Manic Street Preachers

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manic Street Preachers
Manic Street Preachers in London2005-2.jpg
Orixe Blackwood, País de Gales Flag of Wales.svg
Período 1989-actualidade
Xénero(s) rock alternativo, britpop
Selo(s) discográfico(s) Sony
Membros James Dean Bradfield
Nicky Wire
Sean Moore
Antigos membros Richey James Edwards
Na rede
manicstreetpreachers.com

Manic Street Preachers é unha banda galesa de rock fundada en Blackwood en 1989 por James Dean Bradfield (voz e guitarra), Nicky Wire (baixo), Sean Moore (batería) e Richey James Edwards (guitarra). Edwards desapareceu o día 1 de febreiro de 1995 e no ano 2008 foi declarado oficialmente morto.

Biografía[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A historia da banda comezou antes da súa formación oficial en 1989 xa que os catro membros eran amigos dende había tempo e adoitaban xogar ao fútbol xuntos. James chegou a ser un bo xogador, incluso chegou a xogar na selección xuvenil do País de Gales, e estivo a piques de facer unha proba no Arsenal, pero unha lesión rematou coa súa carreira deportiva.

A idea de formar unha banda xurdiu nun principio en 1986, cando foron as conmemoracións dos 10 anos dos Sex Pistols, pero tardaron tres anos en levar a idea adiante. Nicky Wire e Richey estudaron na mesma universidade, e despois de se graduar Nicky formou unha banda con Sean Moore, James Dean Bradfield e un guitarrista coñecido como Flicker. A banda inicialmente chamábase Betty Blue e Richey inicialmente non formaba parte dela, a pesares de que convivise con eles e mesmo deseñase a portada do primeiro sinxelo, "Suicide Alley", que foi pagado pola propia banda.

Inicios da banda[editar | editar a fonte]

Pouco antes de ser lanzado o sinxelo, o grupo cambiou ao nome Manic Street Preachers. A portada estaba inspirada no primeiro álbum de The Clash, o que confirmaba as influencias e a sonoridade do grupo naquel momento, unha mestura de punk e hard rock.

Nick Wire, outro amigo de varios anos, entrou na banda no lugar de Flicker na mesma época na que Richey James converteuse no segundo guitarrista. Estaba completa a formación considerada orixinal da banda. Corría o ano 1989.

O segundo lanzamento do grupo foi un EP de catro cancións, titulado New Art Riot, lanzado en 1990 e novamente financiado polo propio grupo. O álbum tiña unha evidente influencia punk e letras de forte contido político e de crítica social. O EP obtivo unha grande repercusión nos medios, a pesares de que os comentarios fosen particularmente negativos. Eran incontables as comparacións dos Manic Street Preachers con Sham 69, outra banda da época.

Pero Manic Street Preachers xa chamara a atención do público, a banda tiña a reputación de ser un verdadeiro grupo socialista punk retro, usaban e vendían camisetas con eslóganes socialistas de Karl Marx entre outros e usaban maquillaxe no escenario. A parte visual da banda era un espectáculo á parte. Nesa época eles estableceron os seus obxectivos, nada modestos: lanzar un álbum de estrea dobre que vendese 16 millóns de copias e despois rematar coa banda. Así non existiría a posibilidade de "venderse" co éxito. Xunto a ese discurso eles tamén pretendían mudar radicalmente a sonoridade do grupo, a punto de se tornar irrecoñecible.

A banda ao vivo en Brighton

A discográfica Heavenly Records asinou coa banda e lanzou o sinxelo "Motown Junk", un dos temas clásicos de Manic Street Preachers. De seguido editaron un novo sinxelo, "You Love Us", outra grande canción da banda, que foi feita en resposta á prensa que se negaba a tomar á banda en serio. "You Love Us" chegou ao número 62 na lista británica, o que impulsou a carreira da banda.

