Civilización minoica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Grecia
Acropolis-panorama-night.jpg
Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica
A creta minoica cos principais palacios, pazos e poboados

A civilización minoica desenvolveuse na illa de Creta (actual Grecia) ó longo da primeira metade do segundo milenio antes de Cristo. Os minoicos eran unha cultura prehelénica anterior ás culturas heládica ou micénica. Sorprende polas súas realizacións en case tódolos aspectos, a pesar de a illa dispor de recursos escasos.

A importante artesanía cretense contribuíu ó incremento da riqueza e do comercio con Exipto. O goberno -forte e centralizado- convértese no centro da vida cretense. Os palacios son residencia de gobernantes e funcionarios, centros relixiosos de culto e ata centros de distribucións de mercadorías.

Ata o de agora atopáronse catro palacios na illa: Cnosos, Festos, Malia e Kato Zakro. As comodidades e os luxos que reflicten as escavacións arqueolóxicas revelan unha forma de vida refinada e de alto nivel, entregada ó ocio e ás diversións, o que nos indica que o conxunto da estrutura social funcionaba de bo xeito.

Historia[editar | editar a fonte]

Creta foi a primeira potencia en xurdir no Exeo, sen que se podan esclarecer as súas causas últimas; en todo caso, houbo unha evolución local do Neolítico final e experimentáronse influencias a través da navegación e o comercio de outras illas exeas, o Próximo Oriente e Exipto.

En volta do ano 2000 a.C., xurdiu unha civilización urbana na que destaca o nacemento dunha arquitectura palacial, non ben coñecida na primeira etapa (polas destrucións e reconstrucións de 1000 anos). No plano arquitectónico coñécense o Minoico medio e o final. Consta, porén, a existencia de aglomeracións de poboación que deixaron de ser aldeas e conformáronse en comunidades con especialización artesá: deuse o paso a unha cultura complexa organizada a partir dunha serie de palacios, centros políticos das diversas rexións e onde, como hipótese, existía unha monarquía, moi vinculada á relixión, dado que os palacios incorporan zonas de culto. O palacio inclúe unha parte importante de dependencias de tipo económico vinculados á administración (almacéns ou depósitos). Monopolizaba o controlo da produción económica, nun modelo afín ao Próximo Oriente aínda que non na arquitectura.

Fresco dos golfiños no palacio de Akrotiris.

Os palacios, presumibelmente, son expresión de fragmentación política e, por tanto, de división territorial dos dominios que lles podían corresponder. O fenómeno da cultura palacial minoica nas orixes non xurdiu coa mesma forza en toda a illa. Sendo esta de tamaño grande (250km de longo e entre 15 e 60 de ancho), os palacios concéntranse no centro e no oriente. A occidente, os ritmos de desenvolvemento son menores e só patentes na fase final. No Segundo Milenio había bosques frondosos, especialmente no centro e occidente, con hábitat disperso. Os palacios máis importantes eran os de Eda, Cnossos, Festos (centro), Leuka (ocidente), Malia e Zakro (oriente).

Cnossos foi o primeiro a ser escavado sistematicamente (Arthur Evans) e forneceu a cronoloxía desde o Neolítico. Era o principal e os outros terían unha dimensión menor. A tendencia foi a que a diferenza se agrandase até que nas últimas fases Cnossos tería sido o único centro e os outros serían subsidiarios del. Esta teoría apóiase en referencias do Imperio Novo exipcio, nas que se fala do "rei de Keftiu" (século –XVI].

Fases[editar | editar a fonte]

Esta división débeselle a Evans e está baseada na análise da cerámica.

Minoico antigo[editar | editar a fonte]

Vai desde as fases finais neolíticas e Bronce antigo. No Terceiro Milenio apareceron as construcións palaciais, nun proceso rápido.

Minoico medio[editar | editar a fonte]

Foi unha fase dilatada con transformacións nos palacios que corresponden a destrucións e reconstrucións sen causas definidas (terremotos talvez?). Aqueles primeiros palacios viven un florecemento até a destrución do –1700 (Minoico Medio II). Foi esta unha destrución xeral da que xorde máis claramente o papel de Cnossos como centro palacial. Aparte dun sismo, tense barallado a hipótese volcánica, como sucedera en Thera (-1600/1550), illa que desapareceu nos seus dous terzos (pola súa forza, tentouse situar en paralelo co fin do control minoico en Cnossos ou coa destrución final do palacio). Porén, a destrución de 1500 si se atribúe a terremotos.

