Estado de agregación da materia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este diagrama mostra a nomenclatura das diferentes transicións de fase.

Os estados da materia son as diferentes fases polas que a materia pasa segundo as condicións do medio no que se atope. Esta distinción faise baseándose nas diferentes propiedades que adopta. Deste xeito, existen tres estados principais: sólido, líquido e gasoso. Non obstante, máis recentemente fíxose unha clasificación máis detallada onde entraba tamén o estado plasmático, un gas altamente ionizado que existe a altas temperaturas; as forzas intermoleculares creadas polas atraccións e repulsións iónicas confírenlle unha composición con propiedades diferenciadas, razón pola cal o plasma se considera o cuarto estado da materia.

Os tres estados[editar | editar a fonte]

Sólido[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sólido.

Neste estado, as partículas están todas moi pegadas as unhas ás outras. As forzas entre elas son fortes, polo que non se poden mover libremente, aínda que si poden vibrar. Como resultado, un sólido ten unha forma estable e definida, así coma un volume invariable; a súa forma só podería variar en caso dunha rotura ou corte producido por unha forza allea. Os sólidos, ao atinxiren o seu punto de fusión, pódense transformar en líquidos por medio da fusión, e estes últimos en sólidos a través da conxelación.

Líquido[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Líquido.

Nos líquidos, as partículas atópanse máis separadas ca nos sólidos, deixándoas máis libres e formando unha estrutura móbil, e permitindo que a súa forma de adapte ao recipiente onde están contidas. Ademais, o volume dos líquidos só é invariable cando a temperatura e mais a presión son constantes. Cando se quenta un sólido por riba do seu punto de ebulición, este convértese en líquido. A temperatura máxima ata a que un líquido pode existir é a súa temperatura crítica.

Gasoso[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Gas.

Ao falarmos de gases, cómpre salientar que estes teñen enerxía cinética, o que fai que o efecto das forzas intermoleculares sexa pequeno (ou mesmo cero para un gas ideal), dado que as moléculas están lonxe unhas das outras. Os gases non posúen nin forma nin volume fixo, amoldándose e ocupando todo o espazo do que dispoñen segundo o contedor no que estean confinados. Un líquido pasa a gas ao se quentar a presión constante ata o seu punto de ebulición, ou ben mediante a redución da presión a temperatura constante.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]