Mulleres nas Matemáticas do Renacemento e da Revolución científica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ao longo da historia multitude de mulleres tiveron que loitar para abrirse paso no campo das ciencias, unha contorna tradicionalmente masculina e vetada para elas. A contribución destas mulleres tivo un grande impacto no desenvolvemento das matemáticas.[1]

Cassandra Fedele

Introdución[editar | editar a fonte]

A exclusión das mulleres dos centros oficiais do saber, e da educación en xeral, levou a que dende principios do século XV xurdise unha corrente, primeiro en Francia, pero que rapidamente se estendeu por toda Europa, coñecida como a Querela das Mulleres na que mulleres cultas e con influencia na sociedade da súa época manifestaban publicamente as súas queixas pola discriminación á que as somete a sociedade, sendo o eixe central das súas reivindicacións o dereito á educación.[2] Desta corrente formaron parte algunhas personaxes importantes como a italiana Cassandra Fedele (Venecia, 1465-1558),[3] que se formou en literatura clásica, filosofía, ciencias e dialéctica; e con 22 anos, logrou un grande éxito en Italia e no estranxeiro cun discurso en eloxio das artes e as ciencias na gradación dun curmán en Padua.[4] Ou a danesa Sophia Brahe (Dinamarca, 1556−1643) coautora do catálogo onde se detallaba a posición dos planetas e o fondo estelar, que serviu a Johannes Kepler para enunciar as súas leis astronómicas.[5]

Margaret Cavendish, Duchess of Newcastle, by Peter Lely
Margaret Cavendish
Anne Finch Conway
Anne Conway
Lady Mary Wortley Montagu
Lady Mary Montagu

A gran Revolución Científica do século XVII, iniciada con Galileo Galilei (1564−1642) e René Descartes (1596−1650), e culminada con Newton (1643−1727) e Leibniz (1646−1716), xa entrado o século XVIII, tivo o seu xerme na nova astronomía de Nicolao Copérnico (1473−1543), e cambiou a forma en que mulleres e homes instruídos vían o mundo. Os membros ilustrados da alta burguesía e da aristocracia convertéronse en científicos afeccionados e contribuíron a abrir portas á aparición de novas investigacións e novos descubrimentos. As súas esposas, fillas e irmás, uníronse tamén a esta corrente, recibindo o nome de “Damas de Ciencia” e tiveron un destacado papel na ciencia e na sociedade do momento. Grandes mulleres que, con poder e coñecementos, influíron no pensamento dos grandes protagonistas. A dama de ciencia encontrou o seu oco en sociedades como a inglesa e, como resultado diso, varias mulleres de ciencia alcanzaron a fama. Como a inglesa Margaret Cavendish (1623-1673) interesada en todo tipo de ciencias, chegou a escribir dez libros de filosofía natural e empeñouse en poñer o seu nome e retrato en cada unha das súas obras publicadas. Quería deixar constancia de que era ela, unha muller, a autora da obra.[6] Isabel de Bohemia (1618−1680), a Princesa Palatina, influíu significativamente no seu mestre Descartes —quen lle dedicou os seus Principios filosóficos en 1644—. As cartas de Descartes a Isabel de Bohemia, publicadas en 1644, serven para transmitir as súas ideas sobre problemas de matemáticas, física e astronomía.[7] Descartes tamén foi instrutor da raíña Cristina de Suecia (1626-1689), con quen discutía de problemas filosóficos e científicos.[8] Sofía de Hannover (1630−1714), inspirou o traballo de Leibniz e foi, tanto política como intelectualmente, a colaboradora máis próxima de Leibniz, con quen mantivo unha extensa correspondencia filosófica dende a década de 1670 ata a súa morte.[9] Pero a que máis influíu na filosofía de Leibniz foi Anne Finch Conway (1631−1679) fonte da que bebeu Leibniz para a súa filosofía vitalista, xa que esta se basea nas “mónadas” de Conway. Anne Conway foi unha filósofa naturalista de primeiro nivel; pero de ningunha maneira foi a única; a súa obra influíu na doutras e outros filósofos, e recibiu influencia delas. A Revolución Científica tivo que ver ante todo coa natureza da materia, o movemento e a relación entre eles; e ese é precisamente o traballo que desenvolveu Anne Conway.[10] Carolina Brandenburg-Ansbach (1683−1737) estudou con Leibniz en 1696, pouco antes de converterse en Princesa de Gales. Máis tarde, cando xa era raíña, Newton, Samuel Clarke e Lady Mary Montagu visitaban frecuentemente a súa corte. A raíña Carolina foi intermediaria da famosa correspondencia de 1716 entre Leibniz e Clarke sobre o conflito entre a filosofía mecanicista de Newton e a vitalista de Leibniz.[11]