Minoico final[editar | editar a fonte]

A instalación dos micénicos a partir de 1450 non está marcada por unha destrución acentuada, mais si se deu a crise definitiva dos centros palaciais secundarios, que funcionaban en dependencia desde –1700 baixo un sistema descentralizado, sen arquivos (si hai selos). A tomada do poder por estas xentes vidas do continente acentúa a centralización administrativa. A súa chegada é fruto dunha expansión imperialista que funda en Creta un novo reino micénico. Esta presenza precede o momento que Arthur Evans estabeleceu como final do Minoico (-1400, cando se dá a destrución definitiva do palacio). Dentro da historia da Creta Minoica isto desatou polémicas porque:

  1. Quedaba por estabelecer a evolución de Creta entre o 1400 e finais de Micenas.
  2. Arqueoloxicamente, a data é dubidosa.

A destrución final de Cnossos débese atrasar até o –1370. Esta data non ten unha explicación facilmente deducíbel que agrupe todos os factores (terremotos, tomada da vila...). Parte da documentación en Lineal B sería deste momento. Tampouco se abandonou o palacio, mais este non volvería a xogar un papel igual ao anterior, o que implica que a situación política dou un xiro. Mais non se interrompen outros aspectos e a parte occidental da illa cobra un papel protagonista descoñecido até entón (descubrimento de indicios que mostran que na vella cidade de Kydronia se usaba lineal B, indicio dun palacio e un nexo de conexión entre o palacio decaído de Cnossos e este novo centro [o mesmo escribano]). Unha hipótese é que, se ben a destrución eliminou Cnossos como centro administrativo, non supuxo o fin do poder micénico ou dalgún centro sucesor, seguindo Cnossos controlando as zonas máis prósperas (centro e, máis ao sur, Hagia Tríada). Polos dados existentes, hai unha xeografía do territorio controlado polo palacio que inclúe Cnossos, Armissos, Ylissos, etc. Esta hipótese contribuiría para resolver a anomalía que situaba a Creta nun lugar incualificábel no mundo exeo.

A expansión micénica prolongou uns procesos de contacto que, no Minoico Medio, sobre todo desde o –1700, transmitiron ao continente e Illas Cícladas influencias artísticas, sociais, administrativas (do modelo palacial) e que ten levado a pensar que a difusión fose proba de imperialismo (influencia das lendas posteriores e a memoria dunha hipotética talasocracia prehomérica.

Evans considerou a expansión un feito seguro (aplicando modelos actuais de poder naval). Hoxe dedúcese que non se pode falar de "conquista" ou "expansión" cretense traducida en colonización e incorporación territorial. Só se recoñecen asentamentos minoicos en illas que, pola súa proximidade ao continente, oferecían unha base sólida e segura (Citera, Rodas, Cos). As influencias non representan rotura, non sobrepasando un nivel imperial.

Tampouco isto debe levar a mitificar o carácter aparentemente pacífico da cultura minoica (diferenzas con Micenas nos palacios en situación, deseño e arquitectura, pois estes son grandes fortalezas mentres que os minoicos son para vivir). De calquera xeito, si coñecían as armas, tendo que darse tensións entre os centros de poder, resoltos, suponse co liderado de Cnossos. Mais este poder, no seu contorno, pode ter implicado un controlo diplomático sobre as Illas Cícladas. Naxos parece ser o limite setentrional da influencia cretense, o que debe levar a un xuízo moi modesto das relacións exteriores minoicas (aínda que algúns produtos chegaron a Exipto, Siria-Palestina e Sicilia, isto mostra unha mobilidade comercial máis centrada no mundo oriental (chipriotas, pré-fenicios), cidades que avanzan unhas tendencias que cristalizaron no século –IX.

Esta cronoloxía, combinada coa do arqueólogo grego Nicolas Platon, baseada na evolución das construcións palaciais, resultaría como segue:

  Cronoloxía minoica
-3650 - -3000 MI I Prepalacial
-2900 - -2300 MI II
-2300 - -2160 MI III
-2160 - -1900 MM IA
-1900 - -1800 MM IB Protopalacial
(Período Palacial Antigo)
-1800 - -1700 MM II
-1700 - -1640 MM IIIA Neopalacial
(Período dos Novos Palacios)
-1640 - -1600 MM IIIB
-1600 - -1480 MF IA
-1480 - -1425 MF IB
-1425 - -1390 MF II Pospalacial
(En Cnossos, Período Final do Palacio)
-1390 - -1370 MF IIIA1
-1370 - -1340 MF IIIA2
-1340 - -1190 MF IIIB
-1190 - -1170 MF IIIC
-1100 Subminoica