Catedral de Sevilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Sevilla
Vista traseira da catedral
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísEspaña España
Localización37°23′9″N 5°59′35″O / 37.38583, -5.99306Coordenadas: 37°23′9″N 5°59′35″O / 37.38583, -5.99306
TipoCultural
CriteriosI, II, III, VI
Inscrición1987
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador383

A Catedral de Santa María de la Sede de Sevilla é a catedral gótica cristiá con maior superficie do mundo. A Unesco declarouna en 1987, xunto ao Real Alcázar e o Arquivo de Indias, Patrimonio da Humanidade e, o 25 de xullo de 2010, Ben de Valor Universal Excepcional. Segundo a tradición, a construción iniciouse en 1401, aínda que non existe constancia documental do comezo dos traballos ata 1433. A edificación realizouse no soar que quedou tras a demolición da antiga Mesquita Aljama de Sevilla.[1]

No ano 2008, a investigadora da Universidade de Cantabria Begoña Alonso Ruiz atopou o plano máis antigo que se coñece da Catedral de Sevilla no Mosteiro de Bidaurreta de Oñate (Guipúscoa), o cal foi realizado ao redor de 1490. Este plano, unha vez estudado, achegou importantes datos sobre a construción do edificio.[2]

A Giralda

Un dos primeiros mestres de obras foi Maese Carlín (Charles Galter), procedente de Normandía (Francia), que traballara previamente noutras grandes catedrais góticas europeas e chegou a España segundo crese fuxindo da Guerra dos Cen Anos. O 10 de outubro de 1506 procedeuse á colocación da derradeira pedra na parte máis alta do cimborio, co que simbolicamente a catedral quedou finalizada, aínda que en realidade seguiron efectuándose traballos de forma ininterrompida ao longo dos séculos, tanto para a decoración interior, como para engadir novas dependencias ou consolidar e restaurar os danos ocasionados polo paso do tempo, ou circunstancias extraordinarias, entre as que cabe destacar o terremoto de Lisboa de 1755 que produciu unicamente danos menores a pesar da súa intensidade. Nestas obras interviñeron os arquitectos Diego de Riaño, Martín de Gainza e Asensio de Maeda. Tamén nesta etapa Hernán Ruiz edificou o último corpo da Giralda. A catedral e as súas dependencias quedaron terminadas en 1593.

O Cabido Metropolitano mantén a liturxia diaria e a celebración das festividades do Corpus, a Inmaculada e a Virxe dos Reis. Este último día, 15 de agosto, é tamén a festa titular do templo, Santa María da Asunción ou da Sede, e celébrase con solemne procesión de terza e pontifical.

Bóveda do cruceiro

Neste templo atópase o corpo do famoso navegante Cristovo Colón e o do Rei Fernando III de Castela (1199-1252), canonizado en 1671 como San Fernando, sendo papa Clemente X.

A última obra de importancia realizada tivo lugar no ano 2008 e consistiu na substitución de 576 perpiaños que conformaban un dos grandiosos alicerces que sustentan o templo, por novos bloques de pedra de características similares pero con moita maior resistencia. Este difícil traballo foi posible grazas ao emprego de novos sistemas tecnolóxicos que demostraron que o edificio sufría diariamente unhas oscilacións de 2 cm como consecuencia da dilatación dos seus materiais.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aula Hernán Ruiz (2010). fidas.es, ed. "A montaña oca". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2011. Consultado o 1 de outubro de 2010. 
  2. ABC de Sevilla (24 de abril de 2009). abcdesevilla.es, ed. "Os deseñadores orixinais da Catedral pensaron en derruir a Giralda". Consultado o 24 de abril de 2009. 
  3. Gómez Palas, José (29 de setembro de 2009). "A Catedral móvese ao día ata 2 centímetros". Diario de Sevilla. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2011. Consultado o 1 de setembro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]