Pero se hai unha rama da ciencia na que as mulleres matemáticas sempre tiveron moito peso, dende a antigüidade, esa é a astronomía. E neste tempo atópanse, por exemplo a polaca Elisabeth Hevelius (1647−1693) que publicou un catálogo que recollía a posición de arrededor de 1600 estrelas que non só foi o maior catálogo de estrelas xamais compilado ata ese momento, senón que foi o último que se fixo sen o uso dun telescopio. Está considerada unha das primeiras mulleres astrónomas e a nai dos mapas lunares.[12]

As observacións a través de telescopios fixéronse cada vez máis habituais e as ilustracións volvéronse un complemento importante nos tratados de astronomía. A xermana Maria Clara Eimmart (1676−1707) foi unha das primeiras artistas especializadas en astronomía. Filla dun importante pintor e astrónomo afeccionado, no seu taller-observatorio de Nürnberg reuníanse importantes astrónomos do momento para contemplar e admirar os seus dotes de gravadora para a representación de cometas, manchas solares, eclipses ou as montañas da Lúa. Observacións e representacións que acabaron para sempre co “ceo inmutable e perfecto” de Aristóteles.[13] Maria Winckelmann Kirch (1670-1720) formouse en astronomía no seu Leipzig natal co chamado “campesiño astrónomo”, ata que se traslada co seu esposo Gottfried Kirch (1639–1710) a Berlín e prosegue alí a súa formación como astrónoma. En 1702 Maria Kirch descubriu un cometa, aínda que non se lle deu o seu nome nin recibiu recoñecemento ningún. Tras quedar viúva desenvolve unha brillante carreira como astrónoma independente. As súas contribucións máis importantes á astronomía foron as súas observacións da aurora boreal, os seus escritos sobre a conxunción do Sol con Saturno e Venus e sobre a conxunción de Xúpiter e Saturno. Pero os membros da recente Academia de Ciencias de Alemaña expulsárona do observatorio que ela montara co seu marido, nomeando o seu fillo Christfried, de 20 anos, director do Observatorio de Berlín. Ela sempre tivo claro que o trato desconsiderado que recibiu da Academia foi debido ao seu xénero; o que anos máis tarde se ratificou ao saír á luz os agres debates que houbo no seo da academia, nos que se recoñecían os seus méritos, pero nos que se decidiu botala para non sentar un precedente pernicioso, dando por sentado que a institución veríase danada se tiña no seu seo a unha muller. Esta foi unha das primeiras "conxuras dos necios" que houbo nas recentemente creadas institucións científicas.[14] Por contra, o seu amigo Leibniz non tivo ningún problema en recoñecer os seus méritos presentándoa á corte de Prusia, de onde non tardou en recibir unha invitación do tsar de Rusia para traballar na súa corte.[15]

Esta abundancia de mulleres na elite da astronomía en Europa levou ao astrónomo sueco Andreas Celsius —que coñeceu as Kirch, nai e filla, cando estudaba en Berlín, que en París se topou con outra grande astrónoma, a irmá de Joseph Delisle, e que cando chegou a Boloña a estudar co director do observatorio atopou que este tamén tiña dúas irmás, Teresa e Maddalena Manfredi, ambas ben preparadas e que colaboraban con el na preparación das efemérides solares, lunares e planetarias de Boloña— a escribir, nunha carta dirixida a Kirch:[16]

Empezo a crer que ter irmás doutas é o destino de tódolos astrónomos, xa que polo menos iso foi o que me topei nos que tiven a honra de coñecer durante a miña viaxe.

