Carboneras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Areal chamado Playa de los Muertos, no sur do concello

Carboneras é un concello español, situado ao sueste da provincia de Almería. No ano 2005 contaba 7.267 habitantes. Ten unha extensión de 95 km², unha densidade de 76,5 hab/km², e as súas coordenadas son 36º 60' N, 1º 53' O. É un concello costeiro mediterráneo, a 68 kms da capital provincial. Os seus principais intereses son unha central térmica, a desalgadora máis grande de Europa, as súas festas de mouros e cristiáns e por un polémico hotel a medio construír na zona de El Algarrobico.

Demografía[editar | editar a fonte]

O concello, eminentemente turístico, coñeceu un importante medre poboacional na última década. Dende os 6.215 habitantes de 1996, pasou aos 7.508 en 2006 (un 21% de aumento nunha soa década). Iso é debido fundamentalmente á inmigración, ben de traballadores para as importantes industrias do concello, ben de turistas fundamentalmente británicos e alemáns, que escollen a costa almeriense como lugar de residencia durante boa parte do ano.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Localización de Carboneras na provincia de Almería

O concello de Carboneras ten un relevo bastante montañoso cara ao interior, cunha altura media de 10 m sobre o nivel do mar malia o seu perímetro costeiro. A zona interior atópase nas inmediacións da Sierra Cabrera, unha formación montañosa ao norte do concello. Na costa hai grandes areais, como os urbanos de Carboneras, ou os de El Algarrobico, ao norte e Playa de los Muertos ao sur. Esta praia, que presenta unhas formacións rochosas particulares, é moi coñecida e foi valorada polo xornal 20 minutos como a mellor de España en 2007[1]. Os outros accidentes xeográficos máis importantes son a Mesa de Roldán, unha montaña costeira, o cabo de Media Naranja, e a illa de San Andrés, unha pequena illiña fronte ao núcleo urbano.

Unha pequena zona sur do concello, practicamente deshabitada, atópase comprendida dentro dos lindes do Parque Natural Sierra de Gata-Níjar.

A localidade principal é Carboneras. Tamén pertencen ao concello os lugares de Argamasón, El Llano de Don Antonio, La Cueva del Pájaro ou El Algarrobico.

O concello limita ao leste co Mar Mediterráneo, ao norte cos concellos de Mojácar e Turre, ao oeste co de Sorbas e ao sur co de Níjar.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira referencia histórica de Carboneras é a entrega que en 1559 lle fixo Filipe II de España ao marqués de Carpio coa obriga de construír o castelo de San Andrés. Este é o edificio histórico máis importante da localidade, atópase no centro do núcleo urbano, e serviu o exército castelán na guerra contra os mouriscos durante a revolta das Alpujarras.

Economía[editar | editar a fonte]

Costa do concello de norte a sur. En primeiro termo, a praia de El Algarrobico, co complexo turístico a medio construír. No fondo, a cheminea da central térmica.

O nome de Carboneras procede dunha antiga explotación de carbón na localidade. Dese tipo de extracción mineira cesou, pero continúa existindo unha central térmica da empresa Endesa. Tamén existe unha planta desalgadora da auga mariña, a maior de Europa, e unha importante factoría de cemento.

A industria turística é tamén moi importante. De feito, no termo do concello sitúase o hotel Azata del Sol, un grande complexo de 20 andares e 411 habitacións situado a poucos metros da costa. O hotel quedou a medio construír logo de diversas protestas ecoloxistas e dunha decisión xudicial, e a Junta de Andalucía anunciou a súa demolición, aínda non producida[2].

Curiosidades[editar | editar a fonte]

  • Na praia de El Algarrobico, de 3 km de lonxitude e situada na estrema setentrional do concello, rodáronse algunhas escenas do filme Lawrence de Arabia, de 1962.

Notas[editar | editar a fonte]