Anerxia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anerxia clonal»)

A anerxia é un termo usado en inmunobioloxía para describir a falta de reacción dos mecanismos de defensa do corpo contra unha determinada substancia allea, que consiste na indución directa de inmunotolerancia nos linfocitos periféricos. O linfocito non é eliminado, senón que segue presente, pero é inactivo. Cando se di que un individuo está en estado de anerxia, iso normalmente indica que o seu sistema inmunitario non pode dar unha resposta inmune contra un antíxeno específico, xeralmente un antíxeno propio. Dise que os linfocitos son anérxicos cando non responden ao seu antíxeno específico. A anerxia é un dos tres procesos que induce tolerancia inmunolóxica, modificando o sistema inmunitario para impedir a autodestrución (os outros dous procesos son a deleción clonal e a inmunorregulación).[1]

Mecanismo[editar | editar a fonte]

Este fenómeno describiuno primeiro nos linfocitos B Gustav Nossal e denominouno "anerxia clonal". Os clons de linfocitos B neste caso poden atoparse vivos en circulación, pero son moi pouco efectivos á hora de levar a cabo respostas inmunes. Máis tarde, Ronald Schwartz e Marc Jenkins describiron un proceso similar que operaba nos linfocitos T. Moitos virus (o VIH é o exemplo máis extremo) parecen aproveitarse da indución de tolerancia do sistema inmunitario para evadirse da acción inmunitaria, aínda que a supresión de antíxenos específicos tamén a fan uns poucos patóxenos (como Mycobacterium leprae).[2]

A nivel celular o termo "anerxia" define a incapacidade dunha célula inmunitaria de levar a cabo unha resposta inmune completa contra a súa diana. No sistema inmunitario, os linfocitos circulantes forman a principal defensa do corpo contra os virus, bacterias e parasitos patóxenos. Existen dous tipos de linfocitos, chamados T e B. Entre os millóns de linfocitos do corpo humano, só uns poucos son específicos para un determinado axente infeccioso. No momento da infección, estas poucas células deben ser recrutadas e multiplícanse rapidamente. Este proceso, chamado "expansión clonal", permite que o corpo mobilice rapidamente un exército de clons no momento e lugar en que son necesarios. Este exército clonal combate ao patóxeno ata que o corpo queda libre da infección. Despois da desaparición da infección, os clons xa non son necesarios e morren de forma natural.

Porén, un pequeno número de linfocitos poden reaccionar coas proteínas que están normalmente presentes no noso corpo, polo que potencialmente poderían desencadear unha reacción inmunitaria contra esas proteínas propias. Se se produce unha activación e expansión clonal desas células prodúcense enfermidades autoinmunitarias. Para impedir que isto ocorra, os linfocitos posúen un mecanismo intrínseco de control, que inactiva a capacidade dos linfocitos de reaccionar contra as proteínas propias.

A anerxia de células T pode orixinarse cando á célula T se lle presenta de forma incompleta un antíxeno específico, xa que non recibe unha apropiada coestimulación cando o está recoñecendo.[2] O péptido élle presentado unido ás moléculas do MHC de clase II, pero falta o segundo sinal coestimulador (unión a outra molécula), que normalmente está presente nas células presentadoras de antíxenos "profesionais", pero que está ausente noutras células, polo que o recoñecemento de antíxenos nestas produciría anerxia.

A anerxia de células B pode inducirse cando se produce unha exposición a antíxenos circulantes solubles, e está a miúdo marcada pola regulación á baixa da expresión de IgM de superficie e o bloqueo parcial de vías de sinalización celular intracelulares.[2]

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

A anerxia pode aproveitarse para usos terapéuticos. A resposta inmune a órganos ou tecidos transplantados pode minimizarse sen debilitar á vez todo o sistema inmunitario (como ocorre co uso de inmunosupresores como a ciclosporina). A anerxia pode tamén utilizarse para facer que linfocitos activados se volvan insensibles en enfermidades autoinmunes como a diabetes mellitus, a esclerose múltiple e a artrite reumatoide.[1] Igualmente, impedir que se produza a anerxia en resposta a un tumor podería axudar ás respostas antitumorais.[3]

Probas clínicas[editar | editar a fonte]

O "Multitest Mérieux" ou o sistema "CMI Multitest" (Multitest IMC, Istituto Merieux Italia, Roma, Italia) utilízase como unha proba xeral do nivel de inmunidade celular. É unha proba intradérmica da reactividade da pel (similar á proba da tuberculina) na cal se usa unha substancia de control (glicerol) con sete antíxenos de orixe bacteriano ou fúnxico (toxina tetánica, tuberculina, difteria, estreptococo, Candida, Trichophyton, e da bacteria Proteus). As reaccións destas probas están categorizadas segundo o número de antíxenos que provocan unha resposta e a extensión sumada da resposta na pel aos sete antíxenos. Aquí, considérase que hai anerxia cando nunha rexión da pel probada hai unha reactividade de 0–1 mm de diámetro; hai hipoerxia cando a reacción é de 2–9 mm en resposta a menos de tres antíxenos; hai normoerxia cando a reacción é de 10–39 mm ou a tres ou máis antíxenos, e hipererxia cando a reacción é de 40 mm ou máis.[4][5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Schwartz, Ronald H. (1993). "T Cell Anergy". Scientific American 269 (2): 61–71. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Janeway, Charles; Travers, Paul; Walport, Mark; Shlomchik, Mark (2001). Immunobiology; Fifth Edition. New York and London: Garland Science. ISBN 0-8153-4101-6. 
  3. Saibil, Samuel D.; Deenick, Elissa K.; Ohashi, Pamela S. (2007). "The sound of silence: modulating anergy in T lymphocytes". Current Opinion in Immunology 19 (6): 658–664. PMID 17949964. doi:10.1016/j.coi.2007.08.005. 
  4. Müller, Nicole; Schneider, Th; Zeitz, M; Marth, Th (2001). "Whipple's disease: new aspects in pathogenesis and diagnoses" (PDF). Acta Endoscopica 31: 243–253. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de setembro de 2019. Consultado o 08 de febreiro de 2013. 
  5. Spornraft, P.; Fröschl, M.; Ring, J.; Meurer, M.; Goebel, F.-D.; Ziegler-Heitbrock, H.W.L.; Riethmüller, G.; Braun-Falco, O. (1988). "T4/T8 ratio and absolute T4 cell numbers in different clinical stages of Kaposi's sarcoma in AIDS" (PDF). British Journal of Dermatology 139: 1–9. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xuño de 2011. Consultado o 08 de febreiro de 2013. 
  6. De Flora, S.; Grassi, C.; Carati, L. (1997). "Attenuation of influenza-like symptomatology and improvement of cell-mediated immunity with long-term N-acetylcysteine treatment" (PDF). Eur Respir J 10 (7): 1535–1541. PMID 9230243. doi:10.1183/09031936.97.10071535. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • MeshName - Clonal+anergy [1]