Personalidades desta época[editar | editar a fonte]

Retrato de Sophie Brahe
Sophia Brahe
  • Sophia Brahe (1556-1643) astrónoma e horticultora danesa.[17] ​Foi asistente de seu irmán, o coñecido astrónomo Tycho Brahe (1546-1601), co que traballou no observatorio do Castelo de Urania. Colaborou con el na redacción do catálogo no que se detallaba a posición dos planetas e o fondo estelar, e que serviu a J. Kepler para enunciar as súas leis astronómicas. A partir de 1588 —tras enviuvar— dedicouse de cheo á horticultura, elaborando tamén medicamentos espagíricos.[18]
Maria Cunitz
Maria Cunitz
  • Maria Cunitz (1610-1664) astrónoma alemá.[16] Debido aos seus coñecementos e aportacións á ciencia e á cultura, era coñecida como a Palas de Silesia. A súa principal obra —escrita en alemán e latín— foi Urania Propitia, publicada en 1650[19]Urania é a musa da astronomía na mitoloxía grega e Maria Cunitz era coñecida tamén co nome de Urania—. Este tratado contiña unha simplificación das coñecidas Táboas rudolfinas de Johannes Kepler (1571-1630) e nel corrixíanse algúns erros do texto de Kepler, ademais de incluír novas táboas matemáticas, novas efemérides e divulgar parte das teorías de Kepler. Con este tratado —Urania propitia— a súa autora conseguiu unha gran reputación en Europa, sendo aclamada como a muller máis sabia en astronomía tras Hipatia de Alexandría. Como recoñecemento, levan o seu nome o cráter Cunitz de Venus e o planeta menor 12624 Mariacunitia.[20]
  • Retrato de Elena Lucrezia Cornaro Piscopia
    Elena Cornaro Piscopia
    Elena Lucrezia Cornaro Piscopia (1646-1684) filósofa, música e matemática veneciana.[21]​ No ano 1678 converteuse na primeira muller en recibir un doutoramento nunha universidade.​[22] Foi profesora de matemáticas na Universidade de Padua.[23]
  • Elisabeth Catherina Koopmann Hevelius (1647-1693) astrónoma polaca.[24]​ Foi a segunda esposa do tamén astrónomo Johannes Hevelius. Trala morte do seu esposo en 1687, ela completou e publicou Prodromus astronomiae (1690), no que realizou unha compilación de 1 564 estrelas e as súas posicións, sen utilizar ningún telescopio. Está considera unha das primeiras mulleres astrónomas, coñecida como a nai dos mapas lunares.[25]
Ilustracións do Ceo de Maria Clara Eimmart
Ilustracións do Ceo de Maria Clara Eimmart
  • Maria Winkelmann Kirch (1670-1720) astrónoma alemá. Utilizando as súas observacións dos ceos nocturnos, ela e o seu esposo, Gottfried Kirch (1639-1710), fixeron cálculos astronómicos para calendarios e almanaques, con informacións diversas —fases da Lúa, posta de Sol, eclipses e posicións de diversos planetas—.[26] ​Foi a primeira muller que descubriu un cometa (en 1702): o C/1702 H1.[27]
  • Maria Clara Eimmart (1676-1707) astrónoma e gravadora alemá. Foi a filla e axudante do matemático, astrónomo e gravador Georg Christoph Eimmart (1638-1705), fundador do Observatorio de Nürnberg (Alemaña). Do seu pai aprendeu dende idiomas ata debuxo, pasando por astronomía e matemáticas. Todos eses coñecementos permitíronlle especializarse en ilustracións botánicas e astronómicas, que ela realizou cunha gran precisión.[28]​ Cabe destacar a súa Micrographia stellarum fases lunae ultra 300, unha serie de máis de 350 debuxos das fases da Lúa a partir de observaciónes realizadas a través do telescopio. Son imaxes dunha beleza singular, plasmadas sobre papel azul e, de tal precisión, que serviron de base para un novo mapa lunar.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Grandes mujeres matemáticas de la historia". La Vanguardia (en castelán). 2019-03-13. Consultado o 2021-02-11. 
  2. "Querelle des dames à la Renaissance (La)". Encyclopédie d’histoire numérique de l’Europe (en francés). Consultado o 2020-11-19. 
