Cebú (boi)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cebú
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Xénero: Bos
Especie: Bos taurus
Subespecie: B. t. indicus
Nome trinomial
Bos taurus indicus
Linnaeus, 1758 [1]
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Bos namadicus Falconer, 1859
  • Bos indicus Linnaeus, 1758

O cebú[2], Bos taurus indicus (ás veces denominado Bos primigenius indicus), é unha subespecie de bovino doméstico orixinaria de Asia.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

No pasado discutiuse moito a identidade deste animal, chegando a ser considerado como unha especie independente (Bos indicus), así como a súa orixe. Tras suxerirse a súa descendencia d gauro (Bos gaurus) e do banteng (Bos javanicus), demostrouse hoxe en día que o cebú é en realidade un descendente da subespecie de uro que habitaba antigamente na India, Bos primigenius namadicus, e que foi domesticada contra 8000 a. C. En consecuencia, o cebú pertence á mesma especie Bos primigenius que calquera das outras subespecies e razas de gando vacún que existen, aínda que seguen sen descartarse posíbeis cruzamentos no pasado coas outras dúas especies de bois salvaxes asiáticos citadas.

Características[editar | editar a fonte]

Os cebús caracterízanse pola presenza de cornos normalmente curtos, orellas caídas, xiba pronunciada sobre os ombros e ampla papada. A pelaxe é curto e de cor clara, frecuentemente branca, e uniforme, aínda que nalgúns individuos pode estar salpicada de manchas pequenas escuras.

Utilidade[editar | editar a fonte]

Cebús usados como animais de tiro na India.
Semental de cebú da raza nelore no Brasil.

A súa utilidade como animal doméstico está fóra de dúbida, pois podemos dicir que serve para case todo. Utilízase como animal de carga e tiro, tanto nos carros como nos arados. E tamén se aproveita o seu leite, a pel e a carne, aínda que esta só é consumida polos practicantes do hinduísmo cando o animal morreu previamente de vello.

A grande utilidade deste animal desde hai tanto tempo acabou por convertelo na tradición brahmánica nunha reencarnación da fertilidade da terra. Darlle a morte, ou o simple feito de molestalo por nada, é considerado un sacrilexio. Como consecuencia disto, a India é actualmente o país coa maior cabana bovina do mundo, e os cebús pasean con total tranquilidade incluso por rúas atestadas de tráfico.

Os cebús tamén están presentes no sur da China, Indochina, Malaisia, Indonesia e Filipinas, así como no Oriente Medio e na península Arábiga. A súa resistencia á calor e ás enfermidades tropicais fixeron que xa na época do Imperio Novo fora introducido en Exipto, e posteriormente en toda a África oriental e en Madagascar.

Durante os séculos XIX e XX leváronse exemplares a Australia, os Estados Unidos e América Latina, en especial ao Brasil, Colombia e Centroamérica onde se cruzou coas razas locais.

En 2011 no Brasil descifrouse o xenoma da subespecie Bos taurus indicus coa finalidade de mellorar a calidade da súa carne, que representa a maior parte das exportacións deste tipo do país.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Bos taurus indicus Linnaeus, 1758 en SIIT (en inglés)
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cebú.
  3. "Investigación liderada por Brasil descifra el genoma del cebú" (en Español urlmorta=si). Xinhua. 11 de agosto de 2011. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2 de setembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]