Monumento a Washington

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Obelisco do Monumento a Washington.

O Monumento a Washington (Washington Monument) normalmente fai referencia ao grande obelisco branco localizado no extremo oeste do National Mall de Washington D. C. É un monumento conmemorativo ao primeiro presidente dos Estados Unidos e líder do revolucionario do Exército Continental, George Washington, que gañou a independencia do país loitando fronte aos británicos na Guerra da Independencia. En 1884, o monumento converteuse na estrutura máis alta do mundo, até se construír a Torre Eiffel de París en 1889.

O monumento está elaborado en mármore, granito e arenita e ten unha altura de case 170 metros. Foi deseñado por Robert Mills, un prominente arquitecto estadounidense da década de 1840. A construción comezou en 1848 e rematou en 1884, case 30 anos despois da morte do arquitecto. Esta tardanza debeuse á falla de fondos orixinados pola Guerra Civil estadounidense. A diferenza no tipo de mármore (visíbel aproximadamente a partir dunha altura duns 50 m) delimita a construción inicial da segunda etapa de construción.

Motivación do monumento[editar | editar a fonte]

Cando a Guerra da Independencia dos Estados Unidos rematou, non había ninguén nos Estados Unidos ao que se tivese máis respecto que George Washington. Os estadounidenses celebraron a súa habilidade para gañar a guerra en inferioridade de armamento e con homes inexpertos, e admiraban a súa decisión de rexeitar un salario e aceptar soamente ingresos polos seus gastos. A súa admiración creceu aínda máis cando se soubo que rexeitara o proxecto dalgúns dos seus homes detornalo rei do novo país. Non foron só as cousas que fixo, senón o xeito en que as fixo. Abigail Adams, dona de John Adams, describiuno como “educado con dignidade, afábel sen familiaridade, distante sen arrogancia, sereno sen austeridade, modesto, sabio e bo”.[nota 1]

Washington retirouse á súa plantación en Mount Vernon despois da guerra, mais axiña tivo que decidir sobre a súa volta á vida pública. Fíxose evidente que os Artigos da Confederación (Articles of Confederation) deixaran o goberno federal moi debilitado, sen poder subir os impostos, regular o comercio ou controlar as fronteiras. Moitos como James Madison empezaron a pedir unha convención que aumentase a forza do goberno. Washington non tiña moitas ganas de ir, xa que tiña asuntos de negocios en Mount Vernon. Finalmente decidiu ir, xa que "ver a nación contenta... é o desexo da miña alma", e así traballou como representante de Virxinia. Durante o verán de 1787 o resto de delegados elixírono para presidir as deliberacións que, finalmente, darían lugar á Constitución dos Estados Unidos de América.[nota 2]

O Monumento a Washington vese reflectido no "encoro do reflexo" (Reflecting Pool), un encoro rectangular alongado cara ao oeste, en dirección ao Monumento a Lincoln.

Unha parte clave da constitución foi o establecemento do cargo de presidente dos Estados Unidos. Ninguén parecía máis cualificado para o posto que Washington, e en 1789 comezou o primeiro dos seus dous mandatos. Usou o respecto que o seu pobo lle tiña para desenvolver o respecto cara ás súas novas funcións, aínda que ao mesmo tempo tentou acalar os medos daqueles que consideraban que o poder do presidente converteríase en tan forte como o do rei contra o que loitaran. Así tentou crear o tipo de goberno sólido que creu que a nación necesitaba, apoiando un banco nacional, recollendo impostos para pagar os gastos, e fortalecendo o Exército e a Armada. Aínda que moita xente quixo que quedase un terceiro mandato, en 1797 retirouse outra vez a Mount Vernon.[nota 3]

