Casa da Moeda de The Dalles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 45°35′54.35″N 121°10′36.18″O / 45.5984306, -121.1767167

Casa da Moeda de The Dalles
US Mint

Deseño orixinal da
Casa da Moeda de The Dalles
Ca. (1868).

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación1864 (autorización)
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
Localización The Dalles
Oregón
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Persoas claveWilliam Logan (1º director).
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Dalles foi un proxecto de fábrica de moeda estadounidense na localidade de The Dalles, en Oregón, chamada a ser unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1]

A construción do seu edificio iniciouse en 1869, aínda que non chegou a completarse e a Casa da Moeda non chegou a entrar en funcionamento.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1860 descubríronse veas de ouro en Idaho, o que, unido á Febre do Ouro do leste de Oregón, creou a necesidade de contar cunha casa de moeda no noroeste do Pacífico.[2][3] Malia as dificultades ocasionadas pola Guerra Civil que se estaba a desenvolver, en 1862 dirixíronse cara ás novas explitacións auríferas unhas 80.000 persoas. Como a ceca máis próxima era a Casa da Moeda de San Francisco, comezou a utilizrse o ouro en po como moeda nos intercambios comerciais na zona de The Dalles, xa que o envío do metal ata San Francisco para a súa fundición e a súa cuñaxe resultaba demasiado caro e perigoso. Esta situación xustificaba o establecemento dunha ceca nas proximidades.[1]

O senador por Oregón James W. Nesmith presentou xa en 1862 un proxecto de lei para a instalación dunha casa de moeda en Portland, que non tivo éxito. Mais o 4 de xullo de 1864, o Congreso si que deu o prace para o establecemento dunha nova rama da Casa da Moeda dos Estados Unidos en The Dalles (daquela coñecida como Dalles City), para a cuñaxe de moedas de ouro e de prata.[2] O ano seguinte, un novo proxecto de lei, novamente frustrado, intentou levar a Portland a instalación da nova ceca.[1]

O senador James Nesmith (1861-1867), que propuña o establecemento da casa da moeda en Portland

William Logan, un axente da Oficina de Asuntos Indíxenas, foi escollido como comisionado para a construción e a posta en marcha da nova casa de moeda e como primeiro director da institución, mais o seu falecemento no naufraxio do S. S. Brother Jonathan durante o seu traslado a The Dalles impediuno.[1]

Mary Laughlin doou o 6 de xullo de 1865 uns terreos para a construción da ceca, e neles comezou a erguerse o edificio, baixo a dirección de Harvey A. Hogue como novo superintendente. No entanto, o proxecto comezou a acumular sucesivos atrasos, paralelamente á diminución da Febre do Ouro e á apertura da liña de ferrocarril do Pacífico central. Esta situación motivou que a necesidade dunha nova ceca se fose esvaecendo antes mesmo de que se finalizasen as obras e se instalase a maquinaria de cuñaxe.[2][3][1][4]

En 1869 completáronse o soto e un dos andares, mais as obras cesaron en 1870. O ano seguinte, un incendio destruíu unha gran parte da cidade; o feito de que as obras da ceca estivesen no medio dun quinteiro fixo de cortalumes e impediu que o lume seguise estendéndose pola cidade. Finalmente, as obras abandonáronse definitivamente en 1873.[1]

En 1875, o Goberno federal entregoulle a estrutura inacabada do edificio ao Estado de Oregón, e logo pasou a mans privadas en 1889. Na década de 1940, o edificio foi utilizado pola Columbia Warehouse Company. Un novo incendio en 1943 deteriorou a construción, que logrou ser reparada en 1947. Posteriormente a propiedade pasou a Ralph's Transfer & Storage Co., ata que en 2007, logo dunhas importantes obras de remodelación por valor de 1,5 millóns de dólares, pasou a ser a sede da empresa Erin Glenn Winery .[1][5]

O edificio[editar | editar a fonte]

Trátase dun edificio de pedra cun soto e unha soa planta, de 11 metros de altura, con fiestras arqueadas e teito plano. A pedra foi extraída de Mill Creek e transportada ata alí en vagóns.[6] A súa superficie é de 15 m x 18 m e o diñeiro investido na súa construción foi de 105.000 dólares.[3]

Construíuse no centro dun quinteiro e os planos orixinais prevían que dispuxese de dúas plantas, de 27 m x 16 m. Posteriormente engadíuselle unha nova sección de formigón pola fachada norte.[1][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Zimmerman, B. (2009).
  2. 2,0 2,1 2,2 Bancroft, H. H. (1888). Páxina 724.
  3. 3,0 3,1 3,2 McKinley Corning, H. (1989). Páxina 167.
  4. Harte, B, (1872). Páxina 234.
  5. Oppenheimer, L. (2009).
  6. 6,0 6,1 "Bekins-Ralph's Transfer & Storage Co". State of Oregon Inventory of Historic Properties. Oregon State Parks.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]