Don Juan (personaxe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Don Juan desenvainando a espada na ópera Don Giovanni de Mozart; cadro de Max Slevogt: Francisco d'Andrade como Don Giovanni, 1912.

Don Juan é un personaxe arquetípico literario creado por Tirso de Molina, configurado na literatura española e con longa descendencia na literaria europea.

Características[editar | editar a fonte]

Tamén chamado burlador ou libertino, trátase dun sedutor valente e afoutado até a temeridade que non respecta lei algunha, nin divina nin humana. Nalgunhas obras arrepíntese ao final dos seus días, pero noutras non. O personaxe podería ter raíces históricas, e enlazar con Miguel de Mañara, un gran pecador arrepentido. Deu pé á aparición do personaxe Giacomo Casanova, da literatura italiana.

Ten a súa orixe na obra El burlador de Sevilla y convidado de piedra, de Tirso de Molina (1630). Con todo, hai autores que defenden que esta obra é unha refundición doutra, coñecida como Tan largo me lo fiáis, atribuída a Andrés de Claramonte. En calquera caso, hai no teatro do Século de Ouro e anterior da literatura en castelán certos antecedentes do tipo do sedutor falabarato, e nos romances, do tema do convidado de pedra, que desprecia os mortos e acepta temerariamente a invitación dun deles.

O personaxe e a súa actitud vital, denominada xenericamente donxoanismo, inspirou a numerosos ensaístas como Ramón Pérez de Ayala, Víctor Said Armesto, Arturo Farinelli, Ramiro de Maeztu, Américo Castro ou Ortega y Gasset, que ven na figura do sedutor desde un inmaduro patolóxico e afeminado (próximo ao narcisismo e á homosexualidade, segudo Gregorio Marañón), a unha figura satánica e rebelde tipicamente romántica, ou o arquetipo universal do sedutor insatisfeito.

Existencia real[editar | editar a fonte]

Desde o século XVII deuse crédito á idea de que Don Juan Tenorio existiu realmente e que foi un cabaleiro malagueño. Tal idea foi recollida polo hispanista Louis Viardot no século XIX[1], e posteriormente por Gregorio Marañón, que recolle a existencia dos Tenorio e da calidade de sedutor dalgún deles, pois un tal Cristóbal Tenorio tivo amoríos coa filla de Lope de Vega e incluso se batiu con el, feríndoo.

Especulouse que a razón da elección de tal apelido por Tirso de Molina puido ser pola similitude co verbo castelán tener (que induce a relacionalo co feito da posesión) e co substantivo tenor (que o relaciona coa voz masculina)[2].

Na súa obra Don Juan, Torrente Ballester emparéntao coa familia nobre procedente de Tenorio e descendente de Alonso Jofre Tenorio, a quen o rei Afonso X concedeu terras en Sevilla trala reconquista castelá.

Obras inspiradas no personaxe[editar | editar a fonte]

Outros autores foron Azorín, Christian Grabbe, Alexandre Dumas, Carlo Goldoni, Edmond Rostand e, máis recentemente, Max Frisch. En España foi tradición representar a obra de Antonio de Zamora (e despois a de Zorrilla), na festividade de Todos os Santos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Études sur l’histoire des institutions, de la littérature, du théâtre et de beaux arts en Espagne (1835)
  2. Marcela Aniela: "El viaje de Don Juan a través de los siglos" Universitatea Piteşti.

Bibliografía[editar | editar a fonte]