Estripo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estripeiro
Common hawthorn.jpg
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Spiraeoideae
Tribo: Pyreae
Xénero: 'Crataegus'
Especie: C. monogyna
Nome binomial
Crataegus monogyna
Jacq.
Póla de estripeiro con follas e típicos froitos

O estripeiro[1] (Crataegus monogyna), é unha especie de arbusto ou arboriña fanerógama pertencente á familia das rosáceas. É unha arboriña espiñenta común nas fragas de Galiza, abundando en toda a Europa Atlántica. Recibe tamén os nomes vulgares de estripo, escambrón[2], espiño branco ou espiño albar.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

"Crataegus" provén do grego "kratos" e significa "forte", probabelmente facendo referencia á súa madeira. " Monogyna ", de "mono" = un e "gynos" = pistilo, referíndose a que ten un único estilo en cada flor.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha árbore de catro a seis m de altura, con ramas espiñentas, follas lampiñas e aserradas, caducas, flores brancas, olorosas e en corimbo, e froito ovoide, revestido de pel tenra e avermellada que encerra unha polpa doce e unha única semente, de aí o seu nome, aparecendo raras veces dúas.

Poden ser arbustos ou pequenos árbores de 5-14 m de altura, cunha densa coroa. A casca é grosa e parda con gretas verticais laranxa. Os talos máis novos teñen espiñas romas, de 1 a 1,5 cm de longo. Follas de 2-4 cm de longo, obovadas e profundamente lobuladas, ás veces case até o centro, cos lóbulos abertos nun amplo ángulo. A face superior é verde negrexo e pálido na cara anversa.

Flores do estripeiro.

As flores emíteas a fins de primavera (maio a xuño na súa área nativa) en corimbos de 5-25 xuntas; cada flor de preto de 1 cm de diámetro, con cinco pétalos brancos, numerosos estames vermellos, e un singular estilo; son moderadamente fragrantes. Tarde na estación dá numerosas froitas pequenas, ovais, vermello escuras de preto de 1 cm de lonxitude, tipo cereixa, pero estruturalmente un pomo contendo unha soa semente. As froitas son importantes para a vida silvestre no inverno, particularmente aves que as comen e dispérsanas nas súas deposicións.


Distínguese do seu parente menos expandido Crataegus laevigata nas súas follas profundamente lobuladas e desprendibles, e nas flores cun só estilo, non dous nin tres. Con todo son interfértiles e a hibridación é frecuente; só distinguibles nas súas típicas formas. No sur da Península Ibérica aparece a variedade Crataegus monogyna subsp. brevispina.

Usos[editar | editar a fonte]

Plántase como sebe, especialmente para uso agrícola. As súas espiñas e ramaxe pechado convérteno nunha boa barreira para encerrar gando e impedir o paso de persoas. En Galiza empregábase para enxertar outras rosáceas (froiteiras). Hai varios híbridos, algúns como arbustos de xardín. O híbrido máis usado é Crataegus × macrocarpa (C. monogyna × C. laevigata; sen. C. × media), do cal se coñecen varios cultivares, incluíndo o moi popular 'Paul's Scarlet' con dobres flores rosa escuras. Outro arbusto de xardín que involucraría ó Crataegus común, son Crataegus heterophylla do Cáucaso, que é raro en parques e xardíns.


Polo que se refire ó seu uso medicinal, os ingredientes activos das súas flores son: taninos, flavonoides, aceites esenciais, triterpenos e derivados de purinas. Os dos seus froitos: taninos, flavonoides, pigmentos e vitaminas. Unha infusión de Crataegus úsase para tratar varios problemas de corazón e circulatorios e como soporte de terapia con Digitalis. As follas novas son boas en ensaladas. E a froita serve para facer viño, marmeladas e agregar sabor ó brandy.

Etnografía[editar | editar a fonte]

En inglés, o dito que lembra a conveniencia de manter roupa de abrigo até avanzada a primavera (ne'er cast a clout 'til may is out) non se refire á fin do mes de maio, senón ao florecemento do estipeiro ('may').

No folclore celta-gaélico, o estripeiro (en gaélico, Sgitheach) marca a entrada do Outro Mundo' e se asocia coas fadas.[3] É moi desafortunado cortar a árbore agás que estea agromando, cando é decorada como o "Arbusto May" (ver Beltane).[4] Estas arboriñas atópanse nas áreas de peregrinación místicas célticas; son arbustos sagrados coñecidos coma 'rag trees', literalmente árbores de farrapos, polas tiras de roupa tendidas sobre elas como parte de rituais sagrados, como ocorre en Santo André de Teixido.[5]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego preferido en todas as fontes: Os cultivos agrícolas en Vocabulario do medio agrícola, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988; Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004 e Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  2. Cómpre ter en conta que o nome de escambrón emprégase tamén para o abruñeiro
  3. Campbell, John Gregorson (1900, 1902, 2005) The Gaelic Otherworld. Ed. Ronald Black. Edinburgh, Birlinn Ltd. ISBN 1-84158-207-7 p.345
  4. Danaher, Kevin (1972) The Year in Ireland: Irish Calendar Customs Dublin, Mercier. ISBN 1-85635-093-2 pp.86-127
  5. Healy, Elizabeth (2002) In Search of Ireland's Holy Wells. Dublin, Wolfhound Press ISBN 0-86327-865-5 pp. 56-7, 69, 81

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estripo