Corvo mariño cristado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corvo mariño cristado
Corvo mariño cristado nunha rocha
Corvo mariño cristado nunha rocha
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Suliformes
Familia: Phalacrocoracidae
Xénero: 'Phalacrocorax'
Especie: ''P. aristotelis''
Nome binomial
''Phalacrocorax aristotelis''
(Linnaeus, 1761)

O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña presente nas costas rochosas do oeste e sur de Europa, no sudoeste de Asia e no norte de África. Normalmente é unha especie sedentaria nas súas zonas de cría, aínda que os exemplares norteños son migratorios. O corvo mariño cristado é a principal e máis estendida especie europea da familia Suliformes.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É unha ave de tamaño medio-grande, que acada de media uns 68-78 cm de longo e 95-110 cm de envergadura. Ten un pescozo longo e unha gorxa mareal. Os adultos mostran una pequena crista ou moño durante a época de apareamento, á que lle deben o nome. Distínguese do corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) polo seu tamaño inferior, pola súa complexión máis lixeira, e sobre todo, nos adultos, pola súa crista e o relumbro verdoso da plumaxe. O seu peteiro e máis estreito e os exemplares xuvenís amosan un ventre máis escuro. A cauda do corvo mariño cristado ten 12 plumas e a do corvo mariño grande 14. En ocasións tamén é nomeado como "corvo mariño verde" ou "corvo mariño común".

Subespecies[editar | editar a fonte]

Existen tres subespecies:

  • Phalacrocorax aristotelis aristotelis - noroeste de Europa Atlántica, Galicia[1]
  • Phalacrocorax aristotelis desmarestii - sur de Europa, suroeste de Asia
  • Phalacrocorax aristotelis riggenbachi - noroeste de África

As subespecies distínguense lixeiramente no tamaño e a cor dos exemplares novos. Evidencias recentes suxiren que os exemplares da costa atlántica do sudoeste de Europa son distintos das outras tres subespecies, e poderían constituír unha subespecie nova (Yésou et al., Brit. Birds 98: 369-370, 2005).

Comportamento[editar | editar a fonte]

Aliméntase de peixe no mar e non acostuma voar cara o interior das costas nas que habita.

O corvo mariño cristado é un dos mellores mergulladores da familia Phalacrocoracidae, chegando ata profundidades de 45 m durante 20-45 segundos, cun espazo de descanso dun mínimo de 15 segundos. Aliméntase de especies piscícolas moi variadas, pero sobre todo de sardiñas e bocarte. A miúdo recorren moitos quilómetros de costa dende a súa zona de aniñada para alimentarse.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Corvo mariño cos pitos
Corvos mariños no Grove

Aniña en pequenos abrigos rochosos ou en fendeduras ou en pequenas covas na costa. Os niños consisten en fachos descoidados de algas mariñas e herbas unidos polo seu propio esterco. A estación de aniñada é longa, comezando a finais de febreiro, aínda que algúns individuos non comezan ata maio e incluso despois. Chocan normalmente tres ovos. Os pitos nacen desprovistos de plumaxe e durante os primeiros días dependen completamente dos adultos para quentarse. Non saen do niño durante dous meses e comezan a voar en torno a primeiros de xuño ata finais de agosto, e excepcionalmente máis tarde.

Distribución[editar | editar a fonte]

As principais zonas de aniñada do corvo mariño cristado atópanse nas Illas Farne (Inglaterra), Fowlsheugh (Escocia), Runde (Noruega) e Galicia.

Distribución en Galicia[editar | editar a fonte]

O corvo mariño cristado aniña ao longo de toda a costa, mais as súas principais colonias atópanse no Parque nacional das Illas Atlánticas onde se atopa a maior colonia europea.[2] O primeiro censo da especie data de 1976, cando se citou unha poboación de 539-555 parellas, en 1994 a poboación medrara ata as 1.932-1.939 parellas[3] chegando a un máximo de 2.500 parellas entre os anos 2000-03[4] (debido sobre todo á protección dos enclaves de cría, a erradicación do consumo humano de pitos e ovos, e á prohibición da caza[5]). A partir desa data, mentras o resto das poboacións galegas medraban notablemente, as principais colonias de Cíes e Ons sufriron un descenso maior ao 40%, pasándose entón a 1.266 en 2007, o que representa unha taxa de crecemento negativa do -33% na poboación galega.[6] Entre as causas da diminución da poboación, atópanse a mortalidade accidental directa producida por mor do afundimento do Prestige, as capturas accidentais producidas polos trasmallos e a presión que exercen sobre as colonias especies invasoras.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MARTÍN, Ignacio (coord.) et al., Aves nidificantes de España. Ediciones Jaguar, S.A., 2004. ISBN 84-95537-80-X.
  2. Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) Medioambiente.xunta.es, Consultada o 25/07/09
  3. The status of the European Shag Phalacrocorax Aristotelis population on the Atlantic Coast of the Iberian peninsula Webs.uvigo.es, Consultado o 25/07/09
  4. Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. 2003. pp. 50. ISBN 84-96128-69-5. 
  5. Cormorán Moñudo Phalacrocorax aristotelis mma.es, Consultada o 25/07/09
  6. Web adicada ó estudo e a divulgación de información sobre o Cormorán Moñudo na Península Ibérica Consultado o 25/07/09
  7. No ano 2009 detectáronse os primeiros casos de depredación por visóns americanos.