Catedral de Notre-Dame de París

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Catedral Notre Dame de París")

Coordenadas: 48°51′11″N 02°20′59″E / 48.85306°N 2.34972°E / 48.85306; 2.34972

Entrada principal na fachada a occidente.

A Notre-Dame de París, coñecida como Notre-Dame, é a catedral da arquidiócese católica de París. Notre-Dame de París non é a meirande das catedrais francesas, mais é, sen dúbida unha das máis importantes da arquitectura dese país. Esta obra mestra, un dos símbolos da capital francesa, sitúase no extremo leste da Île de la Cité (Illa da Cidade), centro histórico da capital, á beira do Sena. A súa fachada occidental domina a praza de Notre-Dame, rebautizada Praza de Xoán Paulo II. Unha placa de bronce incrustada no chan serve de punto cero a tódalas distancias das estradas que saen de París.

É unha das máis antigas catedrais francesas de estilo gótico. A súa construción iniciouse no ano 1163, e está dedicada a María, Nai de Xesús Cristo (daí o nome de Notre-Dame – Nosa Señora).

Proceso de construción[editar | editar a fonte]

O local da catedral contaba xa, antes da construción do edificio, cun sólido historial relativo ó culto relixioso. Os celtas celebraran aquí as súas cerimonias onde, máis tarde, os romanos erixirían un templo de devoción ao deus Xúpiter. Tamén neste local existiu a primeira igrexa cristiá en París, a Basílica de Saint-Etienne, proxectada por Childeberto I ao redor do 528. En substitución desta obra xorde unha igrexa románica que permanecerá ata 1163, cando se dá o impulso na construción da catedral.

DSC00733 Notre Dame Paris from east.jpg

Xa en 1160, e en resultado do ascenso centralizador de París, o Bispo Maurice de Sully considera a presente igrexa pouco digna dos novos valores e mándaa demoler. O gótico inicial, coas súas innovacións técnicas que permiten formas ata entón imposibles, é a resposta á demanda dun novo concepto de prestixio no dominio citadino. Durante o reinado de Luís VII, e baixo o seu apoio, este proxecto é bendicido financieiramente por todas as clases sociais con interese na creación do símbolo do seu novo poder. Así, e tendo en conta a grandeza do proxecto, o programa seguiu velozmente e sen interrupcións que puidesen ocorrer por falta de medios económicos (algo común, na época, en construcións de grande envergadura).

A construción iníciase en 1163 reflectindo algúns trazos condutores da abadía de Saint Denis, subsistindo aínda dúbidas en canto á identidade de quen "colocaría" a primeira pedra, o Bispo Maurice de Sully ou o Papa Alexandre III. Ao longo do proceso (a construción, incluíndo modificacións, durou ata mediados do século XIV) foron varios os arquitectos que participaron no proxecto, esclarecendo este factor as diferenzas estilísticas presentes no edificio.

En 1182 o coro xa prestaba servizos relixiosos e, durante a transición entre os séculos, está a nave terminada. Ó comezo do século XIII arrincan as obras da fachada oeste coas súas dúas torres, estendéndose a mediados do mesmo século. Os brazos do transepto (de orientación norte-sur) son traballados de 1250 a 1267 con supervisión de Jean de Chelles e Pierre de Montreuil. Simultaneamente levántanse outras catedrais ó seu redor nun estilo máis avanzado dentro do gótico; a Catedral de Chartres, a Catedral de Reims e a Catedral de Amiens.

As turbulencias da Historia[editar | editar a fonte]

Vista de sudeste

A catedral foi, a finais do século XVII, durante o reinado de Luís XIV, escenario de alteracións substanciais principalmente na zona leste, na que túmulos e vidrieiras foron destruídas para substituír por elementos máis ó gusto do estilo artístico da época, o Barroco. En 1793, durante a Revolución francesa e baixo o culto á razón, máis elementos da catedral foron destruídos e moitos dos seus tesouros roubados, acabando o espazo en si por servir de almacén para alimentos.

Co florecer da época romántica, a catedral vese con outros ollos e a filosofía envórcase cara o pasado, enaltecendo e mistificando nunha aura poética e etérea a historia doutras épocas e a súa expresión artística. Baixo esta nova luz do pensamento iníciase un programa de restauración da catedral en 1844, liderado polos arquitectos Eugène Viollet-lle-Duc e Jean-Baptiste-Antoine Lassus, que se estendeu por vinte e tres anos.

En 1871, co curto ascenso da Comuna de París, a catedral vólvese novamente telón de fondo ás turbulencias sociais, durante as que se cre ser case incendiada. En 1965, como consecuencia de excavacións para a construción dun aparcamento subterráneo na praza da catedral, foron descubertas catacumbas que revelaron ruínas romanas, da catedral merovinxia do século VI e de habitacións medievais. Xa máis próximo á actualidade, en 1991, foi iniciado outro proxecto de restauración e mantemento da catedral que, aínda que foi previsto para que durase dez anos, prolóngase ata a actualidade.

A literatura e a fama[editar | editar a fonte]

Durante o espírito do Romanticismo, Victor Hugo escribiu, en 1831, o romance A nosa Señora de París. Situando os acontecementos na catedral durante a Idade Media, a historia trata de Quasimodo, que se namora dunha xitana de nome Esmeralda. A ilustración poética do monumento abre portas a un novo desexo de coñecemento da arquitectura do pasado e, principalmente, da Catedral de Notre-Dame de París.

"E a catedral non era só a súa compañeira, era o universo; mellor dito, era a Natureza en si mesma. El nunca soñou que había outros setos que as vidrieras en continua floración; outra sombra que a do follaxe de pedra sempre en cernes, cheo de paxaros nos matorrais dos capiteis saxóns; outras montañas que as colosais torres da igrexa; ou outros océanos que París ruxindo baixo os seus pés."
Víctor Hugo, Notre-Dame de París, 1831


Momentos importantes na catedral[editar | editar a fonte]

Catedral[editar | editar a fonte]

Plano da catedral por Viollet-le-Duc

Existe aínda nesta catedral unha dualidade de influencias estilísticas: por unha banda, reminiscencias do románico normando, coa súa forte e compacta unidade, doutra banda, o xa innovador aproveitamento das evolucións arquitectónicas do gótico, que confiren ao edificio unha lixeireza e aparente facilidade na construción vertical e no soporte do peso da súa estrutura (sendo o esquelete de soporte estrutural visible só dende o exterior).

A planta está demarcada pola formación en cruz romana orientada a Occidente, de eixe lonxitudinal acentuado, e non é perceptible dende o exterior. A cruz está "incrustada" no edificio, envolvida por un dobre deambulatorio, que circula polo coro na cabeceira (ó leste) e prolóngase paralelamente á nave, dando lugar, así, a catro naves laterais.

A fachada occidental[editar | editar a fonte]

Diagrama explicativo das áreas da Fachada Oeste de Notre-Dame

Esta é a fachada principal e non só a de maior impacto e monumentalidade, tamén a de maior popularidade.

Pódese establecer unha afinidade na composición e trazos xerais coa fachada da Catedral de Saint-Denis, unha derivación da fachada do románico normando.

A fachada presenta un conxunto proporcional, unha orde de trazado coherente, de construción racional, reducindo os seus elementos ó esencial, non sendo, talvez por iso, influenciada por outros arquitectos contemporáneos do gótico. Aquí optouse por unha parede "plástica" que interconecta todos os seus elementos e pasa a integrar tamén a escultura en lugares predefinidos, evitando que medre espontánea e aleatoriamente como ocorría no románico.

A fachada presenta tres niveis horizontais e está dividida en tres zonas verticais polos contrafortes lixeiramente prominentes que unen en verticalidade os dous pisos inferiores e reforzan os picos das dúas torres.

As torres teñen 69 metros de altura. A torre sur contén a famosa campá Emmanuel. Pode visitarse, pasando pola galería das quimeras.

Nivel inferior[editar | editar a fonte]

Neste nivel son evidentes tres portais que surxen en épocas diferentes e que forman un conxunto que pasa a ser utilizado na arquitectura a partir de mediados do século XII.

  • Portal de Santa Ana

É o portal da direita e vén da época do inicio da construción da catedral.

  • Portal da Virxe

É o portal da esquerda e pertence ó século XIII, con iconografía referente a María.

  • Portal do Xuízo

É o portal central e o máis novo do conxunto.

Nivel intermedio[editar | editar a fonte]

Dominando o nivel intermedio atópase a roseta de 13 metros de diámetro no centro, encaixada entre os contrafortes e ladeada por xanelas xemelgas.

Nivel superior[editar | editar a fonte]

Aquí érguense as dúas torres de 69 metros de altura - influencia normanda do século XII que acabou por permanecer na arquitectura relixiosa europea.

A cabeceira[editar | editar a fonte]

Vista da cabeceira na zona leste

A estrutura de suporte de peso é visible dende o exterior ó ladear todo o edificio, mais na zona da cabeceira a elegancia destes elementos resulta nunha fluidez visual que só se torna posible despois de 1225, cando as capelas son acrecentadas ó exterior.

Nesta altura todo o esplendor técnico do gótico está ó alcance e os arcobotantes, que flúen da zona superior da parede do coro, onde a impulsión da bóveda para o exterior se concentra, prolónganse ata os contrafortes, transmitindo leveza e harmonía.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Catedral de Notre-Dame de París