguel Ínsua encarnou a Birutas mentres Xavier R. Lourido fixo de Pancho. Sen dúbida unha das interpretación máis salientable caeu no haber de Roberto Vidal Bolaño como o mestre da vila. Tamén participaron no filme actores da talla de Aurora Redondo e de Loles León. Tamén figurou o fotógrafo Manuel Ferrol que se interpretou a si mesmo e no cal Piñeiro fixo toda unha homenaxe ós fotógrafos populares que retrataron a Galicia emigrante.

A rodaxe de Sempre Xonxa estivo ateigada de dificultades. Chano Piñeiro esperaba contar co apoio do Ministerio de Cultura que lle negou ata tres veces a subvención. As dificultades financeiras trabaron a produción e esgotaron a Chano Piñeiro. Só se continuou cando conseguiu o patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (dise que grazas á influencia do Xosé Luis Barreiro, vicepresidente do goberno galego, amigo de Piñeiro e forcarense coma él), da Deputación de Pontevedra e da Comisión do V Centenario da descuberta de América.

Con todo, a produción presentaba complexidades que Chano Piñeiro non calibrou axeitadamente. Para empezar tivo que alongar a rodaxe máis do necesario para poder rodar nas distintas estacións do ano. Ademais, o seu dominio da produción cinematográfica aínda non era o suficiente para afrontar a realización o cal supuxo máis demoras.

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Sempre Xonxa en AVG de Culturagalega.org

Ferramentas persoais