Despois do éxito do sinxelo seguiu unha xira por todo o Reino Unido. A xira estivo chea de incidentes con borracheiras e enfrontamentos coa seguridade.

En maio de 1991 a Sony/Columbia asinou coa banda e o sinxelo "Stay Beautiful" foi lanzado un mes despois. Alcanzou o número 40 na lista, mostrando que a popularidade do grupo estaba aumentando. A partir daí as cousas melloraron e un relanzamento de "You Love Us" foi o primeiro sinxelo de Manic Street Preachers en entrar no top 20 británico en xaneiro de 1992, alcanzando o número 16. Os dous seguintes sinxelos, "Slash n' Burn" e "Motorcycle Emptiness" tamén entraron no top 20 e a banda conseguiu o seu primeiro sinxelo "top 10" con "Theme from M*A*S*H (Suicide is Painless)" en setembro daquel ano.

Generation Terrorists[editar | editar a fonte]

Antes, en febreiro de 1992 foi lanzado o primeiro disco do grupo, o prometido álbum dobre Generation Terrorists (foi un LP dobre e un só CD). A portada do disco estaba baseada nunha tatuaxe de Richey.

A versión americana do disco foi modificada radicalmente pola discográfica, fíxose isto para facelo máis "amigable" para as radios e para encadralo na grungemania que reinaba na época. Ese feito irritou por aos integrantes da banda, que tampouco estaban contentos con como se organizou a xira polos Estados Unidos e coa duración da mesma. Despois destes concertos, a banda comezou outra xira no Reino Unido e Irlanda, tamén chea de incidentes.

A banda non se separou despois do primeiro disco tal como prometera e seguíu adiante. De calquera xeito, Generation Terrorists non vendeu os 16 millóns de copias que eles dicían, chegando apenas ás 300.000.

O último sinxelo de Generation Terrorists foi "Little Baby Nothing", que contiña un curioso dueto con Traci Lords, ex-atriz porno estadounidense.

Gold Against the Soul[editar | editar a fonte]

En xuño de 1993, cinco meses despois do lanzamento do último sinxelo do seu primeiro álbum, foi lanzado "From Dispair to Where", rapidamente seguido polo segundo álbum da banda, Gold Against The Soul, que tiña unha sonoridade máis pop e menos cru que Generation Terrorists. No mes de xullo realizaron unha boa cantidade de concertos que coincidiron co lanzamento do segundo sinxelo, "La Tristesse Durera (Scream To A Sigh)", que non chegou a entrar no top 20 británico. A fianis do ano 1993 Manic Street Preacher participou como teloneiro na xira de Bon Jovi e lanzou un novo sinxelo, "Roses in the Hospital".

En xaneiro de 1994 apareceu o derradeiro sinxelo de Gold Against the Soul, "Life Becoming a Landslide", mentres a banda continuaba de xira. En maio a banda editou "Faster" como anticipo do seu novo traballo, pero os medios estaban máis interesados nos problemas persoais de Richey. No mes de agosto foi internado nun hospital psiquiátrico e a banda actuou nalgúns festivais como trío para pagarlle o tratamento.

O día 30 de agosto, con Richey aínda internado, foi lanzado The Holy Bible. A crítica aclamouno, pero as súas vendas foron moi baixas. O álbum marcaba outro cambio musical e estético da banda, que vestía con uniformes do exército. Musicalmente foi virando cara un son post-punk lo-fi. Para promocionar o disco, a banda apareceu no programa Top of the Pops, interpretando o seu primeiro sinxelo, "Faster", o cal acadaría o número 16 nas listas. A actuación foi moi controvertida na época, ao aparecer a banda cos uniformes do exército, con Bradfield levando un pasamontañas como se fose un terrorista.

