Mausolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua dun Hecatomnid gobernante, talvez Mausolo (Museo Británico)

Mausolo, falecido no 353 a.C, foi un sátrapa do imperio aqueménida.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Mausolo era fillo de Hecatomno, aristócrata que obtivera en 392 a.C. a satrapía de Caria de mans de Artaxerxes II. Aínda que Hecatomno pensara nunha posible rebelión, sempre foi fiel ao rei persa, polo que non había razón para negarlle ao seu fillo o dereito a sucedelo. Coñécese moi pouco da mocidade de Mausolo, aínda que é bastante seguro que coñeceu ao rei de Esparta Agesilao II.

O seu goberno[editar | editar a fonte]

Cando Mausolo se converte en sátrapa no 377 a.C., o imperio aqueménida estaba envolto en dous graves conflitos. Por unha banda, Exipto independizarase e Artaxerxes quería recuperalo. Por outra, no norte a tribo dos cadusianos ameazaba perigo. Isto deu liberdade aos sátrapas da Asia Menor, e algunhas cidades gregas temeron que o novo sátrapa de Caria quixese expandir os seus dominios cara ao oeste.

Mausolo mudou a corte de Milasa a Halicarnaso entre o 370 a.C. e o 365 a.C.. A cidade foi fortificada con muros fortes e a poboación aumentou. Os edificios máis famosos eran a tumba que o sátrapa mandou construír cerca do mercado, coñecida como Mausoleo (que foi recoñecida como unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo ata o punto de que este termo úsase hoxe para referirse a grandes tumbas) e o maxestoso Anfiteatro de Halicarnaso.

No 367 a.C., o sátrapa da Frigia Helespóntica Ariobarzanes sublevouse. Enviouse un exército persa contra el ao mando de Mausolo e Autofradates de Lidia. Illouse ao rebelde e cercóuselle, pero cando Agesilao irrompeu en Asia Menor á fronte dun exército mercenario en apoio de Ariobarzanes, ocorreu algo moi estraño: Mausolo entregou diñeiro e agasallos ao espartano e deixou o asedio. É posible que Mausolo quixese evitar a entrada de Agesilao en Caria ou gañarse a posibilidade de contratar mercenarios no futuro.

Tetradrachm de Mausolo. No anverso móstrase un león, o reverso dunha estrela con oito raios.

Rebelde intelixente[editar | editar a fonte]

Sexa cal for a razón, a verdade é que Mausolo uniuse ao que se chamou como a Revolta dos Sátrapas, unha serie de rebelións que nunca chegaron a ameazar seriamente a estabilidade do imperio. Nun ou outro momento, á parte de Ariobarzanes e Mausolo, Datames de Capadocia, Orontes I de Armenia e o mesmo Autofradates uníronse á rebelión, recibindo ata apoio dos faraóns Nectanebo I, Teos e Nectanebo II.

Pouco despois do 360 a.C. restableceuse a orde, e cando Artaxerxes III sucedeu ao seu pai na primavera do 358 a.C., nada tiña que temer xa dos sátrapas. Escolleu ignorar o comportamento de Mausolo, que pasara intelixentemente de ser dos últimos a unirse á rebelión (conquistando parte de Lida, Xonia e illas veciñas) aos primeiros en cambiar de novo de bando traizoando aos seus aliados (polo cal foi recompensado coa anexión de parte de Licia). E a pesar de que Mausolo tivo que aceptar a presenza dunha gornición persa en Halicarnaso, actuou máis ou menos como gobernador independente, razón pola cal chámaselle rei nalgunhas fontes. De feito actuou coma se o fóse selando tratados con cidades como Cnossos e nomeando a carianos para posicións que ata ese momento foran ocupadas por persas.

Política exterior[editar | editar a fonte]

Mausoleo de Mausolo en Bodrum

No 357 a. C. axudou aos aliados atenienses que se rebelaron contra a súa metrópole no que se chamou a Guerra Social. Atenas foi derrotada nunha impoñente e decisiva batalla naval. Algúns deses aliados, Quíos, Cos, Bizancio e Rodas, pasaron a estar baixo control directo de Mausolo. Descoñécese por que Mausolo prestou axuda, pero é posible que recibise a orde de Artaxerxes III de intentar que os gregos sublevásense. Isto deu a oportunidade ao rei persa de atacar Exipto, expedición que acabou en desastre.

O resultado foi que Mausolo era sátrapa de Caria, pero tamén un gobernante independente que controlaba algunhas cidades e illas gregas. As cidades gregas tiñan máis ou menos autonomía, pero eran visitadas regularmente por inspectores. Este modelo, que fora desenvolvido polos persas ("o ollo do rei") e era utilizado tamén polos atenienses (episkopos), foi copiado por algúns gobernantes.

Mausolo faleceu no 353 a.C. Foi sucedido pola súa muller (e irmá á vez) Artemisia, quen invitou aos grandes artistas gregos de mediados do século IV a.C. a que acudisen á capital de Caria para decorar o Mausoleo. Arquitectos, como Sátiros e Piteos, e escultores, como Escopas, Leocares, Bryaxis e Timoteo, acabaron a tumba logo da morte de Artemisia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]