  3. "Fedele, Cassandra (1465–1558) Encyclopedia.com". www.encyclopedia.com. Consultado o 2020-11-19. 
  4. "Biography: Fedele, Cassandra". www.lib.uchicago.edu. Consultado o 2020-11-19. 
  5. "La hermana del astrónomo, Sophia Brahe (1556-1643) Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-12-21. Consultado o 2020-11-19. 
  6. "Los ‘cuerpos de papel’ de Margaret Cavendish Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-10-31. Consultado o 2020-11-19. 
  7. "Isabel de Bohemia y Descartes Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-05-08. Consultado o 2020-11-19. 
  8. Pascual, Clara Díaz (2013-01-06). "DIARIO DE A BORDO: CRISTINA DE SUECIA y DESCARTES (2)". DIARIO DE A BORDO. Consultado o 2020-11-19. 
  9. Ilecara (2009-04-29). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XVII - Sofia Carlota Hannover". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-19. 
  10. Ilecara (2009-04-27). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XVII - Ana Finch Conway". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-19. 
  11. "Leibnitiana". www.gwleibniz.com. Consultado o 2020-11-19. 
  12. "Elisabetha Koopman Hevelius: la primera astrónoma que se asomó al cielo Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2020-02-13. Consultado o 2020-11-19. 
  13. Popova, Maria (2019-01-06). "The Astronomical Art of Maria Clara Eimmart: Stunning 17th-Century Drawings of Comets, Planets, and Moon Phases by a Self-Taught Artist and Astronomer". Brain Pickings (en inglés). Consultado o 2020-11-19. 
  14. Muñoz Páez, Adela (2017). Sabias : la cara oculta de la ciencia. [Barcelona]: Debate. ISBN 978-84-9992-702-2. OCLC 978483032. 
  15. "Una astrónoma en la sombra, Maria Winkelmann (1670-1720) Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-12-21. Consultado o 2020-11-19. 
  16. 16,0 16,1 Alic, Margaret (1991). El legado de Hipatia : historia de las mujeres en la ciencia desde la antigüedad hasta fines del siglo XIX (1a ed ed.). México: Siglo XXI editores. ISBN 968-23-1682-0. OCLC 28356309. 
  17. "Sophia BRAHE". scientificwomen.net. Consultado o 2020-10-26. 
  18. "Sophia Brahe, astrónoma y horticultora Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-08-24. Consultado o 2020-10-26. 
  19. "María Cunitz, una astrónoma que perfeccionó las teorías de posicionamiento de los planetas". El diario feminista (en castelán). 
  20. "Maria Cunitz, la ‘Palas de Silesia’ | Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  21. PeoplePill. "About Elena Cornaro Piscopia: Italian philosopher (1646 - 1684) Biography, Facts, Career, Wiki, Life". PeoplePill (en inglés). Consultado o 2020-10-26. 
  22. "Elena Lucrezia Cornaro Piscopia". www.agnesscott.edu. Consultado o 2020-10-26. 
  23. "Elena Lucrezia Cornaro Piscopia, filósofa Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-05. Consultado o 2020-10-26. 
  24. "Elisabetha Koopman - Biography". Maths History (en inglés). Consultado o 2020-10-26. 
  25. "Catherina Elisabetha Koopman Hevelius, astrónoma Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-17. Consultado o 2020-10-26. 
  26. "Maria Winkelmann-Kirch, astrónoma Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-02-25. Consultado o 2020-10-26. 
  27. "Maria Winkelmann Kirch, la primera descubridora de un cometa". Cometografía (en castelán). 2016-03-08. Consultado o 2020-10-26. 
  28. CienciaconArte.com (2019-11-05). "Maria Clara Eimmart, la pintora de la luna". Ciencia con Arte - Ccª (en castelán). Consultado o 2020-10-26. 
  29. "Maria Clara Eimmart, astrónoma Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-05-27. Consultado o 2020-10-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]