Erich Fromm

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Erich Fromm, nado en Frankfurt o 23 de marzo de 1900 e finado en Muralto (Tesino) o 18 de marzo de 1980, foi un destacado psicólogo, psicanalista e humanista alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Frankfurt (Alemaña). O seu pai era un home de negocios e, segundo Erich, máis ben colérico e con bastantes cambios de humor. A súa nai estaba deprimida frecuentemente. Noutras palabras: a súa infancia non foi moi feliz.

Fromm proviña dunha familia moi relixiosa de xudeus ortodoxos, e definiuse a si mesmo como un "místico ateo". Na súa autobiografía fala de dous acontecementos ocorridos na súa adolescencia temperá que o conduciron a este camiño. O primeiro ten que ver cun amigo da familia, e o segundo foi máis forte: a Primeira Guerra Mundial. Estes feitos fixeron que quixera comprender algo irracional, e atopou algunhas respostas nos escritos de Marx.

Recibiu o seu doutorado en Heidelberg no 1922 e comezou a súa carreira como psicoterapeuta. Marchou aos EEUU no 1934, establecéndose na cidade de Nova York, onde coñecería a moitos dos grandes pensadores refuxiados alí, incluíndo a Karen Horney, coa que tivo un romance.

Cara a fin da súa carreira, mudouse á cidade de México para dedicarse ao ensino. Xa fixera un considerábel traballo de investigación sobre as relacións entre a clase económica e os tipos de personalidade de alí. Morreu en Suíza no 1980.

Pensamento[editar | editar a fonte]

A teoría de Fromm é máis ben unha combinación de Freud e Marx. Por suposto, Freud destacou sobre o inconsciente, os impulsos biolóxicos, a represión e demais. Fromm engadiu a estes dous sistemas deterministas algo bastante estraño a eles: a idea de liberdade.

Son particularmente importantes dous libros para coñecer o pensamento do sabio alemán, o primeiro é O medo á liberdade e o segundo O corazón do home. Neles maniféstase en desacordo coa súa pertenza a unha nova "escola" de psicanálise, para rematar dicindo que propón unha estrutura filosófica de referencia distinta, a do "Humanismo dialéctico".

Fromm di no prefacio de O corazón do home que O medo á liberdade foi froito da súa experiencia clínica e da especulación teórica para entender tanto á liberdade como á agresión e o instinto destrutor. O pensador distingue entre a agresión ao servizo da vida, biofilia, e a necrofilia ou agresión ao servizo da morte.

Nun libro publicado con anterioridade, A arte de amar, Fromm analizou a capacidade de amar e, pola contra, O corazón do home ten como fundamento a caracterización e enunciación de dous síndromes, o de crecemento (amor á vida, á independencia e á superación do narcisismo) e o de decadencia (amor á morte, á simbiose incestuosa e ao narcisismo maligno).

Para Fromm, a Guerra Fría é o reflexo da Síndrome de Decadencia. O que o impulsa a pensar isto é o feito de que, a pesar do enorme risco de morte, segue presente e imponse entre os gobernos das superpotencias o odio, inspirado no narcisismo maligno, suicida,...

O autor móstrase interesado na afirmación de Hobbes de que "o home é un lobo para o home". Pero, ao mesmo tempo, destaca a inclinación dos homes cara ao autosacrificio. Respecto desta condición dual, formúlase a pregunta de se o home é lobo ou cordeiro de si mesmo. Na procura dunha resposta recorreu ao Novo Testamento, concluíndo finalmente en que este libro reflicte ambas condicións. Isto lévao á conclusión de que o home é lobo e cordeiro á vez.

Sen embargo, non todos os homes desenvolveron ambas condicións; na inmensa maioría predomina o cordeiro, e unha minoría está dominada polo lobo.

A síntese concreta á que chega Fromm é que o que move ao home a destruír e a odiar é o feito do goce que lles provoca facelo.

Contrapoñéndose a isto atópase o Síndrome de Crecemento; o amor á vida (en oposición ao amor á morte), o amor ao home (oposto ao narcisismo) e o amor á independencia (como oposición á fixación simbiótico-incestuosa).

Outro punto importante do autor é que animaba a transcender os determinismos que Freud e Marx lles atribuían. De feito, Fromm fai da liberdade a característica central da natureza humana.