Washington morreu de súpeto dous anos máis tarde. A súa morte provocou gran tristura, e xurdiron os intentos de lle honrar. Xa en 1783, o Congreso Continental decidiu «Que fose erixida unha estatua ecuestre de George Washington no lugar onde se establecese a residencia do Congreso». A proposta proclamaba gravar na estatua: «en honra de George Washington, o ilustre comandante do Exército dos Estados Unidos de América durante a guerra que xustificou e asegurou a súa liberdade, soberanía e independencia». Aínda que é doado entender porque non ocorreu nada mentres o goberno non tivo unha sede permanente, tampouco houbo progresos cando o Congreso estableceuse en Washington D. C.[nota 4]

Dez días despois da morte do presidente Washington, un comité do congreso recomendou outro tipo de monumento. John Marshall, un representante de Virxinia que sería xuíz presidente da Corte Suprema dos Estados Unidos, propuxo que se erixise unha tumba no Capitolio dos Estados Unidos. Porén a falla de fondos, os desacordos sobre o tipo de monumento que honraría mellor ao primeiro presidente do país, e a reticencia da familia a trasladar o corpo detiveron calquera tipo de progreso no proxecto. Nos vindieros anos non houbo ningún tipo de avance.[nota 5]

Deseño[editar | editar a fonte]

Un bosquexo da proposta do Monumento a Washington do arquitecto Robert Mills cara a 1836.
Proponse que ao contemplar o monumento debe ser reflexo daquel en cuxa honra se construíu, sen semellante no mundo, e proporcional á gratitude, liberdade e patriotismo do pobo polo que se erixiu... Debe harmonizar esplendor con elegancia, e debe ser á vez de tal magnitude e beleza coma o orgullo do pobo americano, e provocará a admiración de todo o que o contemple. Os seus materiais deben ser estadounidenses, de mármore e pedra de gran traída de todos os estados, e que todos os estados participen na gloria de contribuír con materiais e fondos para a súa construción.

En 1848 os membros da Sociedade decidiron empezar a construción do obelisco e deixar o tema da columnata para máis adiante. Creron que se usaban os 87 000 dólares que xa colleitaran, a aparencia do Monumento ía a espolear máis doazóns para completar o proxecto.

Foi entón cando o Congreso doou 150 000 m² (37 acres) de terreo para o proxecto. O lugar que Pierre Charles L'Enfant elixira para o monumento (agora coñecido como Embarcadoiro Jefferson) era lamacento e inestábel, o que o facía desaconsellábel para soportar o enorme peso da estrutura. A nova localización estaba algo ao leste e ao sur da orixinal, pero en troques tiña moitas vantaxes. «Presenta belas vistas do río Potomac», como escribiu un membro da Sociedade, e «está tan elevado que o monumento será visto desde todas as partes da contorna». Como é terreo público «está seguro fronte a futuras obstrucións visuais... [e] será visto desde Mount Vernon, onde repousan as cinsas do noso xefe».

Construción[editar | editar a fonte]

O monumento parcialmente completado, fotografado por Mathew Brady cara a 1860.

As escavacións para os alicerces do Monumento a Washington empezaron na primavera de 1848. A primeira pedra púxose o 4 de xullo, nunha cerimonia elaborada polos masóns. A esta organización fraternal mundial pertencía George Washington. Os discursos dese día amosaron que a nación seguía a amar a Washington. Un celebrante dixo: «Non haberá máis Washingtons no noso tempo... maisero as súas virtudes graváronse no corazón da humanidade. O que é grande no campo de batalla mira con orgullo o liderado de Washington. O que crece con sabedoría dos seus consellos sente coma se imitase a Washington. O que pode renunciar ao poder en contra dos desexos do pobo, ten o brillante exemplo de Washington».

As construcións continuaron até 1854 cando as doazóns remataron. Ao ano seguinte, o Congreso votou a doar $200.000 para continuar os traballos, mais mudaron de idea antes de se gastar o diñeiro. Este cambio de opinión chegou porque se adoptou unha nova política da Sociedade en 1849. Acordouse, tras a petición de xente de Alabama, que os estados e territorios doasen pedras conmemorativas que puidesen encaixar conformando a edificación. Os membros da Sociedade pensaban que esta práctica faría que os cidadáns se sentisen parte da construción do Monumento, e tamén se reduciría o custo de pedras a comprar.

