Catedral de Burgos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
Catedral de Burgos
Burgos Cathedral 01.jpg
Fachada da catedral.
Flag of UNESCO.svg Información Flag of UNESCO.svg
Inscrición: 1984
País: España España
Localización: Burgos
42°20′24.72″N 3°42′14.436″W / 42.3402000°N 3.70401000°W / 42.3402000; -3.70401000Coordenadas: 42°20′24.72″N 3°42′14.436″W / 42.3402000°N 3.70401000°W / 42.3402000; -3.70401000
Rexión: Europa e América do Norte
Tipo: Cultural
Criterios: ii, iv, vi
Descrición UNESCO: fr en

A Catedral de Santa María de Burgos é un templo católico dedicado á Virxe María situado na cidade española de Burgos. O seu nome oficial é Santa Igrexa Catedral Basílica Metropolitana de Santa María de Burgos.

Características[editar | editar a fonte]

A súa construción comezou en 1221, seguindo patróns góticos franceses. Tivo importantes modificacións nos séculos XV e XVI: as agullas da fachada principal, a Capela do Condestable e o ciborio do cruceiro, elementos do gótico avanzado que dotan ao templo do seu perfil inconfundible. As últimas obras de importancia (a Sancristía ou a Capela de Santa Trega) pertencen xa ao século XVIII, século no que tamén se modificaron as portadas góticas da fachada principal. O estilo da catedral é o gótico, aínda que posúe, no seu interior, varios elementos decorativos renacentistas e barrocos. A construción e as remodelacións realizáronse con pedra calcaria extraída das canteiras da próxima localidade burgalesa de Hontoria de la Cantera.

Na catedral consérvanse obras de artistas extraordinarios, como os arquitectos e escultores da familia Colonia (Juan, Simón e Francisco), o arquitecto Juan de Vallejo, os escultores Gil de Siloé, Felipe Vigarny, Rodrigo de la Haya, Martín de la Haya, Juan de Ancheta e Juan Pascual de Mena, o escultor e arquitecto Diego de Siloé, o reixeiro Cristóbal de Andino, o vidreiro Arnao de Flandes ou os pintores Alonso de Sedano, Mateo Cerezo, Sebastiano del Piombo ou Juan Ricci, entre outros moitos.

O deseño da fachada principal está relacionada co máis puro estilo gótico francés das grandes catedrais de París e Reims, mentres que o alzado interior toma como referencia á Catedral de Bourges. Consta de tres corpos rematados por dúas torres laterais de planta cadrada. As agullas de influencia xermánica engadíronse no século XV e son obra de Juan de Colonia. No exterior son sobresaíntes tamén as portadas do Sarmental e a Coronería, góticas do século XIII, e a portada da Pellejería, con influencias renacentistas-platerescas do século XVI.

Numerosos son os tesouros arquitectónicos, escultóricos e pictóricos do seu interior. Destacan:

  • O ciborio gótico-plateresco, alzado primeiro por Juan de Colonia no século XV e reconstruído por Juan de Vallejo no XVI.
  • A Capela do Condestable, de estilo gótico isabelino, na que traballaron a familia Colonia, Diego de Siloé e Felipe Bigarny.
  • O retablo gótico hispano-flamenco de Gil de Siloé para a Capela de Santa Ana.
  • O cadeirado do coro, obra renacentista plateresca de Vigarny.
  • Os relevos tardogóticos do deambulatorio, de Vigarny.
  • Os numerosos sepulcros góticos e renacentistas.
  • A renacentista Escaleira Dourada, de Diego de Siloé.
  • O Santísimo Cristo de Burgos, imaxe de gran tradición devocional.
  • A tumba do Cid e a súa esposa Jimena Díaz, a súa carta de arras e o seu cofre.
  • O Papamoscas, estatua articulada que abre a boca ao dar as badaladas das horas.

A catedral burgalesa foi declarada Monumento Nacional o 8 de abril de 1885 e Patrimonio da Humanidade pola Unesco o 31 de outubro de 1984. É a única catedral española que ten esta distinción da Unesco de forma independente, sen estar unida ao centro histórico dunha cidade (como ocorre nos casos de Salamanca, Santiago de Compostela, Ávila, Córdoba, Toledo ou Cuenca) ou en compañía doutros edificios, como en Sevilla. É ademais o templo católico de maior rango en Castela e León ao tratarse do único templo que sendo catedral metropolitana é á vez unha basílica.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Catedral de Burgos