Mercury Prize

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Mercury Prize, antes chamado Mercury Music Prize e actualmente coñecido como Barclaycard Mercury Prize por motivos de esponsorización, é un premio musical anual dado ó mellor álbum do Reino Unido e Irlanda. Foi establecido pola British Phonographic Industry e a British Association of Record Dealers en 1992 como unha alternativa ós Brit Awards. O premio foi orixinalmente esponsorizado por Mercury Communications, unha marca de Cable & Wireless, e dela toma o seu nome. Despois o esponsor foi Technics do 1998 ó 2001, Panasonic en 2002 e 2003 e Nationwide Building Society do 2004 ó 2008. Barclaycard converteuse en esponsor en marzo de 2009.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os candidatos son escollidos por unha comisión de músicos, executivos musicais, xornalistas e outras figuras da industria musical do Reino Unido e Irlanda e anunciados en xullo. A gala dos premios normalmente ten lugar en setembro. A miúdo as bandas que teñen albumes candidatos e os gañadores conseguen un grande aumento nas ventas, especialmente os candidatos menos coñecidos. Sen embargo, a pesares de ser considerado por moitos un premio prestixioso, hai quen pensa que unha candidatura ou premio no Mercury Prize pode ser unha maldición na carreira musical.[Cómpre referencia]

Ó contrario doutros premios musicais, o gañador do Mercury Prize recibe un cheque: no 2013 foi de 20.000 £. Ten tamén fama de dar o premio a artistas inesperados e non ós favoritos. O gañador de 1994 foi Elegant Slumming de M People, unha decisión controvertida porque entre os candidatos había grandes nomes do britpop como Paul Weller, Blur, Pulp e a banda electrónica The Prodigy. Outros xornalistas critican que en 2005 o premio fose dado a Antony and the Johnsons polo seu album I am a bird now pois, se ben eran de orixe británica, estaban establecidos en EE.UU. En 2006 a colaboración de Isobel Campbell con Mark Lanegan Ballad of the Broken Seas foi incluída entre os candidatos a pesares de Lanegan ser americano e Guillemots, cun álbum candidato no 2006, tiña membros brasileiros e canadenses na banda. A presencia de discos de música clásica, folk e jazz é considerada anómala por algúns. Artistas clásicos cun disco candidato inclúen Sir John Tavener, Sir Peter Maxwell Davies, Gavin Bryars e Nicolas Maw: ningún gañou nunca e non houbo candidato desde 2002. Ata agora PJ Harvey é o único artista que gañou o premio en máis dunha ocasión (2001 e 2011). Tamén foi a primeira artista feminina en recibir o premio e xunto con Radiohead é a máis nominada, aínda que Radiohead nunca gañou o premio.

Tanto o valor do Mercury Prize coma os criterios para elixir candidatos veñen sendo obxecto de crecentes críticas. En 2001, Gorillaz esixiu que o seu álbum de debut epónimo fose retirado da lista de candidatos. O vocalista Damon Albarn dixo que gañar o premio sería como levar un albatros morto arredor do pescozo por toda a eternidade. En setembro de 2013, Kevin Shields, vocalista e guitarrista de My Bloody Valentine expresou preocupacións sobre o premio nunha entrevista co The Guardian. Shields acusou ós organizadores de vetar o seu disco autoproducido m b v da lista de candidatos, denunciando así un corporativismo que converteu o álbum en virtualmente ilegal.