Portal:Santiago de Compostela/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (radicando, polo tanto nesta cidade, o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2014 tiña 95.800 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso, ao sur, con Teo, Vedra e Boqueixón, ao leste, co Pino e Touro e ao oeste, con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

O nacemento de Santiago, como se sabe agora, está ligado á presumible descuberta dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835. O seu desenvolvemento débese á elevación ao rango relixioso dos restos, á Universidade e, na actualidade, á capitalidade de Galicia. A descuberta propiciou que Afonso II fixera unha peregrinación ao lugar. A nova axudou a que Compostela aparecese como un novo lugar de peregrinación da cristiandade, nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.