Bloques de mármore de Maryland, de granito e arenita chegaron decote á obra. Tribos indias estadounidenses, organizacións profesionais, sociedades, negocios e nacións do estranxeiro doaron bloques de pedra de 1,2 por 0,6 por 0,3 ou 0,5 m (4 pés por 2 pés por 12 ou 18 polgadas). Con todo, moitas pedras levaban inscricións de pouca relevancia para o monumento. Así, unha dos Templarios da Honra e a Temperanza dicía «Nós non compraremos nin venderemos nin usaremos como bebida ningunha bebida de alta gradación alcólica, nin licores de malta, viño, sidra, ou calquera outro licor alcólico».

Os terreos do Monumento a Washington en fase de redeseño e para mellorar a seguranza en 2004.

Con todo, unha das pedras conmemorativas foi a que desencadeou os acontecementos que acabaron coa paralización da doazón do Congreso e, consecuentemente, coa construción do monumento. A principio da década de 1850, o papa Pío IX contribuíu cun bloque de mármore. En marzo de 1854, membros do partido estadounidense nativista contra o catolicismo (máis coñecidos como Know Nothings) roubaron a pedra papal en acto de protesta e supostamente guindárona ao río Potomac. Despois, para se aseguraren de que o monumento cumpría a súa definición de "estadounidense", os Know-Nothings levaron a cabo unha elección fraudulenta para conseguir o poder da Sociedade [cita [Cómpre referencia]

A construción renovouse en 1879, baixo a dirección do tenente coronel Thomas Lincoln Casey do Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos. Casey redeseñou os cimentos para que puidesen aturar unha estrutura cuxo peso final ía ser de máis de 40 000 toneladas. Logo, seguindo as ordes da Sociedade, conseguiu utilizar as pedras conmemorativas que quedaran acumuladas. Aínda que moita xente as ridiculizaba, Casey conseguiu pór as 193 nas zonas interiores.

A construción do Monumento ía a gran velocidade xa que o Congreso achegaba fondos de abondo. En catro anos acabouse, cunha última pedra de 100 onzas (2,8 quilogramos) posta o 6 de decembro de 1884, durante a celebración dunha cerimonia. Daquela foi o maior anaco de aluminio moldeado.[1] O monumento abriuse ao público o 9 de outubro de 1888.[2]

Intre da colocación do piramidión sobre a última pedra.
Cerdeiras en flor.
Estes fogos artificiais sobre o Reflecting Pool entre o Monumento a Washington e o Monumento a Lincoln son típicos das celebracións do Día da Independencia dos Estados Unidos.
A reparar o Monumento a Washington

Detalles da construción[editar | editar a fonte]

O monumento completo elévase 169,29 metros (555 pés e 5⅛ polgadas), cos seguintes materiais de construción e detalles:

  • Fase 1 (de 1848 a 1858): até os 46 metros (152 pés) de altura, baixo a dirección do superintendente William Daugherty.
Exterior: Mármore branco de Texas (Maryland), preto de Cockeysville (Maryland), e de Sheffield (Massachusetts)
  • Fase 2 (de 1878 a 1888): traballo levado a cabo polo Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos, liderados polo tenente coronel Thomas L. Casey.
Exterior: Mármore branco doutra canteira de Cockeysville [1]
Interior: Granito de Maine
O piramidión é de aluminio, un metal moi raro daquela, cuxo valor era próximo ao da prata. Elaborouno William Frishmuth (pódese atopar a súa historia detallada na revista JOM Arquivado 24 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.).

Inscricións[editar | editar a fonte]

O catro caras do piramidión teñen as seguintes inscricións en inglés:

Cara Norte Cara Oeste Cara Sur Cara Leste
JOINT COMMISSIONATSETTING OF CAPSTONE.

CHESTER A. ARTHUR.

W. W. CORCORAN, Chairman.

M. E. BELL.

EDWARD CLARK.

JOHN NEWTON.

Act of August 2, 1876.

CORNER STONE LAID ON BED OF FOUNDATIONJULY 4, 1848.

FIRST STONE AT HEIGHT OF 152 FEET LAIDAUGUST 7, 1880.

CAPSTONE SET DECEMBER 6, 1884.

CHIEF ENGINEER AND ARCHITECT, THOS. LINCOLN CASEY, COLONEL, CORPS OF ENGINEERS.foundhere Assistants: GEORGE W. DAVIS, CAPTAIN, 14TH INFANTRY, BERNARD R. GREEN, CIVIL ENGINEER. Master Mechanic. P. H. MCLAUGHLIN. LAUS DEO.


Praise be to God (Latin)

Traducidas ao idoma galego:

Cara Norte Cara Oeste Cara Sur Cara Leste
COMISIÓN MIXTA Á POSTA DA DERRADEIRA PEDRA.

CHESTER A. ARTHUR.

W. W. CORCORAN, Presidente.

M. E. BELL.

EDWARD CLARK.

JOHN NEWTON.

Acto do 2 de agosto de 1876.

PRIMEIRA PEDRA POSTA NOS ALICERCES O 4 DE XULLO DE 1848.

PRIMEIRA PEDRA POSTA Á ALTURA DE 152 PÉS O 7 DE AGOSTO DE 1880.

DERRADEIRA PEDRA POSTA O 6 DE DECEMBRO DE 1884.

ENXEÑEIRO XEFE E ARQUITECTO, THOS. LINCOLN CASEY, CORONEL, CORPO DE ENXEÑEIROS. Axudantes: GEORGE W. DAVIS, CAPITÁN, INFANTARÍA, BERNARD R. GREEN, ENXEÑEIRO CIVIL. Mestre Mecánico. P. H. MCLAUGHLIN. LAUS DEO.


Encomiado sexa o Señor (en Latín)


O custo total do monumento foi de 1 187 710 dólares.

Estrutura exterior[editar | editar a fonte]

  • Altura total do monumento: 169,294 m (555 pés 5⅛ polgadas)
  • Altura desde a entrada ao nivel de observación: 152 m (500 pés)
  • Largura na base do monumento: 16,80 m (55 pés 1½ polgadas)
  • Largura ao final do elevador: 10,5 m (34 pés 5 polgadas)
  • Largura dos muros no baseamento: 4,6 m (15 pés)
  • Largura dos muros no nivel de observación: 460 mm (18 polgadas)
  • Peso total do monumento: 82 421 toneladas
  • Número de bloques de pedra: 36 491

Piramidión superior e última pedra[editar | editar a fonte]

  • Peso do piramidión superior: 172 t
  • Peso da última pedra: 1,5 t
  • Lonxitude de cada banda da última pedra: 914 mm (3 pés)
  • Largura do piramidión de aluminio: 142 mm (5,6 polgadas) en cada un do catro lados
  • Altura da punta do piramidión de aluminio: 226 mm (8,9 polgadas)
  • Peso da punta de aluminio: 2,8 kg (100 oz)

Alicerces[editar | editar a fonte]

  • Fondura dos cimentos: 11,23 m (36 pés 10 polgadas)
  • Peso dos cimentos: 33 486 toneladas
  • Área dos cimentos: 1487 m² (16,001 pés²)

Interior[editar | editar a fonte]

  • Número de pedras conmemorativas nas escaleiras: 193
  • Instalación do elevador actual: 1998
  • Instalación da cabina do elevador actual: 2001
  • Tempo de subida do elevador: Un minuto
  • Número de chanzos até o cume: 897

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Abril de 1971.
  2. "«Washington Monument". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2014. Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  1. "The Washington Monument: Tribute in Stone". Servicio Nacional de Parques, ParkNet. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  2. "The Washington Monument: Tribute in Stone". National Park Service, ParkNet. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  3. "The Washington Monument: Tribute in Stone". National Park Service, ParkNet. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  4. "The Washington Monument: Tribute in Stone". National Park Service, ParkNet. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  5. "The Washington Monument: Tribute in Stone". National Park Service, ParkNet. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o 22 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]