Portbou

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista de Portbou.

Portbou é un municipio do nordés de Cataluña, o máis setentrional da costa do Mar Mediterráneo. Pertence á provincia de Xirona e á comarca do Alt Empordà. É o municipio máis oriental que limita con Francia, concretamente con Cerbère. Contaba en 2009 cunha poboación de 1.325 habitantes segundo o INE.

Portbou é de terreo bastante accidentado e pola súa situación, cara ao golfo de León, sofre fortes ventos de tramontana. Na parte central do seu termo municipal está a cala de Portbou, onde se atopa a maior parte da súa poboación.

Historia[editar | editar a fonte]

Casas da localidade.

Desde 1659 converteuse en zona fronteiriza entre España e Francia. No ano 1872 inaugurouse a liña férrea, cunha estación internacional. A nova estación foi edificada no ano 1929, e ten unha gran marquesiña de ferro e cristal, seguindo a traxectoria das obras de Joan Torras i Guardiola de Sant Andreu de Palomar.

Ata o ano 1934 formaba parte do municipio de Colera. En 1940 tivo lugar a última batalla da Guerra civil española moi preto da vila. O 27 de setembro do mesmo ano falecía no Hotel Francia de Portbou o filósofo e historiador de arte alemá Walter Benjamin, de xeito non esclarecido. Existe un monumento conmemorativo na localidade obra do artista Dani Karavan que, utilizando formas abstractas e en íntima relación coa áspera natureza do Pireneo xerundense, insire na paisaxe un símbolo que permite achegarse á situación de ameaza existencial vivida polos emigrantes no século XX.

Turismo[editar | editar a fonte]

Praia de Portbou, preto da fronteira.
Estatua a Frederic Marès.

Cando os primeiros turistas do norte de Europa chegaban a España, a finais da década de 1950, a primeira localidade máis aló dos Pireneos que se atopaban era a poboación fronteiriza de Portbou. Os que atravesaban a fronteira francesa en coche quedaban impresionados pola sinuosa estrada que percorre esta abrupta costa. Con todo Portbou debe parte da súa popularidade á súa estación de tren, clave para as comunicacións entre España e o resto de Europa. O tempo de espera que se producía a causa do cambio de ancho de vía entre os dous países permitía a moitos pasaxeiros pasear por esta localidade, atopándose unha poboación de gran beleza natural.

Ao longo do paseo da praia, as cafeterías, os restaurantes e os chiringuitos, atraen a unha gran cantidade de turistas durante o día. A situación especial da vila baséase na súa localización nun val, que freou a construción excesiva. Así, Portbou segue pequeno e rodeado de natureza.

A praia grande, fronte ao porto deportivo permanece tranquila durante todo o ano ata durante a tempada alta, durante xullo e agosto. Na praia pódense ver os barcos clásicos, normalmente llaguts cataláns, antigamente utilizados para a pesca, que na actualidade saen de paseo tripulados polos veraneantes.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

  • Igrexa de Santa María de Portbou.
  • Praias: platja gran, les tres platgetes, platja del Pi, platja de les Fresses e platja del Claper.
  • Dolmen do Coll de la Farella.
  • Casa Herrero.
  • Monumento a Walter Benjamin.
  • Mercado municipal.
  • Encoro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Portbou

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]