Cachalote pigmeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cachalote pigmeo
Kogia breviceps.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 branco gl.svg
Datos insuficientes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cordado
Subfilo: Vertebrados
Clase: Mamíferos
Orde: Cetáceo
Suborde: Odontoceto
Familia: Kogiidae
Xénero: Kogia
Nome científico
Kogia breviceps
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O cachalote pigmeo ou cachalote pequeno (Kogia breviceps, Blainville, 1838) é un cetáceo odontoceto pertenece á familia Kogiidae. Como sucede co outro membro do xénero, o cachalote anano (Kogia sima), non é obxecto de avistamentos no mar nin foi vítima da caza dos baleeiros, polo que case todo o que se sabe desta especie procede do estudo de exemplares varados.

Non foi recoñecido como especie independente do cachalote anano ata 1966.

Descrición[editar | editar a fonte]

Pygmy sperm whale size.svg

O cachalote pigmeo adulto mide uns 2,7-3,5 m e alcanza un peso duns 300-400 kg; ó naceren miden aproximadamente 1-1,2 m e pesan 55 kg. A cor é gris aceirado no dorso ou gris azulento, co ventre e cara inferior da cabeza máis pálidos, con tonos abrancazados ou rosados. Os individuos novos teñen unha cabeza máis apuntada cá dos adultos e unha pequena mancha circular clara diante dos ollos. Pode presentar engurras na pel, irregularmente repartidas.

A cabeza é proporcionalmente grande e de perfil cuadralgular, dándolle unha aparencia de estar inchada. O espiráculo está lixeiramente desprazado cara á esquerda. Tras cada ollo teñen un pregue de cor branco-crema que semella unha fendedura branquial (falsa agalla).

A mandíbula inferior é moi pequena. Posúen entre 20 e 32 dentes, pero só na mandíbula inferior.

A aleta dorsal é moi pequena, retrasada e con forma de gancho, falciforme. As aletas pectorais son anchas e curtas.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Presenta hábitos pouco chamativos e adoita vivir lonxe da costa. Cando descansa permanece flotando na superficie, con parte da cabeza ó aire, razón pola que en Xapón se lle coñece como balea flotante. Neste estado resulta relativamente fácil achegarse en barco ata eles aínda que eles tenden a non aproximarse ós barcos senón a fuxir. Aínda que normalmente son solitarios pode formar grupos reducidos de 3 a 6 exemplares.

Non é frecuente pero poden saltar sobre a superficie da auga. Fanno verticalmente e caen sobre a cola e logo deixan caer o ventre. As inmersións non van precedidas de ningún movemento especial: simplemente desaparecen da superficie.

Se se sinten en perigo expulsan un líquido intestinal de cor vermello escuro, mergullándose de inmediato entre a mancha de cor na auga. Suponse que o obxectivo deste líquido vermello é desorientar e confundi-los depredadores, a semellanza da tinta das luras.

Aliméntase de cefalópodos, crustáceos e peixes.

Distribución[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica

A distribución é insuficientemente coñecida. A información existente procede de citas de varamentos e isto dá unha imaxe errónea da presenza nos distintos mares e os posibles movementos migratorios. En calquera caso, semella preferir as augas cálidas xa que os varamentos adoitan concentrarse en mares temperados, subtropicais ou tropicais.

Parece bastante común nas costas sudorientais de Estados Unidos, en Sudáfrica, Australia e Nova Zelanda, ignorándose se se trata de poboacións illadas ou interconectadas.

É de presenza ocasional no Atlántico peninsular, a teor dos casos de varamentos rexistrados en Asturias e na costa norte galega. Segundo información da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), nas costas galegas prodúcense 2-3 varamentos anuais de exemplares desta especie [1]. Tamén se deron casos no golfo de Cádiz e nas illas Canarias orientais.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Non existen estimacións fiables da poboación actual desta especie. Os avistamentos non son representativos pola dificultade de observación (adoitan permanecer mergullados durante prolongados períodos de tempo); ademais, confúndense co cachalote anano pola súa semellanza.

Aínda que nunca foi obxecto de caza a grande escala, hai información de capturas ocasionais en Indonesia, Xapón e nas Antillas, nunca significativas. No ano 2008 foi clasificado na Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais) como especie con datos insuficientes: Data Deficient DD. Descoñécense tamén as ameazas ás que poida estar sometido e evolución natural da poboación.

En España está incluído no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

Hai casos declarados de capturas accidentais en redes de pesca e algunhas necropsias comprobaron a presenza de bolsas plásticas no estómago, o que pode representar unha ameaza crecente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Un cachalote pigmeo varó el fin de semana en la playa sancibrense de A Caosa" (El Progreso, 8.03.2011) [1].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CARWARDINE, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Omega, 1985.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cachalote pigmeo
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cachalote pigmeo