Pouco despois, o 1 de febreiro de 1995, Edwards desapareceu do hotel Embassy de Londres. O seu coche apareceu o día 17 nunha estación de servizo preto da ponte de Severn, que era famoso por ser un lugar que a xente usaba para suicidarse. Un aparcacoches dixo que estivera alí durante tres días, e a policía revelou que vivira dentro do coche durante uns días. Edwards non sería visto nunca máis, a pesar de que a banda mantivo a súa porcentaxe dos royalties para o seu regreso. O 28 de novembro do ano 2008 a súa familia declarouno supostamente morto. Manic Street Preachers tivo un parón de seis meses e incluso consideraron desolver o grupo, pero coa aprovación da familia de Edwards o resto dos membros continuaron.

De Everything Must Go a Know Your Enemy[editar | editar a fonte]

O primeiro álbum sen Edwards, Everything Must Go, ten cinco cancións escritas ou co-escritas por Edwards, e foi editado con moi boas críticas. A meirande parte das letras foron escritas por Wire, incluídas as de "A Design for Life", que acadou o posto número 2 nas listas. O disco foi nomeado para o premio Mercury de 1996 ao mellor álbum, e a banda gañou dous premios BRIT, á mellor banda británica e mellor álbum británico, ademais os seus sinxelos "Australia", "Everything Must Go" e "Kevin Carter" foron un éxito.

This Is My Truth Tell Me Yours, editado en 1998, tivo o mesmo éxito que o seu predecesor na meirande parte do mundo, e deulles á banda o seu primeiro sinxelo número 1, "If You Tolerate This Your Children Will Be Next". Fala sobre a Guerra Civil Española e está inspirado a partes iguas polo relato de George Orwell Homage to Catalonia e pola canción de The Clash "Spanish Bombs". O disco tamén inclúe os exitosos temas "You Stole the Sun from My Heart", "Tsunami" e "The Everlasting". Novamente os Manics gañaron o BRIT á mellor banda británica na edición de 1999.

O 31 de decembro de 1999 tocaron no Leaving the 20th Century concert, celebrado no Millennium Stadium de Cardiff; o primeiro é máis garnde concerto celebrado alí, con 80.000 asistentes.

No ano 2000 a banda editou o sinxelo en edición limitada "The Masses Against the Classes". A pesar de ter pouca promoción, o sinxelo acadou a primeira posición na lista británica. O sinxelo saíu de catálogo o mesmo día do seu lanzamento, pero aínda así pasou sete semanas nas listas.

En 2001 converteuse na primeira banda popular de rock occidental en tocar en Cuba, e os seus membros reuníronse co presidente Fidel Castro. O concerto e a viaxe foron documentados e publicados en DVD baixo o título Louder than War.

Nese concerto revelaron varias cancións do seu sexto álbum, Know Your Enemy. O tema "Ocean Spray" foi composto por James e fala da loita da súa nai contra o cancro. Os primeiros sinxelos do dico, "So Why So Sad" e "Found That Soul", foron publicados o mesmo día. "Let Robeson Sing" tamén foi editado como sinxelo.

O álbum de grandes éxitos e remesturas Forever Delayed foi lanzado no ano 2002 e contén dúas novas canións, "Door to the River" e o sinxelo "There by the Grace of God". Un disco de caras-b, rarezas e versións publicouse un ano despois co título Lipstick Traces, e contén a derradeira canción na que traballou Edwards.

De Lifeblood a Journal for Plague Lovers[editar | editar a fonte]

O sétimo álbum de estudio, Lifeblood, foi publicado o 1 de novembro do 2004 e acadou o número 13 na lista británica de álbums. As críticas ao disco foron variadas. Tony Visconti axudou á banda a producir tres temas do traballo, que foi seguido dunha xira en grandes estadios polo Reino Unido en decembro dese ano. Un edición polo décimo aniversario de The Holy Bible foi publicada o día 6 de decembro, incluíndo unha versión dixitalmente remasterizada do álbum orixinal, unha mestura estadounidense pouco común e un DVD con actuacións ao vivo e material extra.

Discografía[editar | editar a fonte]