Dolores Ibárruri
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Dolores Ibárruri Gómez, máis coñecida como "A Pasionaria", foi unha dirixente comunista española nada en Gallarta (Biscaia) o 9 de decembro de 1895 no seo dunha familia de mineiros.
Seu pai, Antonio Ibárruri era un vello militante carlista e súa nai Dolores Gómez era de orixe castelá. Durante a súa infancia e primeira mocidade Dolores era extremadamente relixiosa, estudou corte e confección e traballou como sirventa nunha familia acomodada. O 15 de febreiro de 1916 casou co tamén mineiro e activista obreiro Julián Ruiz e, dous anos máis tarde, participou na folga xeral de agosto na cal foi detido seu home, co que segundo contou ela posteriormente nunca foi feliz, quedou soa coa súa filla Esther de poucos meses, ademais de ingresar no Partido Socialista Obrero Español (PSOE) como membro da agrupación da zona mineira de Somorrostro (Biscaia). En 1918 utilizou por vez primeira o pseudónimo La Pasionaria nun artigo titulado Hipocresia religiosa publicado por "El Minero Vizcaíno" que se publicou durante a Semana de Paixón.
Cando en abril de 1920 xurdiu o embrión do que nacería o Partido Comunista de España (PCE), a agrupación de Somorrostro incorporouse a el, e con ela a propia Ibárruri, impresionados polo triunfo da Revolución Bolxevique. Asistiu, como delegada pola provincia de Biscaia, ao I Congreso do PCE, celebrado en 1922, e pasou a integrar o Comité Central do partido en 1930. En setembro de 1931, pouco despois da instauración da II República, fixou a súa residencia en Madrid e formou parte da redacción do órgano de prensa do PCE, "Mundo Obrero". Despois de ser encarcerada pola súa actividade política dende outubro de 1931 ata xaneiro de 1932, participou en marzo no congreso do partido en Sevilla, pero despois foi outra vez prendida ata xaneiro de 1933. Un ano despois, en 1934 acudiu a Moscova para participar nunha reunión da III Internacional (a chamada Internacional Comunista). A esta cidade regresaría un ano máis tarde para intervir no VII Congreso de dito organismo, que a elixiu membro suplente do seu Comité Executivo. Este Congreso propugnou a colaboración entre os partidos obreiros e as formacións políticas burguesas de esquerdas, o que facilitou a creación da Fronte Popular española en xaneiro de 1936. De feito a Pasionaria, nas eleccións de 1936, presentouse como candidata desta coalición electoral, saíndo elixida deputada grazas ao triunfo da dita coalición nas eleccións.
Durante a Guerra Civil, que comezou en xullo de 1936, foi unha importante propagandista, chegando a percorrer a fronte divulgando consignas tan célebres como a de "¡No pasarán!"[1] e "antes morir de pie que vivir de rodillas"[2] que a converteron nunha personaxe moi popular entre os defensores do réxime republicano e na principal e carismática portavoz do seu partido. En marzo de 1939, tras o golpe de estado do coronel Segismundo Casado, que destituíu a José Negrín, o que por aquel entón era presidente da II República española, Dolores Ibárruri comezou o seu longo exilio na URSS. Nese país sucedeu a José Díaz como secretaria xeral do PCE en 1942, e en 1960 foi substituída á súa vez nese cargo por Santiago Carrillo para pasar a converterse na presidenta do partido. Coa morte de Francisco Franco regresou a España en maio de 1977 e, un mes máis tarde, foi elixida deputada ao Congreso para formar parte das Cortes Constituíntes, a primeira sesión das cales presidiu. É autora de memorias e de obras sobre a historia da Guerra Civil e do partido comunista español. Faleceu en Madrid o 12 de novembro de 1989.
Dolores Ibárruri tivo seis fillos: Ester (1916-1919), Rubén (1921-1942), Amagoya, Azucena e Amaya (estas últimas trillizas nacidas en 1923, das que Amagoya morreu ao pouco de nacer e Azucena aos dous años) e Eva (1928 ; morreu aos tres meses). As súas memorias, El único camino, publicáronse en 1962.
[editar] Notas
- ↑ Frase orixinal de Petain en Verdún
- ↑ Frase orixinal de Emiliano Zapata

