Mario Conde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mario Conde
Mario Conde
Nacemento: 14 de setembro de 1948 (65 anos)
Tui (Pontevedra), Galicia Galiza
Nacionalidade: Galicia Galego
Ocupación: Avogado, empresario, político
Cónxuxe(s): Lourdes Arroyo (falecida aos 52 años, o 13 de outubro de 2007)

Mario Antonio Conde Conde, nado en Tui o 14 de setembro de 1948, é un financeiro e avogado galego. Tivo unha gran relevancia social en España nos anos 1980 e 1990 por ser presidente de Banesto aos 39 anos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Auxe económico[editar | editar a fonte]

Fillo dun inspector de alfándegas, aos oito anos marchou de Galicia e instalouse en Alacant, pero sempre mantivo vínculos familiares con Galicia. Cursou dereito na Universidade de Deusto. Foi o primeiro da súa promoción e obtivo ademais a terceira mellor nota da historia deste corpo. Preparou oposicións para Avogado do Estado e con 24 anos conseguiu ser o primeiro da súa promoción nas oposicións e obter ademais a mellor nota da historia deste corpo[Cómpre referencia].

En 1977 incorporouse ao grupo farmacéutico Abelló, que formaba parte da empresa Antibióticos S.A. Vendeu o laboratorio Abelló á multinacional Merck Sharp and Dohma por 2.700 millóns de pesetas. A comisión recibida por esta venda permitiulle comprar o 23 por cento do capital social de Antibióticos S.A. en 1984, coincidindo coa saída dos irmáns Fernández López da mesma. En 1985, xunto co seu socio Juan Abelló, que posuía algo menos do 50% da empresa, e con Jaime e Emilio Botín, que asinaron a compra doutro 23 por cento, fíxose co control de Antibióticos S.A. En 1987 foi o protagonista da operación económica máis importante realizada en España ata o momento, ao vender canda o financeiro Juan Abelló a empresa Antibióticos S.A. á multinacional italiana Montedison por 58.000 millóns de pesetas[Cómpre referencia].

Co beneficio ambos tomaron unha importante parte do capital do banco Banesto, onde foron nomeados vicepresidentes da entidade. Nese momento o Banco de Bilbao, dirixido por José Ángel Sánchez Asiaín e Emilio Ybarra realiza a primeira OPA da historia de España sobre Banesto, pero Conde convence o consello de administración de non aceder á operación. Noméano presidente da entidade en 1987 para substituír a Pablo Garnica cando tiña tan só 39 anos. Ao asumir o cargo, o banco tiña unha débeda de case 100.000 millóns de peseta, e en 1989 os preto de 300.000 accionistas de Banesto obtiveron dividendos. Posteriormente, Conde tentou unha fusión co Banco Central, daquela presidido por Alfonso Escámez, que non prosperou.

O proceso Banesto[editar | editar a fonte]

Nesta época, a súa popularidade social foi grande e converteuse nun símbolo de éxito. Pero o 28 de decembro de 1993, o Banco de España, gobernado por Luis Ángel Rojo, interveu Banesto por unha débeda patrimonial de aproximadamente 450.000 millóns de pesetas[Cómpre referencia], e Conde foi destituído como presidente.

A partir de 1994, Mario Conde tivo que facer fronte a varios procesos. En marzo de 1997 é condenado polo caso Argentia-Trust, unha empresa domiciliada en Suíza, a seis anos de prisión por apropiación indebida de 600 millóns de pesetas e por falsidade en documento mercantil. O 31 de marzo de 2001 a Audiencia Nacional condénao a 14 anos por estafa e apropiación indebida e obrígao a devolver 7.200 millóns de pesetas a Banesto. Recorre ó Supremo, e Conde evita en primeira instancia o cárcere cunha fianza de 500 millóns de pesetas, pero o Supremo confirma a pena, que Conde cumpre no cárcere de Alcalá-Meco durante 17 meses.

Antes de ingresar en prisión, Conde participou na política. En 2000 foi elixido candidato de UC-CDS ás eleccións lexislativas co apoio do 81% dos compromisarios asistentes á Asemblea Nacional -58 votos a favor, 12 en contra e un en branco. A súa formación conseguiu 23.576 votos en toda España, e quedou lonxe de obter ningún deputado[1].

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Fundou a revista MC, de economía e estilo, que tivo un ano de existencia. En setembro de 2009 comezou a participar no faladoiro político do programa de televisión "El gato al agua", da cadea Intereconomía TV.

Obra[editar | editar a fonte]

Ten escrito libros de ensaio e vivencias:

  • El Sistema.
  • Derecho Penitenciario vivido.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Os seus avós paternos eran de Allariz e de Valladolid, e os maternos, así como a súa nai, de Covelo (Viana do Bolo). El considérase ourensán[3]. Tamén ten unha extensa propiedade nos montes de Toledo que lle mercou a Marcial Lalanda.

Casado con Lourdes Arroyo (falecida aos 52 anos, o 13 de outubro de 2007), tivo dous fillos: Mario e Alejandra, e dous netos.[4]. É afeccionado á caza e á vela.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]