Federación Republicana Gallega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Federación Republicana Gallega (FRG) foi unha plataforma política que se argallou na xuntanza, coñecida como o Pacto de Lestrobe, celebrada o 26 de marzo de 1930 no Pazo de Hermida entre partidos e personalidades republicanas galegas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A FRG agrupaba catro organizacións: a ORGA, o Partido Radical, o Partido Radical Socialista e o Partido Republicano Federal. Esta plataforma pretendía establecer unha estratexia conxunta e autónoma dos republicanos galegos e designou a Santiago Casares Quiroga como o representante galego na xuntanza dos republicanos españois que se celebrou en Donostia o 17 de agosto de 1930, o Pacto de San Sebastián que tiña como finalidade elaborar o programa dun futuro goberno provisorio da república.

Nos meses anteriores á proclamación da república, a FRG organizou mobilizacións de masas contra o goberno do xeneral Berenguer e participou nas eleccións do 12 de abril de 1931 en coalición co PSOE, conseguindo vencer na maioría das cidades. Tras a proclamación da república a disparidade de estratexias no seo da FRG leva á marcha dos partidos minoritarios dela, permanecendo tan só a ORGA no seo da FRG. Nas eleccións a Cortes Constituíntes a ORGA presenta os seus candidatos baixo as siglas da FRG que manterá ata abril de 1932.