Segundo Fromm, existen exemplos onde o determinismo opera en exclusividade. Un exemplo de determinismo case puro sería o da bioloxía animal. Un bo exemplo de determinismo socio-económico é a sociedade tradicional da Idade Media. Na actualidade, miramos a vida da Idade Media ou vemos a vida coma un animal e só nos encollemos do medo. Pero a verdade é que a falta de liberdade representada polo determinismo social ou biolóxico é fácil: a túa vida ten unha estrutura, un significado; non hai dúbidas, non hai motivo para a busca dunha alma; simplemente nos adaptamos e nunca sufrimos unha crise de identidade.

Historicamente falando, esta simple pero dura vida comeza a perfilarse xa no Renacemento; onde as persoas comezan a considerar á humanidade como o centro do universo, en vez de Deus. Deste xeito, e tras case 500 anos, a idea do individuo, con pensamentos, sentimentos, consciencia moral, liberdade e responsabilidade individuais, estableceuse. Pero xunto á individualidade veu o illamento, a alienación e a perplexidade. A liberdade é algo difícil de lograr e cando a temos inclinámonos a fuxir dela.

Fromm describe tres vías a través das que escapamos da liberdade:

  • Autoritarismo: Buscamos evitar a liberdade ao fusionarnos con outros, volvéndonos parte dun sistema autoritario como na sociedade da Idade Media. Hai dous xeitos de acercarse a esta postura: someténdose ao poder dos outros, volvéndose pasivo e compracente; ou converténdoos un mesmo en autoritario. Fromm refírese á versión máis extrema do autoritarismo como masoquismo e sadismo, e sinálanos que ambos se senten compelidos a asumir o rol de forma individual; de xeito que, aínda que o sádico con todo o seu aparente poder sobre o masoquista, non é libre de escoller as súas accións.
  • Destrutividade: os autoritarios viven unha dolorosa existencia, en certo sentido, eliminándose a si mesmos. Fromm engade que se o desexo de destrución dunha persoa se ve bloqueado, entón pódeo redirixir cara dentro de si mesmo. O xeito máis obvio de auto destrutividade é o suicidio.
  • Conformidade autómata: os autoritarios escapan da súa propia persecución a través dunha xerarquía autoritaria. Pero a nosa sociedade resalta a igualdade. Hai menos xerarquía na que esconderse do que parece. A persoa que usa a conformidade autómata é coma un camaleón social: asume a cor do seu ambiente. Xa que se ve como o resto dos demais, xa non se ten que sentir so. Dende logo non estará so, pero tampouco será el mesmo. O conformista autómata experimenta unha división entre os sentimentos xenuínos e os disfraces que lle presenta ao mundo, moi similar á liña teórica de Horney. De feito, dado que a "verdadeira natureza" da humanidade é a liberdade, calquera destes escapes da mesma nos aliena de nós mesmos.

Obra[editar | editar a fonte]

  • ¿Poderá sobrevivir o home?
  • Do ter ao ser.
  • O amor á vida.
  • A arte de amar.
  • A arte de escoitar.
  • O dogma de cristo.
  • O humanismo como utopía real.
  • The Fear of Freedom (O medo á liberdade).
  • Espírito e sociedade.
  • Ética e política.
  • A atracción da vida.
  • A condición humana actual.
  • A crise da psicanálise.
  • A patoloxía da normalidade.
  • O inconsciente social.
  • Sobre a desobediencia.
  • You Shall Be as Gods (Seredes como deuses).
  • Anatomía da destrutividade humana.
  • Budismo zen e psicanálise.
  • O corazón do home: a súa potencia para o ben e para o mal .
  • Ética e psicanálise.
  • Grandeza e limitacións do pensamento de Freud.
  • A misión de Sigmund Freud: a súa personalidade e influencia.
  • A revolución da esperanza: cara unha tecnoloxía humanizada.
  • A sociedade industrial contemporánea.
  • Marx e o seu concepto do home.
  • Psicanálise da sociedade contemporánea: cara unha sociedade san.
  • Sociopsicanálise do campesiño mexicano: estudo da economía e a psicoloxía dunha comunidade rural.
  • A linguaxe esquecida.
  • Psicanálise